Na bibliografía antiga, a adenina foi algunha vez chamada vitamina B4; porén, hoxe non se considera unha verdadeira vitamina.
A súa fórmula é C5H5N5. É un derivado da purina (é unha base púrica) na que un hidróxeno foi substituído por un grupo amino (NH2):
Ó igual que a guanina, a citosina, a timina e o uracilo (todas bases nitroxenadas), forma parte dos nucleótidos que constitúen as longas cadeas de ácidos nucleicos; cada nucleótido está formado por un grupo fosfato, un azucre de cinco carbonos (ribosa ou desoxirribosa) e unha destas bases. Na estrutura de dobre hélice en forma de escada retorta que presenta o ácido desoxirribonucleico (ADN), cada base acóplase con outra base específica, formando os traveseiros da escaleira. A unión destas bases prodúcese por afinidade química, de forma que no ADN, a adenina sempre se une á timina. Nas secuencias de nucleótidos, a adenina represéntase pola letra A.
Tamén forma parte da molécula de trifosfato de adenosina, que constitúe a fonte principal de enerxía a nivel celular, e está presente en moitas substancias naturais como a remolacha, o té e os ouriños.
A adenina, xunto coa timina, foi descuberta en 1885 polo bioquímico alemán Albrecht Kossel.
Notas
↑Dawson, R.M.C., et al., Data for Biochemical Research, Oxford, Clarendon Press, 1959.