Pertenceu esta fortaleza a Gonzalo Piñeiro, nobre galego que tomou partido por Pedro I O Cruel na guerra civil que o enfrontou con Henrique II de Trastámara. Vencido o seu señor as hostes do Trastámara perseguiron aos Piñeiro ata derrotar ao último deles en Anca. Henrique concedeulle as terras e o castelo aos Andrade en pago a súa axuda durante a contenda.
Segundo Comerma y Batalla o castelo tornou aos seus antigos propietarios no ano 1527[2].
O castelo foi abandonado no século XVII e o seu estudo comeza coa publicación a principios do século XX dun libriño sobre tres castelos próximos a Ferrol no que presentaba un plano do castelo cos seus sotos, libro este obra do enxeñeiro catalán residente en Ferrol Andrés Avelino Comerma y Batalla.
A principios do ano 2007 un equipo dirixido polo arqueólogo lugués Anxo Felpeto iniciou un proxecto de investigación e rehabilitación do castelo.
A entrada principal é unha portaalintelada onde se situaba o anciño e a porta levadiza. Conserva outras portas unhas de arcos de medio punto e outras con arcos escarzanos.
A torre da homenaxe estrutúrase en catro plantas co teito abovedado. A porta de acceso sitúase nove metros máis alta que a porta principal. Outra pequena porta ábrese na planta inferior. No seu lado sur ábrese unha pequena ventá xeminada co parteluz soportando dous arcos de medio punto. Unha última abertura se pode apreciar na torre, trátase dunha latrina apoiada en canzorros.
O Castelo é propiedade da Casa de Alba que o cedeu por 30 anos á Xunta de Galicia[3].