Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Fraga.
Unha fraga é unha extensión de monte, polo xeral illado e de difícil acceso, poboado de distintas especies caducifolias, de herbas, mofos, fentos e liques e na que convive así mesmo unha gran diversidade de fauna. Sería polo tanto, un bosque ou unha foresta virxe ou primaria. Adoita referirse ao bosque atlántico, do que hoxe só quedan pequenas manchas por mor da acción do ser humano. Ás veces o termo fraga refírese simplemente a un bosque mixto ou simplemente unha arboreda brava.
Etimoloxía
En galego, a palabra, atestada desde o século XIII, proviría do latín tardío fraga, plural de fragum, («lugar quebrado e escarpado»), procedente á súa vez do latín, fragōsus («quebrado, escarpado»), de frangō («rachar»). Outra posibildade é derive do latínfracta, do verbo frangere, «rachar».
Características das fragas galegas
A fraga é a formación boscosa orixinaria da maior parte de Galicia e da Europa atlántica, que se estendería dende o sur de Escandinavia até o Norte de Portugal. Consiste no bosque mixto caducifolio, de folla ancha, bosque atlántico ou oceánico do que hoxe quedan poucos redutos. Polo xeral coincide coas zonas de clima atlántico temperado.
En xeral, son bosques primarios, orixinais, moi pouco tocados pola man do home, que foron pouco explotados ou fragmentados. Sería o que se denomina fase clímax na sucesión ecolóxica dos ecosistemas. A sucesión produce ecosistemas cada vez máis estábeis e máis resistentes ás perturbacións, así que adoita describirse como un proceso de maduración. O estado máis ou menos ideal ao que apuntan os cambios da sucesión do ecosistema chámase clímax.
Non todos os bosques antigos son primarios; son denominados secundarios os rexenerados de hai moito tempo dun bosque antes destruído, significativamente modificado ou explotado polo ser humano. Estes non acadan o grao de biodiversidade, ou sexa a riqueza de especies, dos bosques primarios.
As zonas de bosques primarios son hoxe moi raras no mundo. En Galicia, aínda que as fragas son abondosas, só poderiamos falar de formación primaria en exemplos como as Fragas do Eume, na comarca do eume, bosques moi inaccesíbeis e non modificados polo ser humano.
Caracterízanse pola súa espesura, pola abundancia de especies con moito ramallo que impiden que a luz do sol chegue ao chan, mantendo, deste xeito a humidade e a temperatura case constantes, permitindo a vida de moitas especies vexetais e animais, nun ecosistema de alta biodiversidade. A árbore dominante acostuma ser un Quercus (carballo).
Flora
As fragas adoitan ser exemplos da fase clímax do bosque atlántico europeo e distínguense polos seus ecosistemas de elevada biodiversidade, particularmente no que respecta á flora. Ademais, o que permite a formación das fragas galegas é a cantidade e calidade dos seus ríos, con correntes de auga caudalosas, xunto a que ademais nas ribeiras sombrías e húmidas medren e se preserven unha ampla colección de herbas, liques, fungos, brións e fentos, algúns de gran tamaño, que representan unhas das xoias máis valiosas destes bosques.
É corrente que a árbore dominante sexa un Quercus (carballo principalmente). Segundo a altitude da zona e as condicións do solo, dominará o carballo ou a sobreira (máis termófila). O carballo é o medidor da saúde da fraga: os exemplares máis lonxevos existen nas zonas que sufriron unha menor presión humana. Outra árbore dominante adoita ser castiñeiro; ata hai algunhas décadas críase que fora introducida polos romanos pero por rexistros paleobotánicos sábese que é unha especie autóctona. Adoita roubarlle terreo ao carballo grazas a medrar máis rapidamente e prover froitos de consumo humano polo que durante a dominación romana fomentouse o seu cultivo no que se denominan soutos. O bidueiro é outra especie maioritaria e ocupa dous tipos de espazos: áreas tradicionais de bosque de ribeira de terreo fértil e zonas marxinais nas que os carballos foron perdendo distribución e onde medran rapidamente. Nalgunhas fragas das montañas de Lugo atopamos carballo albar e faias. Nun estrato inferior atopamos moitas veces o acivro, o espiño branco, a pereira brava, a cerdeira brava, o abruñeiro; tamén a maceira brava e o acereiro, xa moi pouco comúns, e o capudre, que aparece en zonas máis elevadas.
Nas zonas termófilas, onde é común que domine a sobreira, atopamos carballo cerquiño, incluso aciñeiras nas zonas de maior influencia mediterránea.
As árbores típicas das fragas moitas veces fican recluídas ao bosque de ribeira ou bosque túnel nas zonas máis antropizadas. Nas ribeiras a árbore dominante é o amieiro (tamén chamado ameneiro), que soporta ben as situacións de asolagamento, xa que suxeitan as marxes das canles impedindo o seu arrastre polas cheas. O amieiro é árbore dominante dos ríos galegos por excelencia. Tamén son comúns os salgueiros, o freixo e o pradairo e antigamento o ulmeiro xa case desaparecido na actualidade. Nalgúns casos atopamos lamigueiros, como nas Fragas do Eume. Formando un segundo estrato atopamos a abeleira, principalmente nas proximidades dos cursos de auga; o loureiro (especie mediterránea abondosa nos ríos galegos), e o sabugueiro. É moi abundante nas fragas maduras a hedra, que en estado maduro xa acada función ecolóxica de árbore e que é xunto co loureiro, o érbedo, o acivro e o acereiro son relictos do antiguo bosque de laurisilva que ocupou este territorio hai millóns de anos. Menos común é o teixo, especie que, pola acción do home xa é moi rara Galicia, agás nas montañas orientais.
O bosque tradicional atlántico conservouse en bo estado nas abas da montaña en todo o seu esplendor ata o ano 2012, sendo consideradas como un dos mellores bosques atlánticos termófilos do continente europeo. Malia ser a flora a alfaia das Fragas, existindo raras especies de fentos que habitaban a terra hai millóns de anos, tamén salientan algunhas especies animais endémicas e en perigo de extinción, dende pequenos anfibios e réptiles, como a saramaganta, até especies maiores, como o lobo ou diversas aves de rapina.
A pesar das figuras de protección asignadas ao parque, o eucaliptal que arrodea o parque polos cumios dos outeiros ameaza seriamente a biodiversidade da fraga. Algúns dos outros impactos sobre da conservación da fraga están nos incendios. Como exemplo, o 31 de marzo de 2012 un incendio queimou máis de 1000 hectáreas incluíndo o corazón do parque e unhas 200 hectáreas de alto valor ecolóxico.
As fragas atopámolas noutras zonas da Europa atlántica como a costa francesa ou as Illas Británicas, e incluso da Europa continental, sería o que chamamos bosque de folla ancha, caducifolio ou mixto. Tamén atopamos estes bosques temperados en zonas de Norte América (Nova Inglaterra) e Nova Zelandia. Malia que as especies son moi semellantes ás galegas, atopamos outras diferentes, ou dominan outras. Diferentes especies de Quercus sp. ( carballos) poden ser dominantes. Igualmente aparecen outras especies de Betula sp. (bidueiros), de Acer sp. (pradairos), carpes ou tileiras. A faia (Fagus sp.) é unha árbore dominante en moitas fragas de Europa, mais non é común en Galicia. Preto das zonas boreais e de alta montaña atopamos coníferas mesturadas coas especies caducifolias. Así aparecen diferentes especies de piñeiros (Pinus sp.), laricios (Larix sp) e abetos (Abies sp. ou Picea sp).