Á morte do seu sogro Nicéforo asumiu tamén o título de «déspota de Romania». A revolta contra os anxevinos en Sicilia conduciu á guerra das Vésperas sicilianas, na que Filipe foi derrotado en 1299 por Frederico II de Sicilia, quen o mantivo prisioneiro até 1302. Co fin de adquirir novos territorios, en 1309 repudiou á súa esposa por cargos de adulterio e casou con Catarina de Valois-Courtenay, emperatriz titular latina, aínda que estaba comprometida con Hugo V de Borgoña, rei titular de Tesalónica. Á súa morte en 1332 todos os seus títulos pasaron a Roberto de Tarento, o fillo máis vello do seu segundo matrimonio.
Traxectoria
Príncipe de Tarento
Filipe naceu en Nápoles, fillo máis novo de Carlos II de Nápoles e María de Hungría, filla do rei Estevo V de Hungría.[1] O 4 de febreiro de 1294, o seu pai nomeouno príncipe de Tarento en Aix-en-Provence, e o 12 de xullo de 1294 foi ascendido a Vigairo Xeral do Reino de Sicilia.[1] Estas honras foron o preludio do plan de Carlos para crear un suposto imperio no Adriático para Filipe. O día en que foi investido como Vigairo Xeral, casou por poder con Tamar Anxelina Comnena, filla de Nicéforo I Comneno Ducas, déspota de Epiro[2]. Ameazado polo Imperio bizantino, Nicéforo decidira buscar a protección dos anxevinos, e acordou o matrimonio entre Tamar e Filipe. Os dous casaron o 13 de agosto de 1294 en L'Aquila. Despois do seu matrimonio, Carlos cedeu a Filipe a soberanía sobre Acaia e o Reino de Albania, así como todos os seus dereitos ao Imperio latino e o Señorío de Vlaquia[3]. Pola súa banda, Nicéforo cedeu como dote da súa filla as fortalezas de Vonitsa, Vrachova, Gjirokastra e Naupacto, situadas en Etolia, ademais de aceptar a sucesión deste por enriba do lexítimo herdeiro, o seu fillo Tomé. Á morte de Nicéforo (c. 1297), Filipe tomou o título de «déspota de Romania», reclamando Epiro, Etolia, Acarnania, e Vlaquia[4]. Con todo, a viúva de Nicéforo, Ana Cantacucena, proclamou ao seu fillo Tomé como lexítimo déspota de Epiro e asumiu a rexencia.
En 1306, Filipe de Savoia e Isabel de Villehardouin, o príncipe e a princesa de Acaia, visitaron a corte de Carlos en Nápoles. Filipe de Savoia foi acusado de deslealdade e falta de apoio a Carlos nunha campaña contra Epiro[6]. Xa que Isabel non solicitara o consentimento do seu señor feudal antes de casar con el, Carlos desposuíunos do Principado de Acaia e outorgouno directamente a Filipe de Tarento o 5 de maio de 1306[7]. Filipe fixo unha única visita persoal a Acaia pouco despois de aceptar a homenaxe dos seus vasalos en Glarentza e emprender unha campaña sen éxito contra o Despotado de Epiro. Deixou a Guido II de la Roche, duque de Atenas, como o seu bailío en Acaia[8]. Pola súa banda, o 11 de maio de 1307, Filipe de Piemonte renunciou formalmente ás súas pretensións sobre o territorio.
Emperador titular latino de Constantinopla
En 1309, acusou de adulterio a Tamar, o que probabelmente foi unha acusación falsa. Isto liberouno para tomar parte nun complexo pacto matrimonial[9]. Catarina de Valois-Courtenay, que retiña os dereitos sobre o derrocado Imperio latino estaba comprometida con Hugo V de Borgoña, que retiña os dereitos do Reino de Tesalónica.[10]. Este compromiso rompeu, e Catarina casou con Filipe en Fontainebleau o 29 de xullo de 1313[11]. A cambio, as súas terras maternas en Courtenay e outras propiedades no continente foron cedidas a Xoana de Borgoña, a irmá de Hugo V, que casou co medio irmán de Catarina, Filipe de Valois. Hugo V comprometeuse con Xoana de Francia, despois condesa de Borgoña e Artois. Filipe de Tarento cedeu o Principado de Acaia a Matilde de Hainaut, que casou co irmán de Hugo V de Borgoña, Lois, o 29 de xullo de 1313[12]. Esta doazón, con todo, foi restrinxida: se a parella morría sen herdeiros, o principado tería que volver á Casa de Borgoña mentres que Matilde gozaría do usufructo polo resto da súa vida, sempre que non volvese a casar novamente sen o permiso do seu señor Filipe. Para completar a separación de dereitos entre Oriente e Occidente, Hugo V de Borgoña cedeu os seus dereitos no Reino de Tesalónica en favor do seu irmán Lois, mentres que este renunciaba aos seus dereitos sobre a herdanza dos seus pais en favor do seu irmán Hugo. O compromiso do fillo máis vello de Filipe de Tarento, Carlos, con Matilde de Hainaut rompeu e comprometeuse con Xoana de Valois-Courtenay, a irmá máis nova de Catarina[13]. Filipe tamén cedeu ao seu fillo Carlos o título de déspota de Romania e outros dereitos.
A morte sen herdeiros de Lois de Borgoña en 1316 alterou os plans anxevinos para Acaia[15]. Roberto de Nápoles persuadiu a Matilde para casar con Xoán de Gravina, o seu irmán e tamén irmán de Filipe, pero cando Matilde se negou, foi secuestrada e levada a Nápoles[16]. Tras longas persuasións e ameazas, foi obrigada en 1318 a dar o seu consentimento para o matrimonio mentres que Federico Trogisio foi enviado a Acaia como novo bailío do principado[17].
En 1320, Odón IV de Borgoña, despois de varias protestas, aceptou vender os seus dereitos sobre o Principado de Acaia e o Reino de Tesalónica a Lois de Clermont por 40 000 libras[18]. Con todo, Filipe, financiado por Filipe V de Francia, comprou os dereitos sobre Acaia pola mesma suma en 1321[19]. Mentres tanto, Matilde de Hainaut protestou ante a corte papal en Aviñón, onde revelou que casara en segredo co cabaleiro borgoñés Hugo de La Palice[20]. Como resultado diso, o seu matrimonio con Xoán de Gravina foi anulado, pero de paso daba a outra serie de argumentos aos anxevinos para a confiscación do Principado de Acaia[21]. Esta, por suposto, foi concedida directamente a Xoán de Gravina, a cambio de 40 000 libras, o prezo pago ao duque de Borgoña, mentres que Matilde pasou o resto dos seus días encarcerada en Aversa para evitar novas reclamacións[22][23].
Consolidado o Principado de Acaia en mans do seu irmán máis novo, Filipe de Tarento continuou planeando a recuperación do Imperio latino.[24] En 1318 fixo unha alianza co seu sobriño Carlos I de Hungría, pero en 1330 o último dos fillos do seu primeiro matrimonio, Carlos de Tarento, morreu sen descendencia, devolvéndolle o título de déspota de Romania.[24] Todos os seus dereitos e títulos pasaron á súa morte, dous anos despois, ao fillo máis vello do seu segundo matrimonio, Roberto de Tarento.
Descendencia
Os fillos do seu primeiro matrimonio (1296), con Tamar Anxelina Comnena, que terminou cun divorcio (1309):
Carlos (1296-1315, morto na batalla de Montecatini), príncipe de Acaia, Vigairo de Romania.
Filipe (1297-1330), déspota de Romania. casou con Violante, filla de Xaime II de Aragón.
Roberto (1319-1364), príncipe de Tarento, emperador titular de Constantinopla (como Roberto II).
Lois (1320-1362), príncipe de Tarento e rei de Nápoles por dereito da súa esposa.
Margarida (aprox. 1325-1380), casada primeiro con Eduardo de Balliol, rei de Escocia, e logo con Francisco de Baux, duque de Andria. Deste último foi a nai de Jaime de Baux, príncipe de Acaia e emperador titular de Constantinopla.
María (1327 -?, morreu mozo).
Filipe II (1329-1374), príncipe de Tarento e Acaia, emperador titular de Constantinopla (como Filipe III).
Finlay, George (2009) [1851]. The history of Greece from its conquest by the Crusaders to its conquest by the Turks, and of the empire of Trebizond, 1204-1461(en inglés). University of Michigan Press. ISBN1150606843.
Kerrebrouck, Patrick van (2000). Les Capétiens, 987-1328(en francés). Villeneuve d'Asq. ISBN2950150942.
Setton, Kenneth M. (1975). A History of the Crusades: Volumen III — The Fourteenth and Fifteenth Centuries(en inglés). Madison: University of Wisconsin Press.
Setton, Kenneth M. (1976). The Papacy and the Levant (1204-1571), Volume I: The Thirteenth and Fourteenth Centuries(en inglés). The American Philosophical Society. ISBN0-87169-114-0.
Sturdza, M. D. (1999). Dictionnaire Historique et Généalogique des Grandes Familles de Grèce, d'Albanie et de Constantinople(en francés) (2 ed.). París.