Sancho Ordóñez ou Sancho I,[1] nado en 895 e finado en 929, foi rei de Galiza[2] desde 926 até a súa morte. Fillo primoxénito de Ordoño II, casado coa princesa galega Goto, foi coroado trala morte de Froila II.
A morte de Froila II provocou un conflito bélico entre o fillo deste, Afonso Froilaz, e os fillos do seu irmán Ordoño II: Afonso Ordóñez (logo Afonso IV) e Ramiro Ordóñez (Ramiro II de León) capitaneados polo primoxénito Sancho Ordóñez.
Os principais magnates galegos estaban cos Ordóñez, debido ás vellas alianzas seladas polo vencello matrimonial. En efecto, a esposa de Sancho, Goto Muñiz e a de Ramiro II, Adosinda Guterrez, pertencían ás máis importantes familias galaicas con dominios dende o Cantábrico ata Coímbra. O bispado de Iria-Santiago era desafecto ao fillo de Froila, pois este negárase a recoñecer os seus dereitos históricos. Afonso Froilaz contaba co apoio de determinados oficiais asturianos e leoneses, acabou derrotado e refuxiado en Asturias, onde foi recoñecido como rei.
Sancho Ordóñez, vencedor da contenda, tivo que repartir os territorios cos seus irmáns. Afonso Ordóñez contaba co apoio de Sancho Garcés de Navarra e conseguiu coroarse o 12 de febreiro do 926 en León. Ramiro estableceuse en Viseu recoñecendo a soberanía do seu irmán máis vello Sancho e gobernando o territorio portucalense.
Sancho Ordóñez foi coroado no santuario de Santiago de Compostela ese mesmo mes, sobre o lugar apostólico (segundo el mesmo relata nun diploma) polo bispo de Iria-Santiago de Compostela Hermenexildo.
Estabilizado a repartición, a documentación da época suxire un entendemento entre os irmáns, gobernando Sancho na Galiza nuclear e Afonso na "terra de fora" e nas cidades.[3] Confirman xuntos algún documento, aparecendo Sancho en primeiro lugar. Ambos presidiron a asemblea de nobres e eclesiásticos que tivo lugar en Sarria para restaurar o mosteiro de Santa María de Loio. - in praesentia Principum Domini Santii et Domini Adefonsi, Domini Ordonii Principis proles -.
A crónica do historiador árabe Ibn Haián, baseada noutra previa de al-Razí, narra a contenda bélica entrambos que provoca que Sancho sexa aclamado unanimemente polos seus leais en Galicia. O medievalista español Claudio Sánchez-Albornoz interpreta que a crónica confunde ao rei de León con Afonso Froilaz.
No seu goberno adivíñanse tres liñas de actuación:
O modelo parece que funcionaba: o derradeiro documento que dá noticia de Sancho Ordóñez está datado no 10 de xuño do 929 e nel o nobre Ansuario doa ao universe urbe Gallecie princeps, as vilas de Benvivere e Marinotas, onda o monte Leboreiro.
Mediante aqueles tres piares mantivo a estabilidade do seu curto reinado; modelo que imitaría o seu irmán máis novo Ramiro II, gobernante na zona portucalense e que acabaría facéndose con todos os territorios da antiga Gallaecia, trala morte de Sancho, a quen sempre fora leal, e despois de derrotar a Afonso IV de León. A alianza coa nobreza galaico-portugesa e a lexitimidade do poder baixo a beizón do bispo de Iria-Santiago serán os factores integradores do seguinte período.
Aínda no ano 947, Ramiro II outorga unha escritura de doazón a prol da viúva de Sancho Ordóñez a quen segue a denominar Domine Gotho Regina.
serenissimus rex domno Santius universe urbe Gallecie princeps
(...) se diuisio inter Galletiae et terra de foris uel ciuitates de fratribus meis, qui obtinuerunt ciuitates et terra de foris cui uoluerunt concesserunt et donauerunt