Castelo de San Filipe

Castelo de San Filipe
ben de interese cultural
ConcelloFerrol
ProvinciaA Coruña
Comunidade
autónoma
Galicia
Coordenadas43°27′53″N 8°16′54″O / 43.4646, -8.28167
Estilo arquitectónico
Estilo orixinalrenacemento (século XVI)
Estilo actual? (Século XVIII)
Estado actualBo estado de conservación
Véxase tamén
Castelos de Galicia
editar datos en Wikidata ]

O castelo de San Filipe[1] foi unha das fortalezas máis importantes da ría de Ferrol, construído no século XVI. Xunto a este castelo na ría tamén se atopan o castelo da Palma e o castelo de San Martiño, hoxe en día en ruínas, que conformaban en conxunto o escudo defensivo da ría. Este sistema mandouno proxectar o capitán xeneral do Reino de Galicia, o marqués de Cerralbo, aos enxeñeiros Fratín, Spanochi e Muñíz.

Situación

O castelo de San Filipe atópase na parroquia de Brión, no concello de Ferrol. Está á beira da ría, fronte con fronte co castelo da Palma.

Situación dos castelos de San Filipe e da Palma.

Construción

No ano 1589 comézase a construción do castelo auspiciada por Filipe II, do que toma o seu nome, e é entre os anos 1731 e 1755 cando o enxeñeiro Francisco Montaigú se encarga de deseñar unha serie de reformas, entre as que destaca a construción dun hornabeque, e foso e o proxecto da porta principal.

O seu deseño baséase nas ensinanzas técnicas de Vauban e na adaptación ao terreo sobre o que se asenta.

Función

A súa función consistía na defensa do porto de Ferrol apoiado polos castelos de San Martín e o de Nosa Señora da Palma, que se atopaba na beira oposta (a sur). Entre este último castelo e o castelo de San Filipe tendíase unha cadea en caso de ataque inimigo para evitalas entradas de navíos na ría.

O castelo facía o labor de gran fortificación que cubrise as funcións de loxística e de coordinación da rede defensiva da ría.

Descrición e características

Baseado nas ideas de Vauban a súa forma vén dada, tanto pola canle de entrada marítima, como pola orografía do terreo e nela podemos apreciar unha xeometría bastante regular, có hornabeque como elemento central.

Portada leste.

Montaigú deulle a súa forma de abano aberto con capacidade para máis de setenta canóns a rentes da ría, xunto a varios recintos graduados ata chegar a un grande hornabeque orientado cara ao monte posterior. Laboruse en cantaría de excelente labra. As austeras portadas foron deseñadas polo enxeñeiro La Ferrière.

Posuía unha planta en punta de frecha, dirixindo cara ó mar unha dobre liña de fogo organizada en dous pisos contando cun total de cen bocas do fogo; e proxectando cara a súa fronte de terra o grande hornabeque.

Un dos defectos deste baluarte é que estaba dominado polas alturas circundantes o que o facía parcialmente vulnerable ante un ataque terrestre.

Historia

As orixes da fortificación de San Filipe remóntanse ao século XVI, en plena loita pola hexemonía marítima dos países europeos. Ferrol, como punto estratéxico para o aprovisionamento dos buques da Armada Real, necesitaba dun sistema defensivo eficaz fronte ás pretensións dos almirantes ingleses e franceses. Así no ano 1589 comézase a construción deste baluarte e doutros dous, o da Palma e o de San Martín.

En 1588, debido a unha treboada, parte das naves que formaban a Grande Armada de Filipe II buscou refuxio na ría de Ferrol. En 1594 a armada inglesa intentou apoderarse de Ferrol fracasando no intento, ó igual que en 1639 durante o ataque do exército francés ao mando do almirante Henri D'Escobleau cando os tres fortes demostraron a súa eficacia.

No ano 1656, segundo informes militares da época da fortaleza quedaba "... la puerta caída... y sin defensa ninguna por estar debajo de un monte que a pedradas puede echar la gente...".

O 25 de agosto de 1800 ten lugar un intento de apoderarse de Ferrol e destruír os estaleiros por parte dunha armada inglesa, que se dirixía a Exipto para loitar contra Napoleón, durante a Batalla de Doniños ou Batalla de Brión, con máis de cen barcos e 15.000 homes, mandados polo contraalmirante Warren, que tras enviar tres vagas contra o forte, que foron sucesivamente vencidas grazas a axuda dada dende o forte da Palma e das canoneiras situadas na ría o que obrigou ás tropas británicas a reembarcar, deixando máis dun millar de baixas nos intentos. Trala derrota inglesa, Napoleón celebrouno coa frase: "polos valentes ferroláns".

En 1809 ocorreu a ocupación francesa pero esta solo durou un mes.

Durante a guerra civil española funcionou como prisión militar, e nela leváronse a cabo fusilamentos de presos políticos. En xaneiro de 1938 foron mortos Amada García Rodríguez, Juan José Teijeiro Leira, José María Montero Martínez, Ángel Roldos Gelpi e Antonio Eytor Canizo de Mugardos, Ramón Rodríguez López e Jaime González Pérez de Ares e Germán López García de Cabanas.

Protección

Baixo a protección da Declaración xenérica do Decreto de 22 de abril de 1949, e a Lei 16/1985 sobre o Patrimonio Histórico Español.

Galería de imaxes

Notas

  1. Castelo de San Filipe na páxina web colaborativa Patrimonio Galego.

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas

Strategi Solo vs Squad di Free Fire: Cara Menang Mudah!