The Man Who Wasn't There é un filme neo-noir de 2001 escrito, dirixido, producido e montado polos irmáns Coen. O filme estivo protagonizado por Billy Bob Thornton, acompañado por Frances McDormand, James Gandolfini, Michael Badalucco, Tony Shalhoub, Scarlett Johansson, Jon Polito e Richard Jenkins. Foi coproducida de forma independente a través de produtoras estadounidenses e británicas.[1] A trama está ambientada en 1949 e relata a historia de Ed Crane, un barbeiro retraído que leva unha vida común nunha pequena cidade de California xunto á súa esposa, de quen sospeita que está a ter unha aventura co seu xefe. A situación de Ed cambia cando un estraño chega á barbería e ofrécelle a oportunidade de unirse a el como socio nun novo negocio prometedor, a cambio dun investimento de dez mil dólares. Atraído pola idea, Ed planea chantaxear ao amante da súa esposa para conseguir o diñeiro.
O filme tomou elementos do cine negro clásico como o branco e negro e a voz en off, ao mesmo tempo, diferenciouse deste incluíndo música clásica, ambientando a trama nunha pequena cidade e contando cun protagonista alleo ao mundo do hampa.[3] Os Coen comezaron a desenvolver a idea a partir dun anuncio de cortes de pelo dos anos 1940 que viron mentres rodaban The Hudsucker Proxy, en galego O gran salto.[4] O argumento estivo en gran medida influenciado polas novelas negras de James M. Cain, principalmente Double Indemnity, The Postman Always Rings Twice e Mildred Pierce.[4] En canto á estética, The Man Who Wasn't There inspirouse en cintas das décadas de 1940 e 1950 —entre elas Shadow of a Doubt, en galego A sombra dunha dúbida—, e mesmo en películas de ciencia ficción e «documentais baratos» desas décadas.[5][6]
A rodaxe levouse a cabo en distintas localizacións de California e orixinalmente filmouse en cor para despois ser convertida a branco e negro. A cinta estreouse e participou na selección oficial do Festival de Cannes de 2001, onde Joel Coen levou o premio ao mellor director. Trala súa estrea nos cines, tivo unha repercusión morna na venda de billetes,[2] con todo foi ben recibida pola crítica cinematográfica,[6] que eloxiou o traballo de fotografía de Roger Deakins[7][8][9][10] e as actuacións, en especial o papel do lacónico protagonista interpretado por Thornton.[9][10][11][12] Algúns críticos de medios como The Guardian, BBC e Austin Chronicle referíronse a ela como unha das mellores cintas do ano.[8][12][13][14] Da mesma forma, o National Board of Review incluíuna dentro das súas mellores dez películas do ano e outorgoulle a Thornton o premio ao mellor actor.[15][16] Deakins recibiu un nomeamento nos Premios Óscar á mellor fotografía e a película logrou múltiples candidaturas e premios por parte doutras organizacións.[17]
Argumento
A historia está narrada durante o verán de 1949 na vila de Santa Rosa situado ao norte de California. Ed Crane (Billy Bob Thornton) é un barbeiro de carácter melancólico, inexpresivo e reservado casado con Doris (Frances McDormand), unha oficial contable con algúns problemas de alcoholismo. Xeralmente Ed contesta con pouco máis que un xesto debido a que todo o que sucede ao seu ao redor resúltalle pouco máis que inerte. A tal punto que termina por sentirse aborrecido da súa vida, de aspecto rutineira e aburrida. A barbería onde traballa pertence a Frank (Michael Badalucco), o seu cuñado e tamén colega, un auténtico charlatán. Un día, na barbería, Ed coñece a Creighton Tolliver (Jon Polito), un home de negocios que está a buscar un investidor para desenvolver unha nova tecnoloxía de limpeza en seco. Despois de pensalo, a Ed resúltalle convincente a idea e decide investir. De forma anónima e sutil, Ed chantaxea ao xefe da súa esposa Doris, alcumado «Big Dave» (James Gandolfini), aproveitando que ten a completa certeza de que Dave mantén unha relación amorosa con ela. Desta forma, Ed pretende conseguir os dez mil dólares que necesita para formar parte do negocio.
Dave retira o diñeiro da súa empresa —o grande almacén Nirdlinger— para pagar a chantaxe. Con todo, descobre o plan e golpea a Tolliver ata que este implica a Ed. Dave enfróntase a Ed no almacén e tenta matalo, pero Ed apuñálao fatalmente cunha navalla para cigarros. Despois do funeral de Dave, a esposa deste (Katherine Borowitz) achégase a Ed e coméntalle que un día, ela e Dave viron un ovni. Máis tarde, atópanse irregularidades nos arquivos de contaduría do almacén. A policía arresta a Doris por desfalco e pola morte de Dave. Ed contrata a Freddy Riedenschneider (Tony Shalhoub), un custoso avogado defensor de Sacramento, quen chega á cidade e alóxase no mellor e máis caro hotel. Este continua vivindo extravagantemente co diñeiro da defensa de Doris, o cal Frank obtivo hipotecando a barbería. No entanto, Doris cólgase na súa cela durante a mañá antes do xuízo. Máis tarde dáse a coñecer que estaba embarazada no momento do seu suicidio —aínda que había anos que xa non tiña relacións con Ed—. Riedenschneider abandona a cidade indignado e Frank —agora moi endebedado— empeza a beber moito.
Ed visita regularmente a Rachel «Birdy» Abundas (Scarlett Johansson), a filla adolescente dun amigo, para escoitala tocar o piano. Atormentado pola soidade, imaxínase axudándoa a empezar unha carreira musical e transformándose no seu representante. A súa fantasía remata cando un profesor de música dille que Birdy non ten talento. Conducindo de volta despois de visitar o profesor, Birdy insinúaselle a Ed e trata de facerlle sexo oral, provocando que Ed perda o control do vehículo e choque. Cando Ed esperta no hospital, dous oficiais de policía comunícanlle que está baixo arresto por asasinato. O cadáver de Tolliver foi atopado nun lago, xunto ao contrato de investimento de Ed. A policía cre que Ed obrigou a Doris a extraer da empresa o diñeiro do investimento e logo matou a Tolliver para que non revelase a orixe do diñeiro despois de que este se dese conta. Ed é axuizado polo asasinato e hipoteca a súa casa para volver contratar a Riedenschneider. A declaración inicial de Riedenschneider ao xurado é interrompida cando Frank ataca a Ed; o xuízo é suspendido. Sen diñeiro e sen nada máis para hipotecar, Ed lánzase á corte á súa sorte. A manobra non funciona e o xuíz senténciao a pena de morte.
Mentres espera no corredor da morte, Ed escribe a súa historia para vendela a unha revista pulp. Pouco antes da súa execución, Ed ve un ovni no exterior do cárcere. Finalmente, unha mañá é conducido á cadeira eléctrica. Reflexiona sobre o seu destino, sen arrepentirse das súas decisións e coa esperanza de ver a Doris no máis aló, ámbolos dous libres das imperfeccións do mundo mortal.
Elenco
Billy Bob Thornton como Ed Crane, un barbeiro taciturno e inexpresivo que traballa na barbería do seu cuñado.
Frances McDormand como Doris Crane, a esposa de Ed e contable no grande almacén Nirdlinger.
Michael Badalucco como Frank Raffo, cuñado de Ed, dono e barbeiro principal da barbería.
James Gandolfini como «Big Dave» Brewster, veterano de guerra e encargado do grande almacén onde traballa Doris.
Katherine Borowitz como Ann Nirdlinger Brewster, esposa de Big Dave e propietaria do Nirdlinger.
Jon Polito como Creighton Tolliver, emprendedor viaxeiro que convence a Ed de investir no seu negocio de limpeza en seco.
Scarlett Johansson como Rachel «Birdy» Abundas, unha adolescente que logra o interese de Ed debido ás súas habilidades como pianista.
Richard Jenkins como Walter Abundas, un avogado coñecido de Ed e pai de Birdy.
Tony Shalhoub como Freddy Riedenschneider, un prestixioso e hábil avogado encargado de defender aos Crane.
Os irmáns Coen comezaron a escribir o guión a mediados dos anos 1990 e fixeron unha pausa no medio para filmar O gran Lebowski; novamente dispoñibles, os irmáns trasladáronse a Irlanda —onde Frances McDormand se atopaba traballando— para continuar co guión.[18] Unha vez escrito o guión, os Coen enviáronllo aos produtores Eric Fellner e Tim Bevan da compañía Working Title Films; tiñan intencións de iniciar a produción en 1999 pero aproveitando a dispoñibilidade de George Clooney preferiron dedicarse a outro proxecto: O Brother, Where Art Thou?.[19][20] Así que rematou a filmación e montaxe de O Brother, Where Art Thou?, a mediados do ano 2000, os directores continuaron con The Man Who Wasn't There —nese entón titulada provisionalmente The Barber Project—.[21][n. 2] O proxecto financiouse de forma independente a través das produtoras Gramercy Pictures, Working Title Films e Good Machine —compañía de Ted Hope e James Shamus, quen máis tarde fundaron Focus Features— que reuniron un orzamento aproximado de vinte millóns de dólares.[1]
Sen ter claro aínda quen ía interpretar o protagonista, os Coen escribiron o personaxe de Doris —a esposa de Ed Crane— e Frank —o dono da barbería— para Frances McDormand e Michael Badalucco, respectivamente.[23][24] Para protagonizar a cinta, os directores déronlle a oportunidade a un actor con quen non traballaran antes, Billy Bob Thornton,[23][24] que aceptou a proposta para encarnar ao barbeiro antes de ler o guión: «Sabía que sería bo. Hai certas persoas coas que sabes que non pode saír mal», comentou o actor.[25] Mentres que para o rol do xefe e amante de Doris, os Coen convenceron a James Gandolfini, quen segundo eles era perfecto para o personaxe».[25] Outros dous actores xa coñecidos polos Coen, Jon Polito e Tony Shalhoub, tamén se sumaron ó elenco, completado por Adam Alexi-Malle, Katherine Borowitz, Richard Jenkins e a nese entón adolescente Scarlett Johansson.[25] Cando Jenkins recibiu a chamada para asistir ao casting a súa resposta foi negativa debido a que xa asistira a tres probas de selección para tres producións anteriores dos Coen, sen éxito en ningún dos casos. Aínda así, os directores finalmente elixírono para o papel.[26][27]
Filmación
A filmación comezou o 26 de xuño do ano 2000 en California e finalizou o primeiro de setembro, tras dez semanas de rodaxe.[19] A cinematografía de Roger Deakins foi sinxela e tradicional. A maioría das tomas fixéronse coa cámara á altura da vista, con lentes normais e unha longa profundidade de campo.[28] En comparación coas vellas películas de cine negro estadounidense, Deakins usou unha ampla gama de grises[29] e tentou crear pouco contraste sen moitas sombras fortes, utilizando menos cantidade de luces e de maior tamaño.[19] A pesar de estar ambientada no pasado, utilizou tecnoloxías contemporáneas e quería que The Man Who Wasn't There reflectise a era en que estaba a ser realizada: «non tratamos de facer unha película vella», dixo Deakins.[19] Filmouse en formato de 35 mm en cor e logo foi convertida a branco e negro durante a posprodución. Ese procedemento debeuse, en parte, a razóns técnicas posto que nas últimas décadas a dispoñibilidade de rolos de película en branco e negro era moi escasa.[30] Con todo, debido a esixencias contractuais e de mercadotecnia, nalgúns países estreouse en cor.[31] «A película fíxose para ser vista en cor», afirmou Joel Coen, e mencionou que en cor se vería «horriblemente fóra de lugar» debido a que a escala de grises neutralizou cores alleas á época de ambientación da trama.[32]
Por un montón de razóns intanxibles que non son doadas de explicar, o branco e negro pareceu ser axeitado para a trama. É unha película dun período histórico e o branco e negro axuda á sensación desa época. É evocativo para unha historia como esta de maneiras que a fotografía en cor non o é.[33]
Joel Coen
O deseño de escenarios e vestiario a cargo de Dennis Gassner e Mary Zophres, respectivamente, debeu adaptarse á ausencia de cor, evitando altos contrastes que distraesen a atención. O branco e negro tamén tivo un efecto nos actores, intensificando algúns elementos: «tan só un close-up é moi rechamante polas sombras e a sensación de profundidade», dixo McDormand.[19] No entanto, o equipo non perdeu de vista a versión en cor e deseñou as localizacións evitando as cores luminosas e preferindo marróns e grises.[34] A vestimenta de Ed Crane consistiu en chaquetas deportivas e camisas de gabardina e raión típicas deses anos, as súas medias non tiñan elásticos na parte superior e —do mesmo xeito que os extras— usou ligas para sostelas. Entre as pezas femininas incluíronse medias con costura, faixas e sosténs puntiagudos.[19] O traxe cruzado con solapa en pico do avogado defensor Freddy Riedenschneider estivo inspirado en Salvador Dalí, segundo Mary Zophres: «É un pouco infrecuente para a época e suxire opulencia».[19]
Para compor a aparencia do seu personaxe, Thornton observou imaxes de figuras daquela década e tomou prestado algúns elementos de Raymond Burr e Frank Sinatra.[36][37][38] O actor comentou respecto diso que «unha vez que consegues a aparencia axeitada, todo na túa actitude cambia».[19] Cando Ed aparece en pantalla, case sempre o fai fumando un Chesterfield, un detalle da época.[4] Ademais, barbeiros profesionais capacitaron a Thornton e Badalucco.[19][36]
Localizacións
Comezouse a filmar na abandonada Lincoln Heights Jail dos Ánxeles para ambientar unha cela dun cárcere da cidade de Santa Rosa. Máis adiante, o equipo trasladouse ao leste dos Ánxeles e logo ao restaurante de Hollywood Boulevard Musso & Frank Grill, onde Ed Crane reúnese por primeira vez co seu avogado. A rodaxe continuou en Thousand Oaks durante dous días para realizar as escenas da voda no campo; previo ás súas escenas, Michael Badalucco tivo que practicar con porcos para a escena onde monta sobre un.[19][39] A continuación, a produción volveu aos Ánxeles para filmar nunha igrexa presbiteriana sobre Wilshire Boulevard e no Centro dos Ánxeles, onde se filmou nun complexo de apartamentos que se utilizou para facer as escenas do vestíbulo do hotel. Un Bank of America abandonado situado tamén no centro utilizouse para as escenas en que Ed vai ao banco.[39] O edificio de Nirdlingers, onde Doris traballa como contable, creouse a partir dunha tenda de mobles abandonada situada en Glendale, o deseñador de produciónDennis Gassner lembrou:[35]
Tivemos que modernizalo en certa forma, mantendo o que xa estaba na arquitectura e facendo que funcione para o estilo moderno de 1949. Ese espazo era como unha canteira de onde podía extraer o que necesitaba. De feito, utilicei algúns deseños amurados art déco de cromo que se mantiveran nas paredes e varias molduras da parede.[19]
Parte importante da filmación levouse a cabo durante un día na cidade de Orange, que se usou para representar os exteriores do pobo de Santa Rosa, onde se ambienta a maior parte da película. Aínda que se rodou un só día en Orange, o equipo traballou máis de dúas semanas ambientando as rúas de acordo ao ano 1949: substituíronse sinais de tráfico, modificáronse fachadas e realizáronse arranxos menores en rúas.[39] As escenas exteriores da casa de Ed Crane filmáronse no barrio de Bungalow Heaven, en Pasadena, un sitio popular e económico a mediados do século vinte.[35] Os Coen elixiron a casa co teito máis baixo para lograr a impresión dun espazo máis reducido e así representar a situación económica do barbeiro.[40] As escenas do salón do profesor de piano tamén se rodaron en Pasadena, exactamente no complexo de edificios do Hotel Green. Usáronse localizacións para filmar case toda a película fóra dalgunhas escenas, por exemplo as da barbería —as últimas antes do final da filmación— realizadas nun set construído por Gassner nos Paramount Studios.[35]
Música
A banda sonora da película consiste en música clásica, principalmente sonatas para piano de Ludwig van Beethoven, intercalada con sete novas composicións de Carter Burwell.[41][42] Ademais de Beethoven, a banda sonora incluíu unha composición de Mozart, «Sull'aria... che soave zeffiretto». A inclusión da música clásica é un recurso que distingue á película doutras do xénero noir.[3] O editor musical Todd Kasow encargouse de seleccionar sonatas adecuadas para a banda sonora mentres que Burwell empezou a traballar nunha composición «pianocéntrica». Algunhas das composicións presentan estruturas «cíclicas» que simbolizan a situación na que se atopa o protagonista e a súa dificultade para liberarse dela, pero ao mesmo tempo, os Coen sentían que era esencial para o personaxe que a música suxerise «un vago anhelo».[43] O xornalista Dan Goldwasser describiu o traballo de Burwell como «escuro e solemne» e escribiu que a composición principal, «The Trial of Ed Crane», ten «unha especie de romanticismo cun mínimo deixo de esperanza».[41]The Man Who Wasn't There foi a novena película na que Burwell colaborou cos irmáns Coen.
O selo Decca Records lanzou o álbum da banda sonora o 30 de outubro de 2001.[41][44] Está composto polos seguintes catorce temas:
A idea de escribir unha película protagonizada por un barbeiro estivo inspirada nun anuncio que os irmáns Coen viron mentres filmaban The Hudsucker Proxy (1994).[4][45] «Filmamos unha escena nunha barbería onde había un anuncio na parede que amosaba diferentes cortes de pelo dos anos 1940», lembrou Joel Coen. «Empezamos a pensar sobre o tipo que fixera eses cortes de pelo e a historia comezou a tomar forma. En realidade evolucionou dese anuncio de cortes de pelo».[25] Os directores tomaron o título da película do poema de 1899 escrito por William Hughes Mearns titulado «Antigonish» e elixírono en referencia ao personaxe do barbeiro, para reflectir o seu baleiro emocional.[21][46][47]
Yesterday, upon the stair,
I met a man who wasn't there! He wasn't there again today,
I wish, I wish he'd go away!
Onte, ó subir a escaleira,
vin a un home que non estaba alí!
Tampouco hoxe o volvín ver,
desexo velo desaparecer!
Primeiras liñas do poema «Antigonish» (1899) de William Hughes Mearns
Ambientada en 1949, a trama —segundo Joel Coen— «está moi influenciada» polo traballo do escritor James M. Cain,[19] en particular polas novelas Double Indemnity, The Postman Always Rings Twice e Mildred Pierce.[4] Posteriormente, os directores mesmo afirmaron que a película «é unha historia de Cain».[6] A pesar de tratarse dunha historia neo-noir criminal, os Coen substituíron a ambientación dos baixos fondos onde a miúdo se desenvolven ditas historias e situaron a trama nun pobo típico estadounidense con xente ordinaria. «Aquí o elemento criminal é dalgún modo involuntario. O heroe tropézase con el», explicou Ethan Coen.[48] Dito recurso é unha homenaxe ao traballo literario de Cain, cuxas historias adoitaban empregar personaxes comúns con empregos convencionais que motivados pola necesidade ou a cobiza terminaban envoltos nun crime.[6] De igual forma, outros convencionalismos popularizados polas novelas negras do escritor tamén estiveron presentes en The Man Who Wasn't There, por exemplo o plan para conseguir diñeiro rapidamente, desventuras sexuais e coincidencias do destino.[49] O fracaso dun «plan perfecto» para conseguir diñeiro aparece en Double Indemnity e The Postman Always Rings Twice, ambas as novelas narradas por homes de clase traballadora vidos a menos durante a Gran Depresión na década de 1930.[6]
Os Coen nomearon como referencia ao filme Shadow of a Doubt e tiveron presente en certa medida o xénero de ciencia ficción dos anos 1950.[5][6] De feito, en canto á estética, segundo os cineastas, a película estivo en gran medida influenciada polo cine de ciencia ficción e «documentais baratos dos anos 50».[6] Pola súa banda, o director de fotografía Roger Deakins buscou inspiración para o seu traballo en cintas das décadas de 1940 e 1950 como This Gun for Hire, The Blue Dahlia, Kiss Me Deadly e Touch of Evil.[6][19][50] Así mesmo, o crítico e editor da revista The Atlantic comparou a voz enoff e o carácter reservado de Ed Crane co personaxe de Robert Mitchum na cinta Out of the Past (1947).[4] Os Coen ademais fixeron referencia a outras obras mediante os nomes usados no filme, como é o caso do grande almacén Nirdlinger ou Dietrichson —apelidos usados por personaxes a novela e adaptación fílmica de Double Indemnity—, Riedenschneider —apelido dun personaxe da cinta The Asphalt Jungle— ou o nome do hotel de Tolliver, «The Hobart Arms», unha homenaxe á novela The Big Sleep de Raymond Chandler.[6][51]
Ademais das novelas de Cain e o cine negro, en menor medida a historia tomou ideas propias da literatura existencialista, por exemplo de El extranjero de Albert Camus.[6] Ademais de notar as similitudes na narrativa de ambas as obras, algúns autores e críticos compararon a desconexión coa realidade e a actitude pouco expresiva de Ed coa do protagonista da novela de Camus.[6][52][53][54][55] A través do seu personaxe principal, The Man Who Wasn't There explora a visión existencialista sobre a desesperación, unha temática reminiscente do pensador Søren Kierkegaard.[56] Os autores Jean-Pierre Boulé e Enda McCaffrey compararon o intento de Ed Crane de escapar da súa rutineira vida coa idea de Jean-Paul Sartre de «procura de transcendencia», no caso do filme representada pola relación do protagonista co negocio da limpeza en seco, Birdy e os ovnis.[57] Aínda que The Man Who Wasn't There, catalogada como posmoderna, herdou elementos temáticos e narrativos do cine negro clásico, ao mesmo tempo afastouse del e explorou conceptos da posguerra da segunda guerra mundial, retratando os primeiros anos da posguerra en Estados Unidos.[49] A historia contextualizouse citando sucesos referentes á época como o pico de popularidade dos ovnis —os «pratos voadores» son incluídos de forma pasaxeira—, as referencias aos bombardeos atómicos sobre Hiroshima e Nagasaki, as reflexións de Werner Heisenberg sobre a humanidade e a idea de triunfar nunha era de oportunidades.[49] A trama alude ao principio de incerteza de Heisenberg mediante o personaxe do avogado defensor Freddy Riedenschneider, quen fai referencia en máis dunha ocasión a dito principio.[49]
Estrea e recepción
O filme estreouse no Festival de Cannes o 13 de maio de 2001. Tras Cannes, a cinta chegou a outros festivais de cine europeos dese ano como Edimburgo, Flandres, Varsovia e Viena. A distribuidora USA Films encargouse da súa estrea nos Estados Unidos, aínda que a súa proxección estivo limitada a cines selectos.[n. 4][59] O 31 de outubro de 2001 estreouse nos Ánxeles e Nova York, e posteriormente proxectouse no resto das cidades estadounidenses.[2][60][61] Na Arxentina Buena Vista International estreouna o 14 de febreiro de 2002 baixo o título El hombre que nunca estubo.[62][63] Máis tarde, o 12 de abril, chegou aos cines de España distribuída por Warner Bros Pictures España e titulada El home que nunca estuvo allí.[64] Foi a primeira película dos Coen estreada en branco e negro, algo que os directores tentaran sen éxito con Sangue fácil (1984) e The Hudsucker Proxy (1994) fronte ás vantaxes da distribución en cor.[65][66]
Crítica
A película recibiu unha maioría de críticas positivas,[6] logrando un 81 % no sitio Rotten Tomatoes sobre 157 comentarios, e un 73 % de aprobación sobre 33 comentarios en Metacritic.[61][67] Moitos críticos eloxiaron o filme tanto pola súa técnica como polas súas actuacións. Richard Schickel de Time escribiu: «A capacidade de non mostrar emoción non é unha calidade moi apreciada en protagonistas de películas, pero Billy Bob Thornton, ese actor espléndido, faino de maneira perfecta como Ed Crane, un taciturno barbeiro de pobo, cara a 1949».[11] Outros críticos tamén eloxiaron o rol protagónico de Thornton,[9][10][12] por exemplo Emanuel Levy, quen opinou que Thornton «absólvese marabillosamente a si mesmo nun papel desafiante que esixe máis reacción que acción» e agregou: «parece un atormentado Montgomery Clift».[9] A revista Variety escribiu que o protagonista da película «establece novos estándares de opacidade e pasividade».[68]
Jonathan Rosenbaum do xornal Chicago Reader destacou que «Joel e Ethan Coen mantéñense fieis á súa inclinación por heroes torpes e neo-noir, e á súa firme convicción de que a vida normalmente vólvese espléndidamente horrorosa».[7]Roger Ebert de Chicago Sun Times comentou: «a película é eficaz e segura no seu estilo, tan amorosa e tan intensa que se vostede a recibe con esa mesma frecuencia, seralle como unha festa».[69] Da mesma forma, Peter Travers da revista Rolling Stone nomeouna unha das mellores cintas do ano e expresou que é «diabólicamente divertida» e destacou a fotografía e as actuacións.[70] Travers incluíu a The Man Who Wasn't There no número oito da súa lista das dez mellores películas indie de 2001.[71] Peter Bradshaw de The Guardian afirmou: «É a mellor película estadounidense do ano» e Philip French, noutra recensión para The Guardian, tamén afirmou que se trataba da mellor película do ano até ese momento.[8][13] Así mesmo, Marc Savlov de Austin Chronicle anunciou que era «a película máis bonita do ano» e agregou que «a actuación de Billy Bob Thornton representa un diamante en bruto cegador».[12] O crítico da BBC Nev Pierce tamén a cualificou como «unha das mellores películas do ano» e sobre o seu visionado agregou que se trataba de «unha experiencia única, peculiar, cativadora».[14]
Varios críticos destacaron a fotografía en branco e negro de Roger Deakins.[7][8][9][10] O Chicago Reader comparou a fotografía coa de 8½ de Federico Fellini[7] e o crítico Matthew Turner de View London comentou que o branco e negro «non se vía así de espléndido desde os anos 1940».[10] A pesar de escribir unha recensión pouco entusiasta, Todd McCarthy, de Variety, eloxiou o traballo de Deakins, os escenarios de Dennis Gassner e o vestiario de Mary Zophres para crear unha «representación superior do período de posguerra nunha pequena cidade».[68] Con respecto á ambientación rural, o historiador José María Caparrós sinalou: «Poucas veces o cine estadounidense asomouse dunha forma tan sutil e contundente para ofrecer un testemuño do fondo baleiro existencial e da mediocridade da América profunda».[72] A película non convenceu a Michael Sragow de The Baltimore Sun, quen dixo: «The Man Who Wasn't There é unha intelectualizada, estilizada e completamente baleira produción de época. A pesar do seu espléndido e claustrofóbicamente controlado aspecto en branco e negro, ten o mesmo impacto que unha pistola de xoguete».[73]
Recadación
The Man Who Wasn't There foi a película dos irmáns Coen con peores resultados no venda de billetes desde The Hudsucker Proxy(1994).[74] Algúns autores especularon con que o resultado dese fracaso debeuse, en parte, ao pouco entusiasmo do público masivo cara ás cintas en branco e negro.[74][75]The Man Who Wasn't There recadou 7 504 257 de dólares nos Estados Unidos durante dezasete semanas en cartel e 11 412 366 dólares no resto do mundo, conseguindo un total de 18 916 623 de dólares.[2][76] Na súa primeira fin de semana da estrea en Estados Unidos, recadou 664 404 dólares tras ser proxectada en trinta e nove cines. No Reino Unido recadou 419 609 libras esterlinas en 140 cines durante a súa primeira fin de semana e alcanzou un total de 1 736 884 libras recadadas.[2] A recadación total —18 916 623 de dólares— non alcanzou para igualar os vinte millóns de dólares que custou a realización da película.[75]
A primeira edición en formato caseiro estivo dispoñible en DVD lanzada por USA Home Entertainment en 2002.[108][109] Os extras do DVD incluíron comentarios dos irmáns Coen e Billy Bob Thornton, un making-of de dezaseis minutos, unha entrevista con Roger Deakins, cinco escenas eliminadas, galería de fotos e vídeos promocionais.[108][109] Os Coen e Thornton comparten anécdotas sobre o que pasaba detrás das cámaras, incluíndo a historia sobre o anuncio de cortes de pelo que inspirou a idea do filme. Nunha entrevista a fondo con Deakins, o director de fotografía fala acerca das vantaxes e desvantaxes de filmar en branco e negro, as súas influencias estéticas e a súa experiencia traballando cos Coen.[108] Nunha recensión sobre o DVD, o sitio DVD Talk escribiu que a fotografía en branco e negro «está capturada brillantemente, evocando a historia do cine negro e ao mesmo tempo conservando unha limpeza inmaculada. Os negros son profundos e sólidos, achegándolle á imaxe un aspecto encantado».[109] En setembro de 2002 lanzouse en Francia unha edición en DVD de tres discos: o primeiro coa película en branco e negro, o segundo coa versión en cor e o último cos extras, que como novidade incluíron un documental de case cincuenta minutos titulado «The Filme Noir Universe».[110][111][112] En 2015 Universal Home Vídeo lanzou unha versión normal en Blu-ray.[113]
Notas
Notas
↑Roderick Jaynes é o seudónimo utilizado polos irmáns Coen para montar a película.
↑Outros títulos alternativos foron escritos na introdución do guión: Pansies Don't Float; I, The Barber; The Nirdlinger Doings; Missing, Presumed Ed; I Love You, Birdy Abundas! (descartado por ser «moi anos 1960»); The Barber, Crane; The Other Side of Fate («O outro lado do destino», descartado debido á «incerteza de non saber se o destino ten máis dun lado»); None Know My Name; I Will Cut Hair No More Forever; e Ed Crane, You So Crazy!.[22]
↑ 3,03,1A pesar de codirixir a película, Ethan Coen non recibiu o premio debido a que non apareceu acreditado oficialmente na dirección da mesma. Os Coen comezaron a compartir os créditos como directores a partir do ano 2004 co filme The Ladykillers.[77]
↑O nome da distribuidora no momento da estrea da película era USA Films, que logo fusionouse con Universal Focus e Good Machine para formar Focus Features en 2002.
↑Holben, Jay (outubro de 2001). "The Root(s) of All Evil". American Cinematographer82 (10): 49. For a lot of intangible reasons that aren't easy to explain, it seemed as if black and white was appropriate for this story. It's a period movie, and black and white helps with the feeling for the period. Black and white is evocative in ways for a story like this that color photography isn't.
↑Nordine, Michael (16 de novembro de 2010). "The Man Who Wasn’t There". Universal DVD. Consultado o 10 de xaneiro de 2018. As with Albert Camus’ The Stranger, whose narrative structure The Man Who Wasn’t There closely resembles, Ed’s turning point comes when he becomes an active participant in his own life for the first time.
↑Travers, Peter (2 de novembro de 2001). "The Man Who Wasn't There". Arquivado dende o orixinal o 09 de xaneiro de 2018. Consultado o 10 de xaneiro de 2018.
↑Travers, Peter (27 de decembro de 2001). "The Best of 2001". Arquivado dende o orixinal o 12 de xaneiro de 2018. Consultado o 11 de xaneiro de 2018.