En España, desde 1979, está vedada a súa caza e, desde 1986, está catalogada como especie protexida, aínda que isto non supuxo, de momento, un incremento da súa poboación. Considérase unha reliquia da era glaciar, pois tras a última (a glaciación de Würm) as súas poboacións fóronse desprazando cara ás rexións máis frías de Europa e á alta montaña.
Aínda que a nivel xeral o status da especie é pouco preocupante, en España está en perigo de extinción, quedando algúns exemplares non Pireneos (da subespecieTetrao urogallus aquitanicus), e ao longo das zonas boscosas da cornixa cantábrica (da subespecie pita do monte cantábrica).
En Galiza deuse por extinguida a poboación dos Ancares, a poboación máis occidental da especie,[6] xa que os últimos cantadeiros ocupados observáronse en 2005,[7][8] pero aínda se atopa esporadicamente debido ao movemento de exemplares de poboacións limítrofes,[8] polo que figura no Catálogo galego de especies ameazadas.[9]
A pita do monte ten un tamaño máximo de 1,1 m nos machos e 0,7 m nas femias. Caracterízase por ter unhas plumas debaixo do pico en forma de barba, unha cola en forma de abano e uns tubérculos vermellos sobre os ollos.
A cor da plumaxe é unha característica diferencial entre os sexos. Os machos teñen a plumaxe negra, con zonas azuis ou verde metálico no peito, coas ás acastañadas cunha mancha branca no vértice e manchiñas brancas no ventre e no rabo. As femias teñen o dorso e as ás de cor acastañada con abundantes pencas brancas, o rabo e o peito arrubiados, e o ventre branco con manchas pardas. Ademais diferencia a ambos os sexos o tamaño do peteiro, que é prominente, de xeito curvo e de cor marfil nos machos e breve e de cor negra nas femias.
A pita do monte tarda en pórse a voar e o seu voo é torpe. Os cercados, valos e fragas moi pechados producen enormes baixas na súa poboación.
Bioloxía e ecoloxía
Hábitat e distribución
Hábitat
Vive en zonas montañosas con fragas claras e abertas de coníferas onde haxa abundante vexetaciónherbácea, auga e bagas. A existencia de acivros resulta imprescindible para alimentarse durante o inverno. Acostuma durmir nas ramas horizontais das árbores, o que se fai un requisito para a súa presenza.
Distribución
A pita de monte é unha ave paleártica, repártese dende a Escandinavia ata a Península Ibérica, nesta última posúe poboacións sedentarias na Cornixa cantábrica (500-600 exemplares), e nos Pireneos (680 machos censados no 2003).
Poboación en Galiza
En Galiza até hai pouco atopábanse individuos na Serra dos Ancares, na provincia de Lugo. Nos anos 80 estimábase unha poboación de entre 20 e 30 machos nos Ancares. Desde o ano 2005 a pita de monte considérase oficialmente extinguida en Galiza[11]
A extinción da pita de monte nos Ancares, situados no extremo occidental da súa área de distribución en Europa,[6] ameaza con ser o preludio da súa desaparición en toda a cordilleira Cantábrica, onde a poboación descendeu un 70 % desde os anos oitenta. De feito, a pita de monte está practicamente extinguida tamén na parte oriental e central de Asturias, cunha perda de poboación dun 90 %, segundo un censo do ano 2010.
O macho é territorial e polígamo. A época de celo dura desde marzo até o primeiro terzo de maio. Durante a época de celo emite gritos de reclamo ao amencer e ao solpor desde algún punto elevado atraendo ás femias. Logo póusase no chan e continúa cos seus reclamos e copulando con varias femias nun mesmo día.
As femias poñen entre cinco e doce ovos nun furado no chan, chocándoos ela soa durante 28-30 días. Os niños son obxectivo doado para o xabarín, os cans e o azor. Ademais a mortaldade dos pitos é moi alta nas primeiras semanas de vida, polo que a súa poboación aumenta moi lentamente.
Poboación
A pobolación europea estímase en de 666 000 a 1 060 000 machos que cantan, o que equivale a 1 330 000 ou 2 110000 de individuos maduros.[1] E en Europa vive aproximadamente o 40 % do total da súa área de dispersión, polo que unha estimación moi preliminar do tamaño da poboación mundial sería duns 3 325 000 a 5 275 000 individuos maduros. Polo tanto, a poboación sitúase no rango dos 3 000 000 a 5 499 999 individuos maduros.[12]
Ameazas
A principal ameaza para esta especie é a destrución e/ou alteración do seu hábitatarbóreo. Aínda é comunmente cazado (incluso durante a temporada de reprodución), excepto no suroeste e centro de Europa. Outros factores que inciden na diminución das súas poboacións son, entre outras, o desenvolvemento de instalacións de esquí e outras actividades recreativas de inverno, as colisións (especialmente de individuos xuvenís) con liñas eléctricas de alta tensión e, nalgunhas zonas, a depredación (por exemplo, por raposos), a contaminación (chuvia ácida) e os cambios climáticos debidos ao quecemento global (por exemplo, en Escocia).[13]
Status e conservación
Tetrao urogallus ten unha área de distribución estimada de 1 000 000 a 10 000 000 de km2 e unha poboación de entre 1,5 e 2 millóns de individuos só en Europa. Hai algunhas evidencias dunha diminución da poboación, pero non se cre que a especie se aproxime ao limiar da Lista vermella da UICN establecido nunha diminución da poboación de máis do 30 % en dez anos ou en tres xeracións. Por iso, esta institiución cualifica á especie como LC (pouco preocupante).[1]
En Escocia, a poboación diminuíu considerabelmente desde a década de 1960 debido aos valados para os cervos, a depredación e a falta de hábitat adecuado no Caledonian Forest. A poboación caeu dun máximo de 10 000 parellas na década de 1960 a menos de 1 000 aves en 1999. Incluso foi cualificada como a ave con maior probabilidade de extinción no Reino Unido en 2015.
Nas zonas de esquí de montaña, os cabos mal sinalados para os remontes contribuíu á súa mortalidade.
↑Madge, S. & McGowan, P. (2012): Pheasants, partridges and grouse: including buttonquails, sandgrouse and allies. Londres: Christopher Helm Publishers. ISBN 978-0-7136-3966-7.
↑de Juana, E. & Kirwan, G. M. (2012): "Western Capercaillie (Tetrao urogallus"). En: del Hoyo, J.; Elliott, A.; Sargatal, J.; Christie, D. A. & de Juana, E. (eds), Handbook of the Birds of the World Alive. Barcelona: Lynx Edicions. ISBN 978-84-8733-450-4.
Dickinson, E. C., ed. (2003): The Howard & Moore Complete Checklist of the Birds of the World. 3nd ed. Londres: Christopher Helm. ISBN 978-0-7136-6536-9.
Hume, R. (2002): Guía de campo de las aves de España y Europa. Barcelona: Ediciones Omega, S. A. ISBN 84-2821-317-8.
Penas Patiño, X. M., Carlos Pedreira López e Carlos Silvar (1991): Guía das aves de Galicia. A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-8767-406-2. (Segunda edición en 2004).
Penas Patiño, X. M. (1995): "Tetrao urogallus Linn. Pita do monte". En: VV. AA. Atlas de vertebrados de Galicia. Tomo II, Aves. Santiago de Compostela: SGHN / CCG. ISBN 84-8717-289-X.
Peterson, R.; G. Mountfort e P. A. D. Hollom (1973): Guía de campo de las aves de España y de Europa. Barcelona: Ediciones Omega, S. A. ISBN 84-2820-334-2.