Pertence a unha familia con tradición no automobilismo galego. Seu pai, Santiago Ares, foi catro veces campión galego de autocross, seu irmán Santiago tamén competiu en dito campionato, ao igual que os seus curmáns Jorge Roel e Miguel Suárez, este último tamén piloto de rallys de asfalto.[2]
Debutou como piloto de carcross no 2001, acadando o campionato galego da modalidade en 2004, 2005 e 2011 e foi subcampión de España en 2005 e 2006.[1] Neses anos participou en dous eventos en Galicia e Asturias como copiloto e logo saltou ao rally como piloto gañando o Volante RACC Galicia Júnior no 2007.
En 2015 deu o salto ao Campionato de España cun programa completo, mentres que ao campionato galego só acudiu a catro citas, gañando as catro. No nacional logrou o seu primeiro podio cun terceiro posto na Vila de Adeje.[15] Subiu ao podio en Sierra Morena e nas Rías Baixas, e en Ourense conseguiu a súa primeira vitoria.[16] Uns días despois en Ferrol repetiu a fazaña sumando o seu segundo triunfo nacional.[17] Un terceiro e un cuarto posto nos dous eventos asturianos e de novo a vitoria na última cita, o Rally Comunidade de Madrid, permitíronlle acadar o subcampionato de España.[18]
En 2016 correu os dous primeiros eventos do campionato galego, Noia e o Cocido, con dúas vitorias, pero abandonou o campionato despois de que a Federación Galega de Automobilismo decidise limitar a potencia dos Porsche coa colocación dunha brida no turbo.[19] No campionato nacional disputou varias probas con diferentes monturas: Canarias e Adeje cun Ford Fiesta R5, Ferrol e Ourense co Porsche, Princesa de Asturias cun Škoda Fabia R5, e Llanes cun Subaru BRZ. Acadou a vitoria no Rally Princesa de Asturias, sendo o segundo galego en logralo 44 anos despois da vitoria de Estanislao Reverter co Alpinche,[20] e finalizou a tempada en 9º lugar.
Hyundai (2017-actualidade)
En 2017 adquiriu un Hyundai i20 R5 co que se enfrontou ao campionato de España ao completo, con José Antonio Pintor como copiloto. Subiu ao podio nas catro primeiras probas do ano e logo gañou as cinco seguintes: Ferrol, Princesa de Asturias, Llanes, Cantabria (onde se asegurou matematicamente o título)[21] e o Mediterráneo[22] para rematar o ano cun terceiro posto en Madrid que lle permitiu gañar por primeira vez o campionato de España, así como darlle o primeiro título no certame a Hyundai, na súa primeira participación.[23][24]
En 2018, outra vez con Hyundai, enfrontouse de novo ao nacional, logrando a vitoria na primeira cita, o Rally do Cocido. Foi cuarto en Serra Morena tras unha mala elección de pneumáticos, rompendo unha racha de 11 podios consecutivos (e establecendo un novo récord no campionato)[25] e regresou ao podio nas Canarias, onde foi terceiro. Foi segundo en Villa Adeje por diante de Miguel Ángel Fuster, con quen estaba en loita por liderar o campionato. En Ourense e Alacant gañou pero logo fallou en Ferrol e Oviedo, onde Ares conseguiu o terceiro e segundo posto respectivamente. O podio no Rally Princesa de Asturias permitiulle ao de Hyundai poñerse máis líder no campionato e proclamouse campión por segundo ano da FIA Iberian Rally Trophy.[26] Nas seguintes catro probas conseguiu catro segundos postos, polo que o título foi parar a Fuster, con 16 puntos máis que Ares.[27]
En 2019 afrontou de novo o campionato de asfalto co apoio de Hyundai. A súa primeira cita do ano foi o Rally da Coruña onde repetiu o triunfo acadado o ano anterior.[28] A primeira carreira do nacional foi a de Serra Morena, proba onde gañou Pepe López mentres Ares rematou na segunda posición.[29] Nas Canarias substituíu o seu habitual copiloto José Antonio Pintor por David Vázquez,[30] co que logrou outro segundo posto.[31] En Adeje, coa ausencia de Pepe López, conseguiu a primeira vitoria e situouse líder do campionato.[32] En Ourense sufriu unha avaría que o obrigou a se retirar,[33] mais volveu gañar no Cocido, recuperando o primeiro posto tras o abandono de Pepe por unha saída de pista.[34] En setembro acudiu á localidade italiana de Maggiora para participar na última cita do Campionato de Europa de Kart Cross. Logrou a vitoria aos mandos dun Semog Bravo co que partira dende a segunda fila da grella de saída.[35][36]
En xullo disputouse a 50ª edición do Rally de Ferrol, onde Ares non puido con Pepe López, que gañou a proba por diante do de Cambre.[37] No Rally Princesa de Asturias, tanto Iván Ares como Pepe López tiveron que abandonar por accidente,[38] mentres que na outra proba asturiana, en Llanes, o triunfo foi para Pepe, seguido por Ares, que levou a cabo unha gran remontada tras picar unha roda.[39][40] A mediados de outubro, Ares rematou en segunda posición o Rally de Cantabria, por detrás de Surhayen Pernía e por diante de Pepe López, colocándose así con 26 puntos de vantaxe sobre López, a falta de dous rallys.[41] Con todo, unha avaría mecánica no Rally de La Nucía-Mediterráneo e a vitoria de Pepe López deixouno sen posibilidades de gañar o campionato, que foi parar ao madrileño.[42] Xa sen opcións, gañou o último rally da tempada, o da Comunidade de Madrid, asegurando así o subcampionato e dándolle a Hyundai a vitoria no campionato de construtores.[43]
En 2020 non competiu ata xullo, por mor da pandemia por coronavirus que paralizou todos os campionatos. Volveu á competición no Rally de Zamudio, o primeiro rally disputado na Península Ibérica despois da interrupción e a primeira proba do campionato vasco.[44] Alí estreou un novo Hyundai i20 R5, que adquirira uns meses antes para substituír o coche co que correra os tres anos anteriores.[45][46] O dominio de Ares foi absoluto sendo o máis rápido en todos os treitos e sacándolle máis dun minuto ao segundo clasificado, Iván Muñoz.[47][48] Dúas semanas despois deu comezo o campionato de España, coa disputa do 53º Rally de Ourense. O coche de Ares mantívose case toda a carreira en terceiro lugar, pero lonxe dos tempos de Pepe López e José Antonio "Cohete" Suárez. Con todo, unha roda picada deste último fixo que Ares rematase na segunda posición final a case un minuto de López.[49] En agosto, no 51º Rally de Ferrol, tampouco foi quen de seguir o ritmo de López e Suárez, acabando en terceira posición,[50] resultado que repetiu nos tres seguintes rallys nos que participou: o Rally Fafe Montelongo, do Campionato de Europa de Rally, e os rallys Princesa de Asturias e La Nucía-Mediterráneo, do nacional de asfalto.[51][52][53] A continuación gañou o Rally Illas Canarias e quedou segundo no Rally Comunidade de Madrid, finalizando o campionato na terceira posición.[54]