O río máis importante que atravesa o concello é o Miño.
Clima
Climaticamente atópase baixo un microclima mediterráneo. A temperatura media anual é de 14,9 °C e a precipitación anual media é de 790 mm. Distínguese unha área de terras baixas e outra coas montañas que rodean o val.
A igrexa de Santa María atópase ao pé da presa. No ano 947 era mosteiro de monxas, unha das súas máis destacadas abadesas foi dona Goto, a viúva do rei de Galicia Sancho Ordóñez. O rei de León, Sancho o Craso, foi envelenado neste mosteiro no ano 967. Esta igrexa mantén parte da torre románica e unha ábsida semicircular do século XII. Conta cun arco triunfal de medio punto. No exterior hai relevos románicos. Gran parte da igrexa foi reconstruída en 1763, en estilo barroco. A tenencia deste castelo pasou por varias mans, entre elas os da Casa de Traba así como a liñaxe dos Arias, que mantivo neste castelo e logo no de Pena Corneira preso ao rei Afonso VII sendo un neno.
O río Miño marcou a actividade deste concello. Na Idade Media existiu unha ponte que se derrubou no século XVI, os seus servizos foron suplidos por unha barca. Nos anos vinte construíuse a ponte de pedra e ferro que conectaba ambas beiras do Miño, nela leváronse a cabo asasinatos durante a Guerra civil española. A construción do encoro en 1969 por FENOSA que asolagou parte das terras do concello, levou consigo a oposición dos agricultores pola contía das indemnizacións, as consecuencias ambientais e a desaparición de terras fértiles, dándose aquí unhas das primeiras manifestacións mais famosas contra dos encoros en Galicia auspiciada pola UPG. Na década de 1970 acabouse de construír a estrada nacional que unía Ourense con Portugal converténdose esta ruta na mais rendible debido ao número de viaxeiros que ía ao contrabando á Raia en Ponte Barxas.
Cultura
Toponimia
O nome de Castrelo procede do latíncastellum e castrum, "cidade alta e fortificada"[2]. O xenitivo de Miño fai referencia ó río Miño.
Economía
A economía do concello depende de maneira maioritaria do sector primario (representa aproximadamente o 50% da poboación), máis concretamente do sector vitivinícola, con 23 adegas en produción (2017), o cal corresponde a unha media dunha adega por cada 65 habitantes.[Cómpre referencia] A gandería ten pouco peso no concello e limítase a granxas porcinas provedoras da cooperativa COREN. O sector industrial representa un 20% da poboación activa, onde destaca algunha fabrica téxtil e o encoro de Fenosa. O sector servizos do concello limítase a cubrir as necesidades básicas.
Deportes
O Castrelo Club de Fútbol é o equipo do concello e de creación recente (2010) e compite na Terceira Autonómica de Galicia (Grupo 13 - Ourense) así como tamén compite na Copa da Excma. Deputación de Ourense.
Parque Náutico de Galicia
O Club Náutico Castrelo de Miño[3] é o Centro Náutico de referencia do interior de Galicia grazas á súa gran superficie de auga embalsada e as súas amplas e completas instalacións. Leva funcionando mais de 25 anos (dende 1991) e realízanse actividades deportivas con carácter turístico-recreativo e adestramento-competición, de vela, remo e piragüismo. Ofrécense cursos de iniciación e perfeccionamento todo o ano e realízanse competicións de carácter autonómico e estatal.
Festas
Festa de Nosa Señora das Neves: en Barral; 4, 5 e 6 de agosto. Inclúen a celebración da festa gastronómica da anguía.
Festas de San Roque: en Macendo; 15 e 16 de agosto.
Festas de San Antonio: en Souto; segundo sábado de xullo.
Ribeiro Blues: segunda fin de semana de agosto (cancelado desde 2021).