A Sociedade Filharmónica de Monforte de Lemos é unha asociación cultural da cidade de Monforte de Lemos (Lugo) fundada en 1950 e que ten como obxectivo a divulgación musical. Ten a súa sede na Casa da Cultura Lois Pereiro, na Praza de España da capital do val de Lemos. Conta cuns 190 socios e está presidida por Antonio Prado Cortiñas.[1][2]
A Sociedade Filharmónica de Monforte de Lemos naceu en 1950 e ese mesmo ano realizou o seu primeiro concerto.[3] A presentación da asociación tivo lugar no salón de actos da Casa do Concello monfortina, na que o daquela alcalde da cidade,[4] Luis Rey Mariño,[5] deu posesión dos seus cargos aos integrantes da xunta directiva da que foi a oitava Sociedade Filharmónica fundada en Galicia.[4] O 16 de maio do mesmo ano ás once da noite celebrouse o primeiro concerto organizado pola institución, no que a Orquestra Sinfónica Municipal de Bilbao interpretou a Sexta Sinfonía de Ludwig van Beethoven, La procesión del Rocío de Joaquín Turina e a "Pantomima" da zarzuela de José María Usandizaga Las golondrinas.[6]
Nos anos seguinte á súa formación, a Filharmónica mantivo unha intensa actividade de concertos que levaron á cidade do Cabe á Coral Polifónica Pontevedresa (1951),[7] o barítono bonaerense Hammelet Fernández (1955),[8] o arpista donostiarra Nicanor Zabaleta (1956), ou o violonchelista barcelonés Gaspar Cassadó (1956).[3][9] Tamén visitaron a cidade na década de 1950 agrupacións intenrnacionais como a alemá Orquestra de Cámara de Múnic dirixida por Christoph Stepp, que actuou no desaparecido Teatro Lemos en 1954.[10] A Filharmónica levou á cidade tamén a personalidades destacadas da música do momento, como o compositor español Joaquín Rodrigo, que o día 12 de xaneiro de 1956 ofreceu unha conferencia no Círculo Victoria de Monforte na que falou da súa música e interpretou fragmentos da mesma ao piano.[11]
Xornais da época como La Noche recollen a rivalidade que apareceu entre a sociedade monfortina e a Sociedade Filharmónica de Pontevedra, xa que moitas veces ambas contrataban aos mesmos artistas ou agrupacións.[9]
O 10 de maio de 2017, a Sociedade Filharmónica de Monforte de Lemos programou o primeiro concerto gospel na historia da cidade. O concerto foi ofrecido polo grupo ugandés Aba Taano, que cantou cancións gospel dos Estados Unidos, Suráfrica, Zimbabwe e Kenya na igrexa do Colexio de Nosa Señora da Antiga.[12]