Augusto Carlos Teixeira de Aragão, nado en Lisboa o 15 de xuño de 1823 e finado na mesma cidade o 29 de abril de 1903, foi un militar, médico, numismático, arqueólogo e historiador portugués. Como oficial do exército portugués, xubilouse co rango de xeneral. Está considerado como un dos pais da numismática en Portugal.[1][2][3][4]
Era fillo de José Maria Teixeira de Aragão e de Mariana Hermógenes da Silva.[1]
Teixeira cursou estudos de Medicina e, no exército portugués, alcanzou o cargo de cirurxián maior en xefe.[1][2] No seu labor como médico e militar, desempeñou tamén o cargo de director do Hospital Militar de Tavira e, no exercicio civil, como cirurxián no distrito de Setúbal, formou parte da comisión de asistencia e socorro aos afectados pola epidemia de disentería que se produciu alí en 1849.
Xa desde ben rapaz, Teixeira dedicouse ao coleccionismo de moedas. O seu interese pola numismática, as súas lecturas de historia e arqueoloxía e, tamén, a súa amizade con Lois I de Portugal (de cuxo gabinete numismático foi director) permitíronlle dedicarse en profundidade a esta disciplina ao longo da súa vida.[1][5]
Na década de 1860 foi un dos responsables dos traballos de redescuberta do sitio arqueolóxico da cidade romana de Balsa, no distrito de Faro.[6][7]
En 1867, en condición de conservador do gabinete do Palacio da Ajuda, encargouse da organización, a catalogación e a exposición dos fondos do Museo de Antigüidades da Ajuda, constituídos por pezas de gran valor pertencentes ao tesouro da casa real portuguesa, a conventos extinguidos e a particulares, e adquiriu tamén pezas novas. Durante o desempeño destas funcións, encomendóuselle a tarefa de levar parte dos obxectos da colección da casa real á Exposición Universal de París de 1867, onde logrou a medalla de ouro outorgada pola Comisión de Historia do Traballo. Durante o transcurso da exposición tivo a oportunidade de tomar contacto coas personalidades de máis recoñecemento mundial no campo da numismática. Ao mesmo tempo, foi nomeado polo Ministerio da Guerra de Portugal para representar o seu país na Conferencia Internacional das Sociedades de Auxilio a Militares Feridos e Enfermos en Tempo de Guerra que se realizou nesa mesma cidade.[1][8]
En 1870 publicou o libro Descrição Histórica das Moedas Romanas Existentes no Gabinete Numismático de sua Majestade El-Rei O Senhor D. Luiz I.[9] Un ano despois foi admitido como socio correspondente do Instituto Histórico e Xeográfico Brasileiro, grazas ao informe favorable acerca desta obra emitido pola Comisión de Arqueoloxía e Etnografía.[1][10]
En 1872 foi nomeado Secretario Xeral do Goberno da India e, en tal condición, acompañou a Goa o infante don Augusto, irmán do rei Lois I, na expedición de 1895.[1][11]
En 1875 publicouse o primeiro dos tres volumes da súa obra monumental Descrição Geral e Histórica das Moedas Cunhadas em Nome dos Reis, Regentes e Governadores de Portugal.[9] Teixeira de Aragão chegou a planear un cuarto volume desta obra, onde incluiría as moedas portuguesas do Brasil e da África Occidental Portuguesa, que non chegou a materializarse.[1][12]
Este mesmo ano formou parte da Comisión da Academia Real de Belas Artes, nomeada polo Goberno, co obxectivo de propor a reforma do ensino das belas artes, o plan para a organización dos museos, e o Servizo dos Monumentos Históricos e da Arqueoloxía. En 1876 foi elixido membro da sección de historia e arqueoloxía da Academia Real das Ciencias de Lisboa, que en 1880 o nomeou comisario rexio para a preparación do programa de traslado dos restos mortais de Vasco da Gama desde a igrexa do convento da Nosa Señora das Reliquias da Vidigueira ata o Mosteiro dos Xerónimos, onde permanecen desde entón.[1][13]
En 1877 participou na conferencia arqueolóxica da Citania de Briteiros en Guimarães.[14][15]
En 1881 desempeñou o cargo de vogal e delegado da comisión organizadora da exposición Special Loan Exhibition of Spanish and Portuguese Ornamental Art, que tivo lugar no museo South Kensington de Londres.[16]
Foi membro, así mesmo, da Sociedade de Xeografía de Lisboa, da Sociedade Francesa de Numismática, da comisión de antigüidades da Real Academia da Historia, de Madrid.[17]
Teixeira de Aragão faleceu o 29 de abril de 1903 e foi sepultado no Cemiterio dos Praceres, en Lisboa.
Na súa memoria, a Sociedade Portuguesa de Numismática celebrou en Porto en xuño de 1963 a súa I Exposición Biblio-Numismática, e no mesmo ano cuñou a Medalla Teixeira de Aragão en bronce patinado, cun diámetro de 70 mm e peso de 163 g.[3][18][19]
Esta é unha escolma das principais publicacións de Teixeira de Aragão:[20][21][22]