Abuja é a capital do estado federal africano de Nixeria, que substituíu a antiga capital, Lagos, oficialmente desde 1992. A súa poboación en 2005 era de 182 418 habitantes, mais a súa área metropolitana estímase que se achega a 1 500 000 habitantes.
Xeografía
A cidade de Abuja está situada no centro xeográfico do país, ao norte da confluencia dos ríos Nixer e Benue, a uns 480 km ao nordeste de Lagos, a anterior capital. O seu territorio limita cos estados de Níxer polo oeste; Kaduna polo nordeste, Plateau polo leste e o polo sur; e con Kogi polo suroeste.
Historia
En 1976 acordouse trasladar a capital federal desde Lagos, para o que se escolleu un territorio no centro do país. Abuja converteuse na nova capital no 1982, mais o recoñecemento oficial non tivo efectividade até o 1992. A cidade está no centro do denominado Territorio da Capital Federal (TEC). Administrativamente está dividido en seis distritos: Central, Abaji, Gwagwalada, Kuye, Bwari e Kwali.
Monumentos
A cidade foi construída no asentamento dun pequeno núcleo urbano anterior. A nova capital foi proxectada polo arquitecto xaponésKenzo Tange e os seus colaboradores, que actuaron a través da empresa Kenzo Tange & Urtec. As obras comezaron en 1976 e continúan na actualidade, con fases alternas de inactividade, a causa de escaseza de medios de financiamento.
Economía
Desde un punto de vista económico a cidade carece de actividades destacables, pois é sobre todo unha urbe administrativa. É a sede da Universidade de Abuja, fundada en 1988.