4 luni, 3 săptămâni și 2 zile é un filme romanés de 2007 escrito e dirixido por Cristian Mungiu. Está protagonizado por Anamaria Marinca, Laura Vasiliu e Vlad Ivanov. Está ambientado na Romanía comunista nos derradeiros anos da era de Nicolae Ceaușescu. Conta a historia de dúas estudantes universitarias, compañeiras de cuarto que tratan de facer un aborto. Inspirada no contexto histórico e social, amosa a lealdade de dúas amigas e as súas dificultades para conseguilo.
Mungiu e o fotógrafo Oleg Mutu rodárona en Bucarest e noutras localizacións en 2006. Despois da súa estrea mundial en Cannes, 4 luni, 3 săptămâni și 2 zile estreouse en Romanía o 1 de xuño de 2007, no Festival Internacional de Cinema de Transilvania. Foi aclamada pola crítica, e salientouse o seu minimalismo e a súa intensa temática.
Gañou tres premios no Festival de Cannes 2007, incluíndo a Palma de Ouro. Tamén conseguiu outros premios, como o de mellor filme no Premios do Cinema Europeo e nos Premios Gopo romaneses. 4 luni, 3 săptămâni și 2 zile converteuse en obxecto de controversia sobre a censura, o debate sobre o aborto e a súa exclusión na 80ª edición dos Oscar, mais está considerado un dos mellores filmes da década de 2000.