Os miserábeis (en francés: Les Misérables) é un filme francés de 2019 dirixido por Ladj Ly e escrito por Ly, Giordano Gederlini e Alexis Manenti. Baséase nunha curtametraxe homónima realizada polo propio Ly. Está protagonizado por Damien Bonnard, Alexis Manenti, Djebril Zonga, Issa Percia, Al-Hassan Ly, Steve Tientcheu, Almany Kanoute e Nizar Ben Fatma. O filme baséase na violencia policial ocorrida o 14 de outubro de 2008 en Montfermeil, observada e filmada por Ladj Ly. Montfermeil é un suburbio a 25 quilómetros ó nordeste de París onde, na novela Os miserables de Victor Hugo (1862), o exconvicto Jean Valjean coñece a Cosette, unha nena maltratada polos seus pais adoptivos. O filme describe os abusos contra os cidadáns pobres, especialmente os adolescentes de etnia árabe ou africana.
Estreouse no Festival Internacional de Cinema de Cannes de 2019 o 15 de maio. Estreouse nos cinemas de Francia o 20 de novembro a través da distribuidora Le Pacte. Foi escollido como candidato de Francia para o Óscar ó mellor filme internacional na 92ª edición dos premios, sendo finalmente nomeado.
Estreouse subtitulado en galego o 22 de novembro de 2019 a través de NUMAX (Santiago de Compostela).[2] Os subtítulos foron traducidos ao galego por Samuel Solleiro co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Stéphane únese ás brigadas anticriminais de Montfermei, onde coincide con Chris e Gwada. Ambos amósanlle as enormes tensións que existen entre os distintos grupos organizados que teñen como único obxectivo facerse co control do distrito.