Para o director de cine do mesmo nome vexáse Carlos López Piñeiro
Carlos Piñeiro Iglesias, nado na Coruña c. 1955 e finado o 16 de decembro de 2012, foi un piloto de rally galego que competiu en diversos campionatos, tanto en Galicia como España.
Natural do coruñés barrio da Gaiteira,[1] foi un destacado piloto nas décadas de 1970 e 1980 e logrou varias vitorias no campionato de España, rematando en terceira posición no campionato de 1983.[2] Foi campión galego en cinco ocasións (1980, 1981, 1982, 1984 e 1987), cifra só superada por Víctor Senra e Germán Castrillón, ademais de obter un total de 22 vitorias.[3] Competiu con diversos coches, principalmente co Porsche 911 ao longo da súa traxectoria e con diversas escuderías como Escudería La Coruña ou o equipo Rothmans tendo de compañeiros entre outros ao galego Beny Fernández ou ao vascofrancés Marc Etchebers. Posuía un taller de venda e reparación de automóbiles en Sada.[4]
Faleceu o 16 de decembro de 2012 debido a un tumor cerebral.[5]