Guillerme IV de Orange-Nassau (en neerlandés: Willem IV van Oranje-Nassau), nado o 1 de setembro de 1711 na localidade frisoa de Leeuwarden e finado o 22 de outubro de 1751 na cidade surholandesa da Haia, foi o segundo membro da casa de Orange-Nassau que ostentou o título de príncipe de Orange e o primeiro deles que herdou a condición de estatúder en toda a República das Provincias Unidas, nos actuais Países Baixos.[1]
Guillerme IV foi un dos fillos do matrimonio entre Xoán Guillerme Friso de Orange-Nassau (1687-1711), príncipe de Nassau-Dietz e príncipe de Orange, conde de Katzenelnbogen, estatúder de Frisia e de Groninga e almirante das Provincias Unidas, e María Luísa de Hesse-Kassel (1688-1765).
O 25 de marzo de 1734 casou en Londres con Ana de Hannover (1709-1759), filla de Xurxo II, rei de Gran Bretaña e de Irlanda. O matrimonio tivo seis fillos, dos cales o primoxénito varón e as dúas fillas seguintes naceron mortos, ademais doutra filla falecida ao mes de nacer. A súa filla máis vella supervivente, Carolina, casou en 1760 co seu primo distante Carlos de Nassau-Weilbourg. O menor de todos os fillos, e único varón vivo, Guillerme Bátavo, naceu, xa que logo, coa condición de herdeiro presuntivo.[2]
En 1739, Guillerme IV herdou os dominios anteriormente detentados pola liña de Nassau-Dillenbourg, e en 1743 herdou as posesións dos Nassau-Siegen.
Con ánimoo de acougo con respecto ás liortas internas entre as diversas faccións, en 1747 o Parlamento dos Países Baixos nomeou a Guillerme IV de Orange-Nassau como titular xeral hereditario de cada unha das sete provincias (Utrecht, Holanda, Frisia, Groninga, Zelandia, Drenthe e Overijssel).
Foi nesa conxuntura cando Guillerme IV e a súa familia abandonaron Leeuwarden para se establecer definitivamente na Haia.
Malia a súa inexperiencia en asuntos de Estado, Guillerme IV de Orange-Nassau acadou unha certa popularidade entre os seus súbditos, entre outras cousas porque detivo a práctica dos impostos indirectos, co que os comerciantes incrementaron notablemente as súas ganancias. No entanto, a súa política económica e o seu papel como director xeral da Compañía Holandesa das Indias Orientais fixeron aumentar a desigualdade que existía entre as clases ricas e as máis desfavorecidas.
A súa acción de goberno como estatúder das sete provincias estivo marcada pola vacilación e a falta de determinación das súas empresas. Guillerme IV estivo especialmente preocupado, estreitamente asesorado por Willem Bentinck, pola restauración das funcións do estatúder logo do segundo período sen esta figura de goberno, que caracterizou a vida política da República a principios do século XVIII.[3]
Guillerme IV de Orange-Nassau faleceu en 1751 e os seus restos descansan na cripta real da familia Orange-Nassau na Igrexa Nova de Delft.[4]