Durante cen anos definiuse como un partido de clase obreira, socialista e marxista, ata o Congreso Extraordinario de 1979, no que abandonou o marxismo como definición ideolóxica. Converteuse nun dos dous partidos políticos maioritarios de España, xunto co Partido Popular, gobernando o país durante a maior parte do réxime constitucional iniciado en 1978, coas presidencias de Felipe González (1982-1996), José Luis Rodríguez Zapatero (2004-2011) e Pedro Sánchez (2018-presente).
Sánchez preside o Goberno de España dende o 1 de xuño de 2018, logo de gañar a moción de censura contra o anterior presidente do goberno e líder do PP, Mariano Rajoy, a consecuencia dunha das primeiras sentenzas de condena da trama Gürtel, que condenou ao Partido Popular.[1]
O PSOE foi o segundo partido socialista e obreiro que se fundou no mundo (só o Partido Socialdemócrata de Alemaña (SPD) se fundara con anterioridade), concretamente o 2 de maio de 1879 xúntanse de forma clandestina para fundalo un pequeno núcleo de intelectuais e obreiros (na súa maioría tipógrafos) encabezados por Pablo Iglesias, o 20 de xullo aprobou o seu primeiro programa nunha asemblea na que participaron 40 persoas. El Socialista, o seu órgano de difusión apareceu en 1886, celebrou o seu primeiro Congreso en Barcelona en 1888. En 1903 organizáronse as Juventudes Socialistas de España. Conseguiu representación parlamentaria por primeira vez nas eleccións do 8 de maio de 1910, cando a Conxunción Republicano-Socialista permitiulle a Pablo Iglesias obter 40.899 sufraxios e o título de deputado a Cortes.[2] Foi reelixido en 1914, en vésperas do asasinato de Jean Jaurés, con 21.956 sufraxios, esta vez presentándose por Oviedo. O 9 de abril de 1916 repetiu escano con 18.054 sufraxios. O 24 de febreiro de 1918 Iglesias obtivo 27.694 votos, e por primeira vez estivo acompañado por outros socialistas: Julián Besteiro, Andrés Saborit, Francisco Largo Caballero, Daniel Anguiano e Indalecio Prieto, perseguidos en 1917 pola súa participación nunha folga xeral revolucionaria.
Estivo presente na vida pública española dende os seus comezos, cunha participación directa na loita revolucionaria contra o réxime da Restauración, caso da folga revolucionaria de ferroviarios de 1917, afogada en Biscaia, Asturias e Madrid.
Coma tódolos partidos socialistas marxistas europeos, o PSOE viuse sacudido pola chamada crise das Internacionais, que emerxeu durante a primeira guerra mundial[3] e que acabou separando a comunistas e socialistas en partidos diferentes e confrontados entre eles. En 1919, o Congreso do PSOE estudou a posibilidade de abandonar a II Internacional (socialista) e integrarse na nova Internacional Comunista, ou III Internacional, liderada polo Partido Comunista da Unión Soviética e posta en marcha por Vladimir Lenin. Nese ano, 1919, o PSOE contaba con 42.000 militantes.
Ante a división existente entre os delegados, o Congreso acordou esperar á seguinte reunión da II Internacional para tomar unha decisión. Desconforme coa decisión, a Federación de Juventudes Socialistas, rama xuvenil que aglutinaba ós elementos máis radicais do partido, decidiu [[escindirse do PSOE, adherirse á III Internacional e constituír a súa sección española co nome de Partido Comunista Español]], en 1920.
Ese mesmo ano, un novo Congreso Extraordinario aprobaba o ingreso condicionado do PSOE na III Internacional, e resolvía enviar unha delegación formada por Fernando de los Ríos e Daniel Anguiano á Unión Soviética, para estudar o terreo. Ó seu regreso, De los Ríos desaconsellou o sometemento do PSOE á órbita comunista, na mentres que Anguiano pronunciouse en prol. A propia Internacional Comunista, pola súa parte, rexeitou as condicións do PSOE para o seu ingreso, e urxiulle a aceptar as 21 Condicións estándar. Neste contexto, o Partido Socialista acordou, nun terceiro Congreso Extraordinario, manterse á marxe da III Internacional.
Así mesmo, o PSOE foi o único partido ó que se lle permitiu permanecer na legalidade durante a ditadura do Xeneral Miguel Primo de Rivera, pois aínda que Pablo Iglesias asina o 13 de setembro de 1923 o manifesto contra a ditadura, como presidente do partido e da UXT, produciuse unha división no seu seo ante a actitude que debía manterse fronte ao réxime militar. Por un lado, Largo Caballero e Saborit eran partidarios dunha certa colaboración para permitir o funcionamento do sindicato, mentres que Indalecio Prieto e Fernando de los Ríos eran contrarios a esa colaboración. A crise finalizou coa dimisión da Comisión Executiva de Prieto tras o nomeamento de Largo Caballero como Conselleiro de Estado de Primo de Rivera.
Coa chegada da II República o PSOE que se presentara ás eleccións en coalición cos republicanos e conseguira 115 deputados forma parte do goberno no primeiro bienio, o denominado republicano-socialista cun total de tres ministros: Francisco Largo Caballero, Indalecio Prieto e Fernando de los Ríos. Durante o segundo bienio ou bienio negro, algúns dirixentes do partido involúcranse nos sucesos revolucionarios de Asturias, coñecidos como Revolución de 1934 e xa non volvería ó goberno ata despois de comezada a guerra civil, ó ser nomeado en setembro Largo Caballero o primeiro presidente do goberno socialista da historia de España. No ano 1936 contaba con 60.000 afiliados.
Baixo os auspicios do partido, vótase no 1931 a favor da participación das mulleres como electoras, postura defendida por Clara Campoamor en contra de parte dos seus propios compañeiros, que defendían un atraso en dita concesión de voto debido á influencia da igrexa nas mulleres.
O PSOE durante o franquismo
O PSOE foi ilegalizado durante o período posterior á guerra civil española, como o foron todos os demais partidos e organizacións políticas a excepción dos pertencentes ó denominado Movemento Nacional (o partido único Falange Española Tradicionalista y de las JONS e o seu sindicato vertical, a Central Nacional Sindicalista), os militantes e dirixentes que sobreviviron á guerra e permaneceron en España sufriron a represión ou permaneceron no silencio mentres o PSOE mantiña a súa estrutura no exilio.
En 1942 reorganizouse no interior con 300 comités locais nos penais e campos de concentración. En 1944 formouse a primeira Comisión Executiva no interior detida catro meses despois. Ata 1953, as seis executivas do interior foron desmanteladas pola policía e presos os seus dirixentes, ano no que era asasinado o Presidente, Tomás Centeno, na sede da Dirección Xeral de Seguridade, hoxe sede do Goberno da Comunidade de Madrid. En xeral en España, o PSOE tivo unha actividade clandestina moi inferior á do PCE, e practicamente inexistente en moitos territorios como foi o caso de Galicia.
Tras a transición á democracia
A renovación ideolóxica e política iniciada a comezos dos setenta e culminada no Congreso de Suresnes en 1974, que se impuxo ao PSOE do exilio que dirixía Rodolfo Llopis o PSOE do interior dirixido por Felipe González e unha nova xeración de socialistas, co apoio e a solidariedade da Internacional Socialista, puxo ó PSOE en condicións de ser protagonista activo da transición e lle permitiu converterse no primeiro partido da oposición nas primeiras eleccións democráticas de 1977. O apoio obtido polos socialistas e por quen propoñían un proceso materialmente constituínte, evitou que se impuxeran os que pretendían as reformas das institucións da ditadura. O PSOE, coas súas propias achegas e con algunha expresa renuncia dalgúns dos seus postulados sensibles en prol do acordo colectivo, contribuíu decisivamente a alcanzar o consenso do que xurdiría a actual Constitución española de 1978. Dende a oposición cooperou no desenvolvemento inicial da mesma, e articulou unha alternativa política da que se nutrirían moitos dos seus futuros proxectos.
Tras o intento golpista de 1981 o PSOE asumiu, dende a oposición, o liderado alternativo de goberno, contribuíndo decisivamente á estabilidade política, á consolidación da transición, ó afianzamento da democracia, fortalecendo así as expectativas de troco.
O PSOE no goberno
Nas eleccións de 1982 o PSOE conseguiu máis de 10 millóns de votos e maioría absoluta, Felipe González asumiu a presidencia do goberno e durante catro lexislaturas, as dúas primeiras con maioría absoluta, o PSOE gobernou España, chegando a gobernar consecutivamente case 14 anos dos 26 anos de normalidade democrática. Atesourou ó longo dese período un inmenso caudal político que lle permitiu transformar o país nos máis diversos campos, por medio da súa xestión en concellos, comunidades autónomas e no goberno de España. O goberno do PSOE asegurou a estabilidade democrática, en risco tras o intento de golpe de Estado de 1981, consagrou definitivamente a hexemonía do poder civil e integrou España na Comunidade Económica Europea
Pero en 1996 perdería as eleccións debido ao esgotamento e ás acusacións de corrupción e guerra sucia contra ETA.
En 1997, Felipe González renuncia á secretaría xeral e é relevado por Joaquín Almunia. Nas primarias do 24 de abril de 1998, Joaquín Almunia, candidato oficial perde fronte a Josep Borrell, máis carismático, que ten que renunciar debido ás presións dos medios e da dirección do partido e a problemas de saúde.
Nas eleccións do 12 de marzo de 2000, o Partido Popular volve a gañar as eleccións, esta vez por maioría absoluta. Ese mesmo día, Joaquín Almunia presenta a súa dimisión. No 35 congreso, celebrado do 21 ao 23 de xullo de 2000 é elixido secretario xeral José Luis Rodríguez Zapatero.
Liderado de José Luis Rodríguez Zapatero (2000-2012)
Baixo o liderado de José Luis Rodríguez Zapatero, o PSOE recuperou terreo electoral fronte ao PP, superándoo nas eleccións autonómicas e municipais de 2003 e gañando as eleccións xerais de 2004 con maioría simple, así como as europeas do mesmo ano. As citadas eleccións xerais coincidiron cos días sucesivos aos atentados do 11 de marzo e a criticada xestión do PP dos mesmos.
Nas eleccións xerais de 2008 o Partido Socialista Obrero Español volveu gañar os comicios, obtendo 169 deputados, cinco máis que en 2004 e un 43,87 % dos votos. En decembro, o PSOE creou o seu propio think tank, a Fundación Ideas para el Progreso. En 2011 destapouse o caso ERE, aínda sen pechar.
Liderado de Alfredo Pérez Rubalcaba (2012-2014)
Nas eleccións xerais de España de 2011, o PSOE, que presentaba a Alfredo Pérez Rubalcaba como candidato, obtivo 110 escanos (59 menos que 2008, o seu peor resultado desde a restauración da democracia) e un 28,76 % dos votos. Tampouco nas municipais de 2011 obtivo bos resultados, chegando a perder a segunda cidade máis poboada do país, Barcelona, a cal gobernaba desde as primeiras eleccións democráticas. Obtivo o goberno, en cambio, en dez capitais de provincia, sete en solitario (Cuenca, Lleida, Lugo, Ourense, Tarragona, Toledo e Zaragoza) e dúas con apoios (Segovia e Vigo). Respecto de autonomías, só gobernaba en Andalucía (xunto con Izquierda Unida), Asturias (en minoría, con apoio parlamentario de IU e UPyD) e Canarias (xunto a CC).
Este artigo (ou sección) está desactualizado(a). A información fornecida mudou ou é insuficiente.
Nas eleccións primarias do partido celebradas o 13 de xullo de 2014, Pedro Sánchez obtivo un 49 % dos votos, fronte a un 36 % de Madina e un 15 % de Pérez Tapias, converténdose no novo secretario xeral. Afronta o reto de recuperar a unidade do partido e a confianza dos antigos votantes do PSOE, un 25 % dos cales segundo unha enquisa do CIS de outubro de 2014 decantaríase por un novo partido, Podemos.
Nas eleccións ao Parlamento de Andalucía de 2015, celebradas anticipadamente en marzo de 2015, o PSOE foi a forza máis votada. Con todo, ao non obter maioría absoluta, a investidura de Susana Díaz como presidenta da Junta foi rexeitada ata en tres ocasións, a causa do voto en contra de PP, Podemos, Ciudadanos e Izquierda Unida. Marcadas por un «retroceso do bipartidismo», nas eleccións municipais de maio de 2015, o PSOE tivo un mínimo no total de votos; nas eleccións autonómicas celebradas na mesma data, conseguiu volver ser a formación máis votada na comunidade autónoma de Estremadura, así como manterse en primeira posición en Asturias. Noutras comunidades como Castela-A Mancha, Comunidade Valenciana, Aragón ou as Illas Baleares, foi a segunda forza, polo que necesitaría pactar con outras formacións para ocupar os gobernos autonómicos.
Despois de non conseguir aprobar os presupostos xerais do estado ao estar gobernando en minoría, Sánchez convocou eleccións xerais en abril de 2019, nas que foi o partido máis votado, con 123 escanos.[4]
A ideoloxía do Partido Socialista Obrero Español foi evolucionando ao longo do tempo.
Modelo de estado
En contraste co centralismo que lle caracterizaría en datas anteriores, coa chegada da Transición o PSOE viraría a unha posición máis federalista respecto da organización do Estado. No Congreso de Suresnes de 1974, representado por Felipe González e Alfonso Guerra, o partido defendía o dereito de autodeterminación dos pobos formantes do Estado español. Na actualidade, o PSOE propugna un federalismo asimétrico, situándose en contra do proceso soberanista de Cataluña. Durante os gobernos de Felipe González o partido caracterizouse pola súa posición europeísta, ao considerar clave esta integración en Europa para a modernización económica do país.
Defínense como republicanos aínda que apoian o consenso constitucional do 1978. Recibiron críticas por estar en contra de celebrar un referendo despois da abdicación de Xoán Carlos I. Os expresidentes Felipe González e José Luis Rodríguez Zapatero situáronse en contra dunha democracia directa ou participativa similar á de Suíza, e en contra da revogatoria do mandato.
Política económica
O PSOE fundouse co propósito de representar e defender os intereses da clase obreira xurdida coa revolución industrial do século XIX. Seguindo a corrente filosófica e política marxista, pretendía a toma do poder político pola clase traballadora e a socialización dos medios de produción para establecer a ditadura do proletariado, como período de transición cara á sociedade socialista.
En 1979 o partido abandonou definitivamente as teses marxistas, da man do seu entón secretario xeral Felipe González, non sen antes superar grandes tensións e dous Congresos, o primeiro deles favorable a manter o marxismo. Ante esta situación, destacados líderes do interior como Pablo Castellano ou Luis Gómez Llorente fundaron a corrente ideolóxica interna Izquierda Socialista, agrupando aos militantes que apostaban por manter maior continuidade coa tradición do partido, en contra da postura máis «flexible» ideoloxicamente pola que apostaron González e Guerra nos primeiros anos da democracia.
A política dos períodos de goberno de Felipe González foi definida como socioliberal, e próxima á neoliberal, por Julio Aróstegui. Fernando Aguilar comparte este punto de vista. José María Martín Arce apuntou que as políticas aplicadas polos dous primeiros gobernos dun PSOE «centrista» liderado por Felipe González poderían ser cualificadas como «liberal-progresistas». Outra serie de autores apoiou a caracterización crítica de «neoliberal» da política económica de varios gobernos de Felipe González.
Varias fontes adscribiron ao partido á socialdemocracia. A política económica actual do PSOE foi definida como neoliberal por Vicenç Navarro. Algúns membros do PSOE manifestáronse respecto diso: José Antonio Pérez Tapias, ex candidato á secretaría xeral afirmou en 2014 que o PSOE tiña que quitarse de encima décadas de «contaminación neoliberal» e Patxi López afirmou en 2013, despois de perder as eleccións xerais de 2011 que «A esquerda abandonou a súa responsabilidade ante o neoliberalismo».
Política social
Apostou por un modelo laico de Estado na década de 1980, ademais de defender o aborto nos supostos de perigo para a vida da nai, malformación fetal e violación. Nos últimos anos, o PSOE posicionouse a favor do matrimonio homosexual e dunha lei do aborto de prazos.
Simboloxía
Logotipo
Primeiro logotipo do PSOE, utilizado dende a década de 1920 ata 1976. Representaba a unión dos traballos físico e intelectual.