Lilongwe é a capital de Malaui. Está situada no centro-occidente do país e na parte oeste do río Malawi, preto da fronteira entre Malawi, Mozambique e Zambia. As súas coordenadas xeográficas son 13º59' S e 33º47' E. A súa poboación era de arredor de 440.500 habitantes en 2003.
A antiga capital, Blantyre, é hoxe en día aínda a cidade máis populosa de Malaui, así como a capital económica.
Historia
Lilongwe era unha pequena aldea nas beiras do río homónimo que pasou a ser un centro administrativo colonial británico a comezos do século XX. Debido á súa excelente situación sobre unha encrucillada de camiños (a estrada norte-sur e a que comunicaba con Rodesia do Norte, hoxe Zambia), Lilongwe converteuse na segunda cidade maior de Malawi. En 1974 trasladouse para ela a capitalidade do estado desde Zomba (actualmente a cuarta cidade do país). Desde entón, se ben Lilongwe medrou moito, a maior parte das actividades comerciais e económicas de Malawi son efectuadas en Blantyre, a cidade principal do país.
Xeografía
Sita na zona centro-oeste de Malawi, Lilongwe fica a 1.200 m de altura s.n.m., nun planalto.
Clima
Durante a estación das choivas, entre outubro e abril, Lilongwe é húmida e cálida. No resto do ano, seca e poeirenta. Xuño e xullo son meses particularmente fríos e ventosos.
Nivel de vida
En comparación con outras capitais africanas, Lilongwe é unha cidade politicamente estábel, segura e tranquila. Mais a pesar de ter uns estándares equiparábeis aos de calquera cidade occidental, a maioría da poboación, proveniente do campo, ingresa rendas moi baixas e moitas persoas están desempregadas. A diferenciación social entre a maior parte dos cidadáns e a minoría formada polos funcionarios do goberno e os residentes estranxeiros é evidente. Con todo, os delitos nas rúas adoitan ser inusitados, pese a que non é raro ver xente pedindo esmola.
Saúde pública
Lilongwe é un dos focos principais da epidemia de sida en Malawi. De feito, un 20% da poboación urbana é seropositiva. A rexión central tamén padece un grave problema de deforestación, que fai que os campesiños abandonen as súas terras e acudan en masa para a cidade, que crece moi rapidamente.
Urbanismo
O centro urbano é moderno. Nel teñen a súa os grandes bancos, as legacións diplomáticas, os hoteis principais, as compañías aéreas e as empresas estranxeiras. Preto levántase a cidade vella, un barrio comercial moi animado, onde se sitúa o mercado, as mesquitas e máis a estación de autobuses. Na beira esquerda do río é onde se localizan os barrios residenciais de maior nivel.