O concello, situado na comarca de Ourense, ten 54,5 km². O seu relevo está estruturado en tres zonas: unha de montaña baixa (entre 600 e 800 m), que abrangue as parroquias de Souto, Mirallos, Toubes, Armental e parte de Celaguantes. A topografía é bastante accidentada, formada por numerosas lombas desgastadas pola erosión.
Entre os 400 e 600 metros de altitude están as parroquias de Gueral, Villarrubín e A Peroxa. Esta zona, coñecida como Os Chaos, é máis chaira.
A terceira unidade xeográfica está formada polas terras de val situadas a carón do río Miño e do seu afluente o río Barra, que xunto co río Búbal e o rego de Lentomil, configuran a rede fluvial do concello.
O clima é oceánico con matices meridionais, o que propicia unha vexetación variada, predominando as especies arbóreas autóctonas (piñeiros, carballos, castiñeiros e abeneiros nos vales), mentres que na zona de monte predominan os matos.
Poboación
Censo total
1.902 (2017)
Menores de 15 anos
83 (4.36 %)
Entre 15 e 64 anos
1.047 (55.05 %)
Maiores de 65 anos
772 (40.59 %)
Evolución da poboación de A Peroxa Fontes: INE e IGE.
1900
1930
1950
1981
2004
2009
2011
2012
2013
2014
2015
2016
2017
2018
2019
2020
2021
2022
2023
6.564
7.416
5.929
4.227
2.502
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)
Historia
Atopáronse restos arqueolóxicos paleolíticos, e existen restos de poboados castrexos. Coa romanización de Galicia, construíuse a vía entre Aquas Flavias e Lugo, que posibilitou a formación de novos núcleos de poboación.
Durante a Idade Media foi significativa a presenza do Conde de Ribadavia, que chegou a dominar a maior parte das parroquias que integran o municipio. Tamén foi importante o señorío exercido pola diocese de Ourense, que administrou Vilarrubín e Toubes, mentres que a parroquia de Armental pertenceu ao señorío de Pedro Losada e a de Beacán ao mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil.
Xa na Idade Contemporánea, por mor das excesivas cargas fiscais ás que estaba sometido o campesiñado da zona, creáronse nas parroquias de Graices e O Souto organizacións agrarias de carácter revolucionario (agrarismo), coa finalidade de rematar co sistema feudal e combater os abusos dos señoríos, que mantiveron os seus privilexios a través do cobro de cuantiosas rendas en especies até finais da década de 1920.
Patrimonio
Entre o seu patrimonio arquitectónico destaca o castelo da Peroxa, destruído no século XX para construír a nova igrexa parroquial.
A igrexa de San Xinés conta cunha torre barroca con dupla balconada. No retablo da igrexa de Graíces, do século XVII, traballou o escultor ourensán Alonso López.
Entre os pazos e casas grandes destaca a casa da Torre (Graíces), as de Souto e Cinconogueiras e os Pazos de Turbisquedo (convertido nunha casa de turismo rural), Redondelle (Sano Equis), Ansariz (Armental) e o de Láncara.
Festas
Na Peroxa ten lugar a feira os días 13 e 27 de cada mes. Se estes días caeren en domingo, a feira pasa ao sábado anterior (días 12 e 26). Entre a súa gastronomía destaca a carne de vitela ao caldeiro.