Lúas de Marte

Órbitas dos dous satélites
Imaxe en cor de Deimos recolleita pola Mars Reconnaissance Orbiter o 21 de febreiro do 2009

As lúas de Marte son dúas: a lúa que recibe o nome Fobos e outra denominada Deimos. Ambas as dúas son dunha forma moi irregular e crese que proveñen do cinto de asteroides.

Os satélites de Marte foron descubertos polo astrónomo estadounidense Asaph Hall en 1877, e foi el quen lles puxo estes nomes, dos fillos do deus da guerra grego, Ares, que para os romanos era Marte. (Fobos (mitoloxía) e Deimos (mitoloxía))

Aínda que son moi pequenos e están demasiado próximos ao brillante disco do planeta, ambos poden ser capturados con telescopios de afeccionado (a partir dos 20 cm de abertura) por medio de cámaras CCD.

Historia

Imaxe en cor de Fobos obtida pola Mars Reconnaissance Orbiter o 23 de marzo do 2008.

O astrónomo Johannes Kepler sinalou a principios do século XVII que Marte debía ter dous satélites, en función dun razoamento subordinado á "harmonía numérica": se a Terra tiña unha lúa e Xúpiter, no momento de realizar Kepler a súa afirmación, críase que tiña só as catro descubertas por Galileo Galilei en 1610, entón a Marte, que estaba entre os dous planetas, tocábanlle, proporcionalmente, dúas lúas[1].

No libro d´"As viaxes de Gulliver", novela de Jonathan Swift publicada en 1726, aparecen os satélites marcianos descritos, quizais facéndose eco das opinións de Kepler. Tamén o francés Voltaire volverá a recordar a Kepler, ou a Swift, no seu libro de ficción "Micromegas", publicado en 1750, no que de novo se citan de maneira especulativa os dous satélites naturais de Marte[2]. Por estas razóns dous cráteres de Deimos chámanse Swift e Voltaire.

Descuberta

Asaph Hall
O telescopio empregado na descuberta das lúas marcianas

Foi Asaph Hall quen o 12 de agosto descubriu a Deimos e a Fobos o 18 de agosto de 1877 (fontes que usan a convención astronómica de antes do 1925 datan a descuberta o 11 e 17 de agosto respectivamente)[3][4], no Observatorio Naval dos Estados Unidos en Washington, D.C..

Hall escribiu os seus descubrimentos sobre Fobos no seu caderno como segue:[5]

Repetín a examinación nas primeiras horas da noite do 11 de agosto, e outra vez non atopei nada, mais intentándoo outra vez unhas horas máis tarde atopei un obxecto apenas visíbel do que case non tiven tempo para conseguir unha observación da súa posición por mor da néboa de proviña do Río. Isto foi ás dúas e media da noite do 11. O clima nubrado interveu durante varios días.
O 15 de agosto o clima parecía máis prometedor, durmín no Observatorio. O ceo despexouse cunha tormenta eléctrica as 11 e a investigación reanudouse. A atmosfera estaba en moi malas condicións e Marte estaba tan chameante e inestable que nada se podía ver do obxecto, do cal deducimos agora que está tan próximo ao planeta que resulta invisible.
O 16 de agosto o obxecto foi encontrado de novo, e as observacións desa noite mostran que se estaba movendo canda o planeta. Até ese momento non lle dixera nada a ninguén do observatorio sobre as miñas pescudas do satélite de Marte, mais en deixando o observatorio despois destas observacións do 16, sobre as tres da mañá, conteillo ao meu asistente, George Anderson, a quen xa lle ensinara o obxecto, que cría ter descuberto un satélite de Marte. Díxenlle tamén que estivera calado, non quería contalo mentres non estivese fóra da toda dúbida. El non dixo nada, mais eu non mo din gardado. O 17 de agosto entre a unha e as dúas, cando eu estaba reducindo as miñas observacións, o Profesor Newcomb achegouse ao meu cuarto a xantar e ensineille as miñas medicións do obxecto próximo a Marte, que probaban que se estaba movendo canda o planeta.
O 17 de agosto mentres agardaba e vía a lúa exterior, descubriuse outra interior. As observacións do 17 e o 18 deixaron fóra de toda dúbida o carácter destes obxectos e o descubrimento foi publicamente anunciado por Almirante Rodgers.

Os nomes, orixinalmente Phobus e Deimus, foron suxestionados por Henry Madan (1838–1901), mestre científico de Eton, do Libro XV da Ilíada[6].

Órbitas

Nome Imaxe Diámetro (km) Masa (kg) Distancia a Marte (km) Período orbital (h)
Fobos
22,2 km (27×21,6×18,8) 1,08×1016 9.377 km 7,66
Deimos
12,6 km (10×12×16) 2×1015 23.460 km 30,35

Notas

  1. MathPages - Anagramas de Galileo e as Lúas de Marte Arquivado 10 de maio de 2008 en Wayback Machine. (en inglés)
  2. William Sheehan, O planeta Marte: Unha historia de observación e descubrimento Arquivado 05 de xullo de 2004 en Wayback Machine. (en inglés)
  3. "Notes: The Satellites of Mars". The Observatory, Vol. 1, No. 6. 20 de setembro de 1877. pp. 181–185. Consultado o 17 de setembro de 2009. 
  4. Hall, A. (17 de outubro de 1877, firmado o 21 de setembro de 1877). "Observations of the Satellites of Mars". Astronomische Nachrichten, Vol. 91, No. 2161. pp. 11/12–13/14. Consultado o 17 de setembro de 2009. 
  5. "The Discovery of the Satellites of Mars". Monthly Notices of the Royal Astronomical Society, Vol. 38, No. 4. 8 de febreiro de 1878. pp. 205–209. Consultado o 17 de setembro de 2009. 
  6. Hall, A. (March 14, 1878, signed February 7, 1878). "Names of the Satellites of Mars". Astronomische Nachrichten, Vol. 92, No. 2187. pp. 47–48. Consultado o 17 de setembro de 2009. 

Véxase tamén

Outros artigos

Strategi Solo vs Squad di Free Fire: Cara Menang Mudah!