Os morcegos, aínda que de hábitos nocturnos e moi esquivos, non deixaron de estar presentes na cultura popular galega, na etnografía e na literatura de transmisión oral.
Un dos xogos de rapaces de hai anos era cazar morcegos. Para iso lanzábase ó aire unha pucha na liña de voo dun morcego, de xeito que este entrase na pucha e caese ó chan; tamén abonda con lanzar un farrapo ou cerello calquera. Unha vez apreixado era vítima de falcatruadas tales como obrigalo a fumar meténdolle un cigarro na boca ou mesmo crucificalo nunha porta.
En Ardán (Marín) intentan collelos mediante un pau untado con touciño, mentres din: Morceguiño, date a pau, que ten sebiño (RIVAS QUINTAS).
En Melide crese que se se ata un morcego á man dereita dun home, este non durmirá en toda a noite. Aínda máis: se se lle dá a beber sangue de morcego, non durmirá nunca máis (Terra de Melide:452) [1].
Sobre os efectos de beber sangue de morcego hai discrepancias: mentres unhas fontes aseguran que o sangue de morcego é mortal: se se bota no viño e se lle dá a beber a alguén, este morre ou tolea (CURT); outros etnógrafos recollen o seu uso como soado bebedizo para namorar, útil para calquera dos dous sexos (RISCO).
Crese que os morcegos beben o aceite das lámpadas das igrexas e que é moi mal agoiro que entren na casa. En realidade, o seu único interese son os insectos que voan ó redor das luces.
Nomes populares do morcego son os seguintes: abrenoite, busabello, espertello, moncego, monicego, morcexo, moricego, morricego, morxego, municego, muracego, murcego, muricego[2], murocego, murucego, musabello.