A época altomedieval esténdese desde a caída do Imperio Romano de Occidente até o ano 1000. Para comprender mellor este período consulte o artigo sobre a Idade Media.
O Imperio Romano caeu baixo a presión dos movementos migratorios xermanos. A comezos do século V, tres destes pobos repartíronse a Península Ibérica a través de foedus e a Gallaecia pasou así en 411 a mans de suevos e vándalos asdingos (que posteriormente a abandonarían).
A finais do século V e comezos do século VI, a provincia de romana de Gallaecia, integrada esta no Imperio Romano de Occidente, estendíase por todo o Noroeste da Península Ibérica, desde as costas cantábricas no norte, ata o río Douro e o Sistema Central polo sur. Compoñíase administrativamente de catro conventos (conventus) xurídicos con cadansúa capital, así o Conventus lucensis con capital na cidade de Lucus Augusti (Lugo), o Conventus bracarensis con capital na cidade de Bracara Augusta (Braga), o Conventus asturicensis con capital na cidade de Asturica Augusta (Astorga) e o Conventus Cluniensis con capital na cidade de Clunia, sendo este último o que foi integrado máis tardiamente na Gallaecia (século IV), pois antes pertencera á Provincia Tarraconensis. Cabe destacar que entre todas estas capitais de convento (Lugo, Braga, Astorga e Clunia) era a cidade de Bracara (Braga) a que exercía de capital provincial de toda a Gallaecia
Así, polas descricións de numerosos autores da época como Paulo Orosio, Hidacio ou Santo Isidoro coñécense algunhas das rexións humanas e xeográficas que posuía a provincia romana de Galicia (Gallaecia):
Os suevos entraron no noroeste peninsular seguindo a costa e evitando a zona de León, para evitaren así enfrontamentos coa milicia romana. De vida itinerante, estaban dirixidos por unha aristocracia guerreira e preferíanse asentar no medio rural e non nas cidades ou vilas. Coa tomada de Lugo, os xermánicos adquiriron o controlo definitivo da provincia. A cultura material non diferirá moito da galaico-romana. Os suevos, dado o seu escaso número, concentráronse no territorio que arrodea Braga.
Entre 429 e 456 emprenderon expedicións de saqueo fóra; coa derrota no río Órbigo, pasaron á área de influencia dos visigodos (chegados á Península co obxectivo pactado con Roma de contelos), á que se incorporan definitivamente no 585. Convertéronse ao catolicismo no 449 reinando Requiario, aínda que non moito despois tornarían ao arianismo ao entraren na órbita visigótica, para volveren por fin á ortodoxia coa conversión do rei Teodomiro no 559 en tempos do bispo Martiño de Dumio.
A mediados do século VI, as fontes histórico documentais realizadas na propia Galicia, amosan un alto grao de artellamento político-administrativo sobre todo o territorio. A estrutura política e eclesiástica toma forma e propicia o establecemento de núcleos administrativos tales como sedes eclesiásticas, ao que se lles adxudican un número de territorios para seren tutelados. De gran transcendencia é o compromiso real na tarefa de organización plasmada na convocatoria de Concilios e nos documentos da coroa. Entre toda a documentación do período suevo, sobresae sen dúbida a coñecida como Divisio Theodemiri (coñecido comunmente como Parroquial suevo), redactada entre os anos 527 e 582 e que pon de relevo a extensión territorial do goberno suevo así como a estrutura administrativa interna do reino. Segundo esta, o reino conta coas seguintes dioceses:
A feudalización da sociedade xa ía avanzada cando o reino visigodo foi destruído pola invasión musulmá de 711. En 813, o bispo Teodomiro anunciou a descuberta do sepulcro do Apóstolo Santiago.
Varios autores destacan na época: Paulo Orosio coñeceu a Agostiño de Hipona e a San Xerome. É o autor da Historiarum adversus Paganos Libri VII (Os sete libros da historia contra os pagáns) contra Prisciliano; Hidacio, orixinario da Limia e bispo da Diocese de Aquæ Flaviæ desde 427, é autor do Chronicon, que chega até o ano 469; Martiño de Dumio, orixinario da Panonia, escribe De correctione rusticorum, obra de catequese pedagóxico-moral, e o Parrochiale Suevum (572-582); Froitoso de Braga, xa no século VII, redacta a Regula Monachorum e a Regula Monastica communis, que perfilan o modelo de mosteiro agrícola xermánico-galaico.