--
cel
xce
A lingua celtibera é unha lingua celta paleohispánica falada no centro da Península Ibérica ata polo menos o século I da nosa era nas actuais provincias españolas de Zaragoza, Teruel, Soria, Burgos e Palencia polos celtiberos.
De entre as linguas célticas continentais, o celtibero está peor documentado có galo, pero mellor có lepóntico e o gálata. Á parte de moitas moedas inscritas, foron sobre todo os bronces de Botorrita (véxase máis adiante) os que posibilitaron a reconstrución da lingua. Ademais, como en todas as linguas paleohispánicas, existen outras pequenas inscricións e abundantes teónimos, antropónimos e topónimos.
Mallory (1989, p. 106) clasifica o celtibero como unha lingua "celta Q" (coma o goidélico) e non como unha lingua "celta P" (coma o galés). A diferenza baseábase na conservación ou evolución a /p/ do fonema labiovelar xordo /kw/ do indoeuropeo. Actualmente a maioría dos lingüistas refugan esta clasificación.
O celtibero presenta un pronome relativo ios case completamente declinado, que non se conserva en ningunha das outras linguas célticas, e as partículas kue “e”, nekue “nin”, ue “ou”. Coma no galés, existe un subxuntivo en s, gabiseti (antigo irlandés gabid), robiseti, auseti (comparar co umbro ferest).
En Contrebia Belaisca (actual Botorrita, preto de Zaragoza) atopáronse unha serie de bronces do século I antes da nosa era.
Entre estes bronces atópase o chamado "Bronce de Botorrita I" que é o texto en celtibero máis longo achado ata hoxe. O texto aínda non foi traducido, aínda que si transliterado, e tense unha idea xeral do que se trata. Parece ser un tipo de documento comercial que contén moitos nomes de persoa.
O bronce III é unha longa lista de nomes celtiberos do que parece que son douscentos dos habitantes (homes e mulleres) de Contrebia Belaisca.