María Adelaida de Nassau-Weilburg e Bragança (Marie Adélaïde Thérèse Hilda Wilhelmine de Nassau-Weilburg), nada en Colmar-Berg o 14 de xuño de 1894 e finada en Lenggries o 24 de xaneiro de 1924, foi a filla primoxénita do Gran Duque Guillerme IV de Luxemburgo e converteuse en monarca (a primeira muller no país) á morte do seu pai o 25 de febreiro de 1912.
María Adelaida naceu no castelo de Berg en Luxemburgo, sendo a primeira filla do Gran Duque Guillerme IV e a Gran Duquesa María Ana. Tivo outras cinco irmás: Carlota Aldegonde Isabel María Guillermina (nada en 1896), Hilda Sofía María Adelaida Guillermina (nada en 1897), Antonia Roberta Sofía Guillermina (nada en 1899), Isabel María Guillermina (nada en 1901), e Sofía Carolina María Guillermina (nada en 1902). Como o seu pai non tivo ningún fillo varón, María Adelaida foi proclamada herdeira o 10 de xullo de 1907, co fin de resolver calquera crise de sucesión debido á existencia da lei sálica.
Converteuse en Gran Duquesa de Luxemburgo o 25 de febreiro de 1912 cando faleceu o seu pai, Guillerme IV, con 17 anos de idade e converténdose na primeira muller en ser Gran Duquesa de Luxemburgo. A súa nai foi a rexente ata que cumpriu os dezaoito anos o 14 de xuño de 1912.
María Adelaida estaba moi interesada na política e tivo un papel moi activo no goberno luxemburgués. Era unha devota católica, con fortes conviccións relixiosas e opinións políticas moi conservadoras. O mesmo día da súa chegada ao trono, rexeitou asinar unha lei que reducía o papel dos presbíteros católicos no sistema educativo.[1] Máis tarde, en 1915, dubidou antes de designar os alcaldes de Differdange e Hollerich, ambos coñecidos polas súas ideas anticlericais.[2]
Durante a primeira guerra mundial mantivo boas relacións cos ocupantes alemáns, incluíndo aloxar o káiser Guillerme II no palacio e permitindo que o Kronprinz alemán establecese os seus cuarteis militares temporais na cidade de Luxemburgo,[3] actitude que a fixo moi impopular entre a poboación luxemburguesa. A finais de 1916, a gran duquesa causou controversia por disolver a cámara de deputados para solucionar o punto morto que afrontaba o gabinete Loutsch, composto por membros do Partido da Dereita e non tiña maioría na cámara.[2] María Adelaida ordenou a disolución e realizáronse novas eleccións o 23 de decembro de 1916.[2] Esta acción estaba permitida pola constitución, pero era pouco convencional e provocou protestas e resentimentos entre os socialistas e os liberais no parlamento, que o viron como unha especie de golpe de estado.[2]
Tralo conflito, en xaneiro de 1919, algúns voces dende o parlamento demandaron a súa abdicación. O 9 dese mes, un grupo de parlamentarios socialistas e liberais proclamaron publicamente unha república tras perder unha votación no parlamento para abolir a monarquía, unha situación que foi seguida por axitacións nas rúas que mesmo requiriron a intervención do exército francés para restaurar a orde.[3] Baixo fortes presións nacionais e internaicionais e tras consultar co primeiro ministro, a gran duquesa, de vinte e catro anos, decidiu abdicar o 14 de xaneiro de 1919. Foi sucedida pola súa irmá Carlota.[4]
Despois da súa abdicación exiliouse vaixando por toda Europa. Ingresou nun convento carmelita de Módena (Italia) en 1920 e máis tarde uniuse á Irmás dos pobres en Roma, tomando o nome de "Irmá María dos Pobres". Con todo, a súa saúde, que empeoraba, non lle permitiu continuar como monxa e tivo que abandonar o convento. Mudouse entón ao Schloss Hohenburg en Baviera, onde morreu de gripe en 1924.
O 22 de outubro de 1947 o seu corpo foi soterrado na cripta gran ducal da catedral de Notre Dame de Luxemburgo.