Linguas bantús

Familias lingüísticas africanas.

O bantú é un subgrupo de linguas que pertence á familia de linguas níxer-congo. As linguas bantús fálanse no sur do Camerún, en Gabón, República do Congo, República Democrática do Congo, Uganda, Kenya, Tanzania, Angola, Zambia, Malaui, Mozambique, Cimbabue, Namibia, Botswana e Suráfrica.

Orixe do nome

A palabra "bantú" foi usada por primeira vez por Wilhelm H. I. Bleek (1827-75) co significado de "xente" ou "persoas", como se reflicte en moitos dos idiomas deste grupo (véxase a Táboa 1). A el debemos tamén a primeira clasificación do grupo de linguas que seguiu criterios científicos, levada a cabo entre (1862 e 1869). El e, máis tarde, Carl Meinhof fixeron estudos comparativos das gramáticas das linguas bantús.

Persoa / Xente en diferentes
linguas bantús
Lingua Singular
"Persoa"
Plural
"Xente"
Proto-bantú: *monto
  • banto
Chichewa: munthu anthu
Herero: omundu ovandu
Kikuyu: ndũ andũ
Ruanda: umuntu abantu
Congo: muntu bantu
Lingala: moto bato
Lozi: mutu batu
Luba: ntu ntu
Luganda: omuntu abantu
Shona: munhu vanhu
Sotho: thō thō
Suahili: mtu watu
Xosa: umntu abantu
Zulú: umuntu abantu
Táboa 1: A raíz de cada palabra aparece
resaltada en letra grosa precedida do
prefixo de clase.

Características

A meirande parte das linguas deste grupo seguen o esquema SVO (Suxeito-Verbo-Obxecto) para a orde dos compoñentes na cláusula. A característica gramatical máis prominente dos idiomas bantús é o uso extensivo de prefixos e infixos. Cada nome pertence a unha clase e cada lingua pode ter arredor de dez clases en total, que se indican por medio dun prefixo ligado ao nome e aos adxectivos e verbos que concordan con el. Ademais, o plural indícase cun cambio no prefixo de clase (véxase a Táboa 1). Por outra parte, o verbo tamén se conxuga a base de prefixos.

En suahili, por exemplo, Mtoto mdogo amekisoma significa 'O neno pequeno leuno (o libro)'. Mtoto ('neno') goberna o prefixo adxectival m- de mdogo ('pequeno') e o prefixo do suxeito verbal a-. A continuación séguelle o morfema de tempo-aspecto (pasado/perfectivo) -em- e o marcador do obxecto -ki-, que concorda co obxecto implícito kitabu ('libro'). Se pluralizamos o suxeito ('nenos'), obtemos Watoto wadogo wamekisoma, e pluralizando o obxecto directo ('libros', vitabu) a cláusula resultante sería Watoto wadogo wamevisoma.

Linguas da familia

A lingua bantú con maior número de falantes é o suahili (G 40). Os idiomas bantús comprenden un amplo abano que acolle desde linguas puramente tonais ata outras que prescinden totalmente do ton nas funcións gramaticais e/ou semánticas. Outros idiomas bantús importantes son o lingala, o luganda, o congo e o chewa en África central e oriental e o shona, o ndebele do sur (decote considerado unha lingua, aínda que en realidade é un dialecto do zulú), o tswana, o sotho, o xosa, o sepedi e o suazi no sur de África.

Algunhas das linguas son coñecidas sen o prefixo de clase (chewa por chichewa, swahili no canto de kiswahili, zulú por isizulu, xosa en lugar de isixhosa etc.) mentres que outras varían (setswana ou tswana, sindebele ou ndebele etc.). Malia todo, a forma radical sen o marcador non se adoita dar nestas linguas: en Botswana, por exemplo, os habitantes son batswana, unha persoa é un motswana e a lingua é setswana.

Os surafricanos de raza negra ás veces eran chamados oficialmente bantús polo réxime do apartheid, de maneira que agora alí se prefire o termo sintu para referirse a este grupo de linguas; si- é un prefixo empregado, entre outros conceptos, con idiomas.

Clasificación interna

Esta familia contén centos de linguas, que foron clasificadas por Malcolm Guthrie en 1948 en grupos por zonas xeográficas e despois numeradas dentro de cada un deles. Guthrie tamén reconstruíu o proto-bantú coma a proto-lingua desta familia lingüística. Todo parece indicar que as linguas bantús tiveron a súa orixe hai uns dous mil anos na Nixeria oriental e o Camerún, desde onde se estenderon ata o sur e o leste do continente africano. Os principais grupos segundo Guthrie son os seguintes (as linguas principais van en cursiva):

Principais subgrupos das linguas bantús (Guthrie, 1948).

Número de falantes

Idioma Nome
alternativo
Falantes Zona de Guthrie Países onde se fala
Suahili Kisuahili 30–40 Millóns G40 Tanzania, Uganda, Ruanda, Burundi, Congo, Mozambique
Shona Chishona 11 Millóns S10 Cimbabue, Zambia
Zulu Isizulu 10 Millóns S40 Suráfrica, Lesoto, Eswatini, Malaui
Nyanja Chichewa 10 Millóns N30 Malaui, Zambia, Mozambique
Lingala Ngala 9 Millóns C40 Congo, Congo-Brazzaville
Ruanda Kinyarwanda 8 Millóns J60 Ruanda, Burundi, Uganda, Congo
Xosa Isixhosa 7,5 Millóns S40 Suráfrica, Lesoto
Luba-Kasai Chiluba 6,5 Millóns L30 Congo
Gikuyu Kikuyu 5,5 Millóns E20 Kenya
Kituba Kutuba 5 Millóns H10 Congo, Congo-Brazzaville (usada como crioulo)
Ganda Luganda 5 Millóns J10 Uganda
Rundi Kirundi 5 Millóns J60 Burundi, Ruanda, Uganda
Makhuwa Makua 5 Millóns P30 Mozambique
Sotho Sesotho 5 Millóns S30 Lesoto, Suráfrica
Tswana Setswana 5 Millóns S30 Botswana, Suráfrica
Mbundu Umbundu 4 Millóns R10 Angola (Benguela)
Sotho do norte Sepedi, Sotho sa Leboa 4 Millóns S30 Suráfrica, Botswana
Luyia Luluyia 3,6 Millóns J30 Kenya
Bemba Chibemba 3,6 Millóns M40 Zambia, Congo
Tsonga Xitsonga 3,3 Millóns S50 Suráfrica, Mozambique, Cimbabue
Sukuma Kisukuma 3,2 Millóns F20 Tanzania
Kamba Kikamba 3 Millóns E20 Kenya
Mbundu Kimbundu 3 Millóns H20 Angola (Luanda)

Véxase tamén

Bibliografía

  • Guthrie, Malcolm. 1948. The classification of the Bantu languages. Londres: Oxford University Press for the International African Institute.
  • Guthrie, Malcolm. 1971. Comparative Bantu, Vol 2. Farnborough: Gregg International.
  • Heine, Bernd. 1973. Zur genetische Gliederung der Bantu-Sprachen. Afrika und Übersee, 56: 164–185.
  • Maho, Jouni F. 2001. The Bantu area: (towards clearing up) a mess. Africa & Asia, 1:40–49.
  • Maho, Jouni F. 2002. Bantu lineup: comparative overview of three Bantu classifications. Universidade de Gotemburgo: Departmento de Linguas Orientais e Africanas.
  • Piron, Pascale. 1995. Identification lexicostatistique des groupes Bantoïdes stables. Journal of West African Languages, 25(2): 3–39.

Ligazóns externas

Strategi Solo vs Squad di Free Fire: Cara Menang Mudah!