Os monarcas de Francia gobernaron desde o establecemento do Reino dos Francos no 486 ata a caída do Segundo Imperio Francés en 1870. A primeira dinastía de reis[1][2] foi a merovinxia, que estivo no poder ata o 751,[3] seguida da dinastía carolinxia, que gobernou ata o 987 (con algunhas interrupcións). A terceira das dinastías gobernantes foi a capetiana, procedente dos descendentes directos por vía masculina de Hugo Capeto, que gobernou entre o 987 ata 1792 e de novo entre 1814 e 1848. As ramas desta dinastía que gobernaron desde 1328, reciben xeralmente nomes específicos, como Valois (ata 1589) e Borbón (ata 1848).
Coa Casa de Bonaparte e a Restauración dos Borbóns no século XIX, o título pasou a ser coñecido como Rei dos Franceses e Emperador dos Franceses, entre 1814 e 1870.
Ademais dos monarcas indicados máis abaixo, a lista de monarcas británicos desde 1340-60 e 1369-1801 tamén foron pretendentes ao trono de Francia.
Durante un breve período de tempo, isto tivo a súa base nos termos do Tratado de Troyes en 1420, cando Carlos VI de Francia recoñeceu ao seu xenro Henrique V de Inglaterra como rexente e herdeiro. Henrique V finou antes que Carlos VI e polo tanto, Henrique VI de Inglaterra, sucedeu ao seu avó Carlos VI como Rei de Francia. A maior parte do norte de Francia estivo en mans inglesas ata 1435, pero en 1453 os ingleses xa foran expulsados de case toda a zona salvo de Calais, que acabaría volvendo a Francia en 1558. Porén, os monarcas ingleses, e máis tarde os británicos, continuaron reclamando o seu dereito ao trono de Francia ata a creación do Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda en 1801.
Os Merovinxios[4] foron unha dinastía Franco-Salia que gobernou aos Francos arredor de 300 anos na rexión coñecida como Francia en latín, desde mediados do século V. O seu territorio correspondía ao da Galia, así como ao das Provincias romanas de Raetia, Xermania Superior e a parte sur de Xermania. A dinastía merovinxia acadou relevancia histórica con Khilderico I (457-481), fillo de Meroveo, líder dos salios, pero foi Clodoveo I (481-511) o que unificou a Galia baixo o mandato dos merovinxios.[5]
A dinastía carolinxia foi unha familia da nobreza franca con orixes nos clans dos Pipínidos e Arnúlfidos do século VII. A familia consolidou o seu poder a finais do século VIII, exercendo cargos como o de mordomo de palacio e dux et princeps Francorum de xeito hereditario e converténdose no verdadeiro poder detrás dos reis merovinxios. No 751, Pipino o Breve, destronou aos merovinxios co consentimento do Papado e a aristocracia e converteuse no Rei dos Francos.[6]
Os Robertinos eran unha familia da nobreza franca que debían lealdade aos Carolinxios, e antepasados da Dinastía capetiana. Eudes, Conde de París, foi escollido polos Francos occidentais para ser o seu rei logo de derrocar a Carlos III o Gordo. Foi coroado en Compiègne en febreiro do 888 polo arcebispo de Sens.[7]
Carlos, o fillo póstumo de Lois II, foi coroado por unha facción oposta a Eudes na Catedral de Reims. Porén, só se converteu en monarca trala morte deste no 898.[8]
Os Bosónidas foron unha familia nobre descendente de Bosón o Vello. Un membro da dinastía foi elixido Rei dos Francos no 923.
Trala morte de Lois V de Francia, o fillo de Hugo o Grande e neto de Roberto I, Hugo Capeto, foi elixido pola nobreza como Rei de Francia. A dinastía capetiana, composta por descendentes directos varóns de Hugo Capeto, gobernou Francia de xeito continuado desde o 987 ata 1792 e máis tarde de novo entre 1814 e 1848. Eran descendentes directos dos reis robertinos. As ramas menores desta dinastía, que gobernaron a partir de 1328, adoitan recibir os nomes de Valois e Borbón.
A liña principal de descendentes de Hugo Capeto adoita coñecerse como os Capetos directos. Esta liña extinguíuse en 1328, provocando unha crise sucesoria coñecida como a guerra dos Cen Anos. Aínda que houbo moitas ramas de pretendentes, as máis importantes foron a Casa de Valois e a Casa de Plantagenet.
A morte do último descendente directo de Hugo Capeto foi a causa da guerra dos Cen Anos entre a Casa de Valois e a Casa de Plantagenet polo control do trono de Francia. Os Valois reclamaban o dereito de sucesión por liña masculina de primoxenitura tendo eles o descendente directo máis próximo ao último rei francés, sendo este descendente do cuarto fillo de Filipe III. Os Plantagenet basearon as súas reclamacións en que eran descendentes dun rei máis recente, Filipe IV a través de Isabel de Francia e o seu fillo Eduardo III. As dúas casas reais combateron na guerra dos Cen Anos para reforzar as súas reclamacións, resultando finalmente vitoriosos os Valois. Un Plantagenet, Henrique VI de Inglaterra, exerceu o control de jure do trono francés grazas ao Tratado de Troyes, que foi a base da reclamación dos monarcas ingleses do trono francés ata 1801. A rama dos Valois viu extinta a súa rama principal en 1422, durante as guerras de relixión de Francia.
A Casa de Valois parecía forte trala morte de Henrique II, quen deixou tres herdeiros varóns. O primeiro deles, Francisco, morreu sendo menor de idade. O segundo, Carlos IX non tivo herdeiros lexítimos para herdar. Tralo asasinato de Henrique III, Francia volveu a sumirse nunha crise sucesoria na que un curmán distante do rei herdaría o trono. O pretendente mellor situado foi o rei Henrique de Navarra, mais era protestante, un feito inaceptable para a maior parte da nobreza francesa. Tras gañar numerosas batallas na defensa dos seus dereitos, Henrique converteuse ao catolicismo e foi coroado rei, nacendo así a Casa de Borbón.
A Primeira República Francesa estivo vixente desde 1792 ata 1802, cando o Primeiro Cónsul Napoleón Bonaparte, foi proclamado Emperador dos Franceses.[4]
Trala derrota de Napoleón e o seu exilio na Illa de Elba, a monarquía dos Borbóns foi restaurada. O irmán do destronado Lois XVI, foi coroado rei baixo o nome de Lois XVIII de Francia. O fillo de Lois XVI foi considerado por moitos monárquicos como Lois XVII, aínda que nunca foi coroado e nunca gobernou antes da súa morte. Napoleón regresaría ao poder durante o período coñecido como os Cen Días en 1815. Trala súa derrota definitiva na Batalla de Waterloo, os Borbóns volveron a ascender ao trono e continuaron gobernando Francia ata a Revolución de Xullo de 1830 na que foron substituídos por unha rama menor, a Casa de Orleáns.
A Restauración dos Borbóns chegou ao seu fin coa Revolución de Xullo de 1830, na que se depuxo a Carlos X e ascendeu ao trono Lois Filipe de Orleáns. A monarquía cambiou as costumes do Antigo Réxime, substituíndoas por costumes máis populistas (o título de Rei de Francia pasou a ser de novo Rei dos Franceses). Lois Filipe mantívose no poder ata a Revolución de 1848, na que se instaurou a Segunda República Francesa.
A Segunda República Francesa estivo vixente desde 1848 ata 1852, cando o seu presidente Lois Napoleón Bonaparte, foi proclamado Emperador dos Franceses.[4]
Cando foi proclamado emperador, Lois Napoleón Bonaparte tomou o nome de Napoleón III de Francia. Anos máis tarde foi derrocado durante a guerra franco-prusiana. Foi o último monarca que gobernou en Francia, desde entón sucedéronse no país varios Gobernos republicanos.
Varios pretendentes descendentes dos monarcas franceses reclamaron o seu dereito a ser o lexítimo monarca de Francia, rexeitando as reclamacións do Presidente de Francia, e as dos outros. Estes grupos son: