O Reino de Italia (en italiano, Regno d'Italia) foi o nome asumido o 17 de marzo de 1861 polo estado surxido trala unificación nacional italiana (1848-1870) liderada por Vítor Manuel II que se coroou rei de Italia en 1861. A creación do Reino de Italia foi o resultado dos esforzos concertados dos nacionalistas italianos e monárquicos leais á Casa de Savoia, reinante ata ese momento no estado predecesor ao Reino de Italia, o Reino de Sardeña, para establecer un reino unido que abarcase toda a península italiana.
Dende 1922 ata 1943 denomínase Italia fascista, xa que é a época do goberno do Partido Nacional Fascista entre 1922 e 1943 con Benito Mussolini como xefe de goberno. Precisamente a súa participación na segunda guerra mundial levouno á súa desaparición, despois de celebrarse un referendo en 1946 no que o sistema republicano saíu gañador debido ao descontento civil e ao desprestixio deste durante a guerra. Finalmente o 2 de xuño de 1946 proclámase a República Italiana, a forma de estado que ten Italia hoxe en día.
Baixo a soberanía do Reino de Italia constituíuse un imperio colonial que comprendía amplos dominios en África oriental, en Libia e o Mediterráneo, e tamén en Tianjin, na China (neste caso de maneira compartida con outras nacións europeas e cos Estados Unidos e o Xapón).
Transformouse nunha ditadura fascista con Benito Mussolini como primeiro ministro.
En política exterior, o Reino de Italia foi, mentres tanto, excluído (debido á súa tardía unificación) da repartición colonial de África na Conferencia de Berlín. Logrou porén establecer colonias en Eritrea, Somalia, Etiopía e Libia.