María Isaura Villaoz Pereira,[1] nada na Estrada o 28 de outubro de 1897[2] e finada en Barcelona o 8 de maio de 1982[3], foi unha soprano galega, coñecida artisticamente como Mary Isaura.
Traxectoria
Mary Isaura naceu na rúa de San Paio na Estrada,[4][2] filla do militar comandante de infantaría Vicente Villaoz Bolaños (ca. 1857-1898),[5] nado en Regla, preto da Habana, e de María del Pilar Pereira Soto (1870-1928), nada na Estrada.[6] Vicente Villaoz e Pilar Pereira casaran nesa localidade o 14 de abril de 1883. Uns días antes do nacemento de María Isaura, o seu pai fora destinado a Cuba, de onde volveu para falecer en Santiago de Compostela enfermo de malaria o 5 de febreiro de 1898.
Quedaron entón sós a nai e os tres fillos, Eduardo (1889-1907), María Luísa (?-1969) e María Isaura, en Santiago de Compostella. María Isaura estudou no colexio de María Cristina para orfos de infantaría e comezou os estudos musicais co compositor e profesor Antonio García Jiménez (ca. 1868-1955).[9] Nos anos 1915 a 1917 recibiu unha bolsa da Deputación de Pontevedra para estudar en Madrid, grazas ás xestións do seu padriño, o avogado e político Augusto González Besada. A súa nai e mais ela marcharon vivir á capital a mediados de 1914 (o seu irmán Eduardo falecera en 1907 e a súa irmá María Luísa estudara nun seminario do que saíra en 1905), onde Isaura estudou coa soprano Maria Galvany e con Luis Iribarne O'Connor.[10] En 1915 adoptou o nome artístico de Mary Isaura, despois de asistir a un concerto que ofreceu a soprano Amàlia de Isaura. Debutou en Madrid, no Teatro de la Zarzuela, en 1916. Estudou tamén no conservatorio do Liceu de Barcelona, co profesor Joaquim Vidal Nunell.[12] Segundo algunhas fontes debutou no Teatre Tívoli de Barcelona cantando a ópera Maruxa de Amadeu Vives.[4][13] A primeira referencia que se pode considerar como debut en Cataluña atópase en agosto de 1918, cando cantou Il barbiere di Siviglia de Rossini no Teatre de la Lliga Comercial de Capellades, durante as festas maiores da localidade.[14] A finais do mesmo ano presentouse co mesmo papel no Coliseu Pompeia de Barcelona,[12] nunha función de alumnos do profesor Vidal Nunell. O ano seguinte, 1919, contratada polo empresario Carles Mestres i Calvet (1869-1943), cantou no Teatre Tívoli de Barcelona as óperas Il barbiere di Sivigla co tenor Julián Biel[15] (anunciouse como a súa presentación en Barcelona), Rigoletto de Verdi e Lucia di Lammermoor de Donizetti, todas no mes de novembro de 1919.[16] Despois de cantar o paper de Rossina en Il barbiere o 16 de novembro de 1919, a crónica de La Veu de Catalunya indicaba que "é case unha nena para a súa idade". Despois do éxito obtido con este papel, interpretou Rigoletto o 18 de novembro de 1919[17] e acabou as representacións con Lucia di Lammermoor o 23 de novembro de 1919. Despois das súas actuacións de novembro de 1919, a prensa anunciou que tiña que marchar "ao estranxeiro para cumprir compromisos contretados anteriormente".[18]
O ano seguinte volveu a Madrid, onde se presentou no Teatro Reina Victoria[19][20] e debutou no Teatro Real coa ópera Il barbiere di Siviglia, anunciándose pouco despois que viaxaría a Italia.[21] O 23 de setembro de 1921 reapareceu en Barcelona, no Tívoli, interpretando a opereta La casta Susana, versión en castelán da opereta Die keusche Susanne con música do francès Jean Gilbert, e o 3 de outubro outra opereta adaptada, Una noche de baile, orixinal do compositor Oscar Straus,[22] continuando a temporada do Tívoli con outras obras como El pájaro azul, zarzuela don música de Rafael Millán Picazo, estreada o 5 de marzo de mesmo ano no Tívoli coa compañía de Emili Sagi Barba e Lluïsa Vela, cos que Isaura compartiu escenario en outubro de 1921, e La dogaresa, do mesmo compositor, entre outras obras. Entre o repertorio cantado por Isaura estaba unha obra de Amadeu Vives, Bergamino el Lampo, que Isaura estreou no Tívoli o 21 de xaneiro de 1922.[23] O compositor asistiu á estrea acompañado dos autores do libreto, Eduardo Marquina e Gregorio Martínez Sierra. A temporada do Tívoli rematou en maio de 1922, con beneficio para a cantante. De Barcelona marchou a Madrid para participar na estrea no [[Teatro Circo Price, o 22 de setembro de 1922, da revista musical ("revista cómico-lírico-bailable en un acto y siete cuadros") ¡Es mucho Madrid!, con música de Juan Antonio Martínez e un elenco que contaba con numerosos artistas.[24]
En xullo de 1923 anunciouse que Amadeu vives contrataba a Mary Isaura para a súa compañía.[25] O 31 de agosto de 1923, a compañía representou en Madrid a ópera Il barbiere di Siviglia de Rossini, co texto en castelá e un grande éxito por parte de Mary Isaura. Vives estaba xa na recta final para a estrea da zarzuela Doña Francisquita, que foi interpretada por primeira vez no Teatro Apolo de Madrid o 23 de outubro dese ano con Mary Isaura no papel protagonista, que dá nome á obra. Uns meses máis tarde, en decembro de 1923, a compañía chegou a Barcelona para a estrea da obra na capital catalá. Despois de moitas semanas en cartel en Barcelona, a compañía saíu en diferentes xiras por América do Sur, actuando na Arxentina, o Uruguai, Chile, o Perú e máis tarde en Cuba e na Cidade de México na primavera de 1925. Naqueles momentos, Mary Isaura cantar xa máis de catrocentas veces o papel de Doña Francisquita. O 10 de xuño de 1925 cantou por 500.ª vez o papel, polo que foi homenaxeada no Teatre Olympia de Barcelona, onde estaba a representala desde había unhas semanas.[27] Os seus compañeiros de elenco foron entón Cora Raga, que cantara o papel de Aurora la Beltrana desde a estrea, Emili Vendrell e Pau Gorgé Samper. A zarzuela continuou as xiras, mais Isaura xa non participou nelas. En xuño de 1925 cantou Marina de Emilio Arrieta no Tívoli con Hipòlit Lázaro ("o primeiro tenor do mundo" segundo anunciaba o Tívoli), Frederic Caballé e Gabriel Olaizola.[28] En outubro de 1925 cantou no Tívoli En Sevilla está el amor, unha adaptación á zarzuela da ópera Il barbiere di Siviglia de Rossini, ademais da zarzuela María Sol con música de Jacinto Guerrero,[29] estreada un mes antes no Teatro de la Zarzuela de Madrid, e a estrea absoluta de La mosquetera con música de Rafael Martínez Valls (primeira obra súa estreada) tamén no Tívoli, con Tana (Gaietana) Lluró e o tenor mexicano Ricardo C. Lara. O 25 de novembro de 1925 estreou no Tívoli a zarzuela en dous actos Margaritiña, de Joaquim Zamacois, con Tana Lluró e Emili Sagi Barba.[30] A temporada de estreas no Tívoli continuou o 23 de decembro de 1925 con outra zarzuela de Rafael Millán, La severa.[31] Xunto con Isaura estiveron os grandes cantantes da temporada no Tívoli, Emili Sagi Barba, Emili Vendrell i Tana Lluró, baixo a dirección do compositor.
A comezos de 1926 Mary Isaura decidiur dar un xiro á súa carreira e entrar no mundo das varietés.[32] Debutou no xénero no Teatre Eldorado de Barcelona, onde comezou a actuar o 17 de marzo de 1926,[33] despois dunha estadía en París, onde adquiriu vestiario para as súas actuación como cantante de variedades.[34] Traballou tamén no Teatre Mercantil de Igualada e posteriormente no Teatre del Bosc de Barcelona, ambos durante o mes de abril. Na festividade de San Xoán estaba a cantar no Teatre Tarragona. O anuncio do concerto na prensa tarraconense indicaba que Isaura volvía dunha xira polo norte de España e por París.[35] Antes de rematar o ano, Isaura retirouse dos escenarios, comezando unha etapa de gravación de discos. En novembro de 1926 publicouse que recibira unha importante herdanza[36] dun familiar apelidado Soto Torres, que segundo o testamento a obrigaba a retirarse dos escenarios durante un ano se quería cobrala.[37] O certo é que Isaura non volveu subir a un escenario lírico. En maio de 1928 faleceu de cancro a súa nai na rúa Salmerón de Barcelona.
A última referencia en hemerotecas dunha actuación dúa foi o 18 de xaneiro de 1936, nun espectáculo do bailarín ruso nacionalizado español Sacha Goudine.[38]
Vida persoal
En 1904 aparece censada en Barcelona, no piso principal da rúa Sèneca do barrio de Gràcia,[39] piso que mantivo ata a súa morta. Cando volveu a Cataluña en 1925 despois da xira con Doña Francisquita construíu unha casa de estilo modernista en Sant Vicenç dels Horts, obra do arquitecto Josep Domènech i Mansana,[40] que foi vendida despois da súa morte pola súa filla, Anna Maria Cantí i Villaoz.
Casou o 2 de marzo de 1953 co empresario Domènec Cantí i Canals (ca. 1882-1963),[2] presidente do consello de administración das empresas Domingo Cantí SA e Perchas y Aprestos SA. Cantí morreu o 30 de maio de 1963 no domicilio familiar da rúa Sèneca.[41][42] El enviuvara do seu primeiro matrimonio con Àngela Canals i Sibils, que falcera o 3 de febreiro de 1953, un mes antes do enlace con Isaura.[43] A voda tivo lugar na máxima intimidade debido a esta circunstancia. O novo matrimonio xa tiña unha filla nese momento, Anna Maria Cantí i Villaoz.[45]
Discografía
- El niño judío (1918, fragmento)
- Doña Francisquita (1927, fragmento)
- Doña Francisquita (1930, fragmento)
- La alegría de la huerta (1930)
- La viejecita (1930)
- El Rey que rabió (1931)
- Molinos de viento (1931)
- La Reina mora (1932)
- Don Gil de Alcalá (1933, fragmento)
- Los gavilanes (1934)
- La viejecita (1935)
Notas
- ↑ Tamén escrit Villahoz ou Villoz nalgunhas publicacións. O apelido Villaoz é o que aparece na súa inscrición de bautismo e no expediente militar do seu pai, así como noutros documentos oficiais. O segundo apelido aparece nalgunhas fontes como Pereiras, por exemplo na asignación da pensión de viuvedade á súa nai trala morte do comandante Villaoz.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Inscrición de bautismo na igrexa parroquial de San Paio da Estrada, ano 1893, libro 3, folio 27, número 54. Inclúe unha referencia manuscrita posterior coa data do matrimonio con Domènec Cantí i Canals.
- ↑ "Necrológicas". La Vanguardia: 16. 10 de maio de 1982.
- ↑ 4,0 4,1 ALFAGEME (16 de maio de 1924). "Artistas gallegos - María Isaura Villaoz Pereira". El Progreso: 1.
- ↑ Vicente Villaoz Bolaños faleceu na Estrada o 5 de febreiro de 1898 segundo o seu expedient militar.
- ↑ "Esquela de defunció de Pilar Pereira Soto". La Vanguardia: 23. 18 de maio de 1928.
- ↑ "Las fiestas del Apóstol - Segunda parte". El Eco de Santiago: 2. 23 de xullo de 1913.
- ↑ "De la farándula - Los que triunfan y las que empiezan - Iribarne y la señorita Isaura Villaoz". El Día, diario reformista (Almería): 1. 15 de xullo de 1917.
- ↑ 12,0 12,1 "Coliseo Pompeya - Isaura Villaoz". La Vanguardia: 15. 24 de decembro de 1918.
- ↑ A pesar desta afirmación, non hai información nas hemerotecas do ano 1916 sobre a actuación de Mary Isaura en Maruxa no Teatre Tívoli. Talvez non cantou o papel principal.
- ↑ "Capellades". La Veu de Catalunya: 7. 21 de agosto de 1918.
- ↑ "Teatre Tívoli". El Diluvio: 3. 16 de novembro de 1919.
- ↑ "Crònica". La Veu de Catalunya: 13. 11 de outubro de 1919.
- ↑ "D'espectacles - Tívoli". La Veu de Catalunya: 10. 18 de novembro de 1919.
- ↑ "D'espectacles - Tívoli". La Veu de Catalunya: 5. 19 de novembro de 1919.
- ↑ "Una nueva artista". La Acción: 3. 21 de setembro de 1920.
- ↑ "Noticias". El Diluvio: 15. 6 de outubro de 1920.
En el Teatro Victoria de Madrid actúa con gran éxito la soprano Mary Isaura, quen, según parece, abandonó el género de ópera para dedicarse a la zarzuela
- ↑ "D'espectacles". La Veu de Catalunya: 10. 27 de decembro de 1919.
- ↑ "Por esos teatros". El Diluvio: 25. 18 de setembro de 1921.
- ↑ "Anunci del Teatre Tívoli". El Diluvio: 3. 21 de xaneiro de 1922.
- ↑ "Informaciones y noticias teatrales - ¡Es mucho Madrid!". ABC: 27. 24 de setembro de 1922.
- ↑ "Por esos teatros". El Diluvio: 22. 31 de xullo de 1923.
Se dice que la linda y muy discreta tiple "de número" Mary Isaura (es la tiple de un numerito por obra) ha sido contratada por el maestro Vives
- ↑ "D'espectacles". La Veu de Catalunya: 7. 10 de xuño de 1925.
- ↑ "Espectáculos - Teatros - Tívoli". El Diluvio: 3. 16 de xuño de 1925.
- ↑ "Espectacles - Teatre Tívoli". La Veu de Catalunya: 9. 20 de outubro de 1925.
- ↑ "Espectáculos - Tívoli". La Vanguardia: 12. 25 de novembro de 1925.
- ↑ "Música y teatros". La Vanguardia: 26. 22 de decembro de 1925.
- ↑ "Música y teatros". La Vanguardia: 19. 20 de xaneiro de 1926.
- ↑ "Espectáculos - Eldorado". La Vanguardia: 14. 17 de marzo de 1926.
- ↑ "D'espectacles - Olympia". La Veu de Catalunya: 2. 8 de marzo de 1926.
- ↑ "Gacetilla - Mary Isaura" (PDF). Tarragona: 4. 24 de xuño de 1926.
- ↑ Segundo as fontes, a cifra varía entre un e cinco millóns de pesetas.
- ↑ "La tiple María Isaura hereda cinco millones". El Adelanto: 7. 6 de novembro de 1926.
- ↑ "Homenajes, beneficio, presentaciones y próximos estrenos". El Sol: 2. 18 de xaneiro de 1936.
- ↑ Padró d'habitants de Barcelona de 1905, Districte 8, secció 298, foli 772.
- ↑ "Inventari del Patrimoni Històric, Arquitectònic i Ambiental de Sant Vicenç dels Horts". Diputació de Barcelona - Ajuntament de Sant Vicenç dels Horts. Arquivado dende o orixinal o 12 de xullo de 2019. Consultado o 9 de agosto de 2019.
- ↑ "Necrológicas". La Vanguardia: 30. 1 de xullo de 1963.
- ↑ Registre de Defuncions de l'Ajuntament de Barcelona, número de registre 1119 de 1963.
- ↑ "Necrológicas". La Vanguardia: 15. 8 de febreiro de 1953.
- ↑ "Ecos de sociedad". La Vanguardia: 13. 1 de xullo de 1953.
Véxase tamén
Bibliografía
- Arca Caldas, Olimpo (2001). Unha voz... Mary Isaura. Asociacion Fillos e Amigos Da Estrada. PO-237/01.