O Gran Premio de Francia de fórmula 1 de 1979 celebrouse no Circuíto de Dijon-Prenois en Francia o 1 de xullo de 1979. Foi a oitava proba da tempada de Fórmula Un de 1979, o 57º Gran Premio de Francia.
Foi a primeira vitoria dun coche con turbo na Fórmula Un, Renault superou os problemas de fiabilidade que afectaran inicialmente a seu coche. Para Jean-Pierre Jabouille foi unha vitoria na súa terra natal, pilotando un coche francés (Renault), con pneumáticos franceses (Michelin), cun motor francés (Renault), e combustible francés (Elf). Jabouille foi o primeiro francés en gañar o Gran Premio de Francia desde Jean-Pierre Wimille en 1948.
A carreira é recordada por presentar unha das batallas máis feroces para acadar o segundo lugar, entre o piloto de Ferrari Gilles Villeneuve e o piloto de Renault René Arnoux, en varias ocasións durante as últimas voltas tocábanse cas rodas e intercambiaban as posicións. Esta loita é citada a miúdo como unha das máis memorables das carreiras de Fórmula Un.[1] Villeneuve, que pasou a liña de meta a menos dun cuarto de segundo por diante de Arnoux, máis tarde describiu a loita como "o meu mellor recordo dunha carreira de Gran Premio".[2]