O castelo de Ferreira (Ferraria) foi unha fortaleza medieval da que existen referencias desde finais do século XI. Algúns estudosos sitúana na vila de Santa María de Ferreira en Coristanco.[1]
Localización
O castelo e a súa xurisdición aparecen inicialmente asociados ao nome de Pedro Froilaz de Traba, quen no ano 1090 subscribiu un diploma real como señor de Ferreira (dominator Ferrarie)[2]. En 1096 confirmou unha doazón do conde Raimundo de Borgoña á catedral de Mondoñedo como "Petrus Froylaz comes de Ferraria"[3] e no mesmo ano figura nunha concesión de Afonso VI ao mosteiro de Montesacro como "Petrus Froylaz dominator Ferrarie"[4].
Outra posible localización para a fortaleza é o lugar de Ferreira, nas Terras de Trasancos, dominio familiar dos Froilaz[5] onde o conde Pedro tiña abondosas posesións.[6] Alí existe unha elevación sobre o terreo, O Pico de Ferreira que semella indicada para albergar unha fortaleza medieval.[7].
Na Historia compostellana nárrase como con motivo da revolta galego-portuguesa contra ela do ano 1116, a raíña Urraca tentou gañar para o seu bando ao bispo Xelmírez ofertándolle o señorio de Ferreira e o seu castelo xunto co de Lobeira e a terra de Montaos[8].
A crónica compostelá conta tamén como arredor do 1129 os vasalos de Rodrigo Pérez de Traba, fillo do conde Pedro, secuestraron a un arcediago de Diego Xelmírez[9]. Tratábase segundo o texto de xente das terras que pertencían aos castelos de San Xurxo, Traba e Ferreira no arcediagado de Trastámara[10][11], o que indica certa proximidade entre as fortalezas. Tamén nalgún documento do tempo do rei Afonso VII parece indicarse que o castelo de Ferreira non esta lonxe do de Traba, motivo polo que o investigador Manuel Gago especula coa posibilidade de de que o castelo de Ferreira sexa na realidade a desaparecida fortaleza de Penafiel.[12]
Notas
- ↑ Suárez, Manuel; Campelo, Jose, eds. (1950). Historia compostelana, o sea hechos de D. Diego Gelmirez, primer arzobispo de Santiago. Santiago de Compostela: Porto y Cía. Editores. op. cit. 215.
- ↑ Reilly, Bernard F. (1982). The Kingdom of León-Castilla Under Queen Urraca (PDF). Princeton University Press. p. 36.
- ↑ Recuero Astray, Manuel (2002). Documentos medievales del reino de Galicia. Doña Urraca (1095-1126). Xunta de Galicia. doc. 4.
- ↑ Gambra, Andrés (2013). Alfonso VI 2. Marcial Pons. doc. 14.
- ↑ Barón Faraldo, Andrés (2006). "O grupo aristocrático dos fróilaz nas Terras do Eume. Implantación territorial e estrutura do dominio durante os séculos XI e XII" (PDF). Catedra. Revista eumesa de estudios (13). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 08 de xuño de 2013. Consultado o 18 de xullo de 2019.
- ↑ "Doazón de Ferreira para o mosteiro de Xuvia". www.falamedesansadurnino.org. Consultado o 2019-07-18.
- ↑ "A lenda do Pico de Ferreira". www.falamedesansadurnino.org. Consultado o 2019-07-18.
- ↑ Falque Rey, Emma (ed.). Historia Compostelá (1994 ed.). pp. 257–258.
- ↑ Falque Rey, Emma (ed.). Historia Compostelá (1994 ed.). p. 517.
- ↑ López Ferreiro, Antonio (1901). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela 4. p. 148.
- ↑ González López, Emilio (1957). Grandeza e decadencia do Reino de Galicia (1978 ed.). Galaxia. p. 267.
- ↑ Gago Mariño, Manuel (2011-09-08). "No corazón do xigante (II): Castelos cardinais". Capítulo 0. Consultado o 2019-07-19.
Véxase tamén
Bibliografía
- Falque, Emma, ed. (1994). Historia compostelana. Col. Clásicos latinos medievales 3. Madrid: Akal. ISBN 9788446004172.