Friedrich Schiller

Modelo:BiografíaFriedrich Schiller

(1794) Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(de) Johann Christoph Friedrich von Schiller Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(de) Johann Christoph Friedrich Schiller Editar o valor en Wikidata
10 de novembro de 1759 Editar o valor en Wikidata
Marbach am Neckar (Sacro Imperio Romano Xermánico) Editar o valor en Wikidata
Morte9 de maio de 1805 Editar o valor en Wikidata (45 anos)
Weimar (Sacro Imperio Romano Xermánico) Editar o valor en Wikidata
Causa da mortetuberculose Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaJacobsfriedhof Weimar (en) Traducir
Weimarer Fürstengruft (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
RelixiónLuteranismo Editar o valor en Wikidata
EducaciónHohe Karlsschule (pt) Traducir
Universidade de Jena Editar o valor en Wikidata
Director de teseJohann Wolfgang Döbereiner Editar o valor en Wikidata
Actividade
Campo de traballoPoesía, teatro, filosofía, historia e literatura Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónpoeta, tradutor, profesor universitario, xornalista, médico, escritor, médico militar, novelista, médico escritor, filósofo, dramaturgo, historiador, bibliotecario, esteticista Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1789 Editar o valor en Wikidata - 1805 Editar o valor en Wikidata
EmpregadorUniversidade de Jena Editar o valor en Wikidata
Membro de
Xénero artísticoBalada e obra de teatro Editar o valor en Wikidata
MovementoSturm und Drang e Classicismo de Weimar (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
ProfesoresBalthasar Haug (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Influencias
Obra
Obras destacables
Arquivos en
Familia
CónxuxeCharlotte von Lengefeld Editar o valor en Wikidata
FillosKarl von Schiller, Ernst von Schiller, Caroline Junot, Emilie von Gleichen-Rußwurm Editar o valor en Wikidata
PaisJohann Kaspar Schiller Editar o valor en Wikidata  e Elisabeth Dorothea Schiller Editar o valor en Wikidata
IrmánsChristophine Reinwald Editar o valor en Wikidata
ParentesJohann Friedrich Schiller, curmán Editar o valor en Wikidata
Cronoloxía
16 de novembro de 1802ennoblement (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Sinatura Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fontePequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron
Allgemeine Deutsche Biographie Editar o valor en Wikidata
IMDB: nm0771646 IBDB: 5694
BNE: XX1144351 iTunes: 81418348 Musicbrainz: 6eea5386-1d69-424c-851c-1236a72db3c2 Discogs: 1007099 IMSLP: Category:Schiller,_Friedrich WikiTree: Schiller-192 Find a Grave: 1186 Editar o valor en Wikidata

Johann Christoph Friedrich von Schiller, nado en Marbach am Neckar o 10 de novembro de 1759 e morto en Weimar o 9 de maio de 1805, foi un poeta, dramaturgo, filósofo e historiador alemán. É considerado un dos autores teatrais máis importantes en lingua alemá. Como poeta tivo tamén unha influencia enorme, e as súas Balladas están entre os poemas máis coñecidos no ámbito de lingua alemá.

É, con Goethe, Wieland e Herder, un dos representantes senlleiros do clasicismo de Weimar.

Traxectoria

Orixe, educación e primeiros éxitos

A casa patrucial e a escola

Friedrich Schiller foi fillo do oficial e cirurxián Johann Caspar Schiller e de Elisabeth Dorothea Schiller, (de solteira, Kodweiß). O futuro escritor foi o único fillo home dos seis da parella, e naceu cando o pai se atopaba loitando na guerra dos sete anos. En 1763, despois de que o pai conseguira unha praza de oficial de recrutamento, a familia trasladouse a Lorch, en Württemberg. Pouco despois do nacemento de Luise, unha das irmás de Schiller, en 1766 a familia múdase, obrigada pos seus problemas económicos, a Ludwigsburg onde, nese mesmo ano, Schiller entra na escola latina. O estudo das linguas clásicas era axeitado para a futura carreira eclesiástica á que o destinaban seus pais. Con trece anos escribe dúas pezas teatrais que non se conservan. Absalon e Die Christen.

Schiller atraeu a atención do duque de Württemberg, Karl Eugen, e, por orde ducal e contra a vontade de seus pais, tivo que entrar na academia militar de elite Karlsschule en 1773. Esta academia, fundada polo propio duque e que se atopaba no castelo Solitude, preto de Stuttgart, foi trasladada ó recinto da cidade en 1775 e transformada en universidade en 1781. Schiller comezou estudos de dereito. Os alumnos eran educados con disciplina militar, e o feito de que Schiller sufrira de enurese ata os 15 anos custoulle duros castigos por dúas veces. Schiller tomaba rapé en segredo e el e os seus compañeiros lían libros prohibidos.

Estudos de medicina

Casa natal de Schiller.

En 1775, despois do traslado a Stuttgart da academia, Schiller cambiou de carreira e comezou a estudar medicina. Nesa época leu avidamente as obras dos poetas do movemento do Sturm und Drang e os poemas de Klopstock. No mesmo 1775 escribiu outra obra dramática non conservada, o drama Der Student von Nassau ("O estudante de Nassau"). A súa primeira obra publicada, o poema Der Abend ("A tarde"), ve a luz o ano seguinte. Schiller le as obras de Plutarco, Shakespeare, Voltaire, Rousseaus e Goethe. En 1776 empeza a traballar na obra Die Räuber ("Os ladróns"). En 1779 pasa o primeiro exame de medicina e pide ser liberado do posto de médico militar, solicitude que lle foi concedida só despois de ler a súa tese Versuch über den Zusammenhang der thierischen Natur des Menschen mit seiner geistigen ("Ensaio sobre a relación entre as naturezas animal e espiritual do home").

Die Räuber

En 1781 Schiller acaba a redacción da obra teatral Die Räuber, ("Os ladróns"), que foi impresa anonimamente ese mesmo ano. Nesa época entra en contacto co poeta Christian Friedrich Daniel Schubart, encarcerado na fortaleza de Hohenasperg, na cidade de Asperg, preto de Stüttgart.

O 13 de xaneiro de 1782 estréase con grande éxito (en especial entre o público máis novo) Die Räuber, no teatro nacional de Mannheim. A obra amosa o conflito entre dous irmáns aristócratas. O máis vello, Karl Moor, conduce a un grupo de estudantes rebeldes ós bosques de Bohemia, onde se converten nunha banda de bandidos ó estilo de Robin Hood. O máis novo, Franz Moor, intriga para herdar as terras de seu pai. A crítica á corrupción social e os ideais protorrevolucionarios da obra converteron a obra nun grande éxito e valéronlle, anos despois, para ser nomeado membro honorario da República Francesa. Grupos de xoves liberais crearon nos meses seguintes no sur de Alemaña varias "cuadrillas de ladróns". Schiller estivo presente na estrea co seu amigo Andreas Streicher, malia a prohibición do duque, o que lle custou ser condenado a 14 días de cadea e a prohibición de escribir futuras comedias e material semellante.

Fuxida de Stuttgart

A noite do 22 ó 23 de setembro de 1782 foxe de Stuttgart con Andreas Streicher e diríxese a Mannheim, onde entrega a Dalberg, intendente do teatro local, o seu novo drama Die Verschwörung des Fiesco zu Genua, ("A conxuración dos Fiesco de Xénova"). Viaxa a Frankfurt, Oggersheim e Bauerbach. Streicher relatou a fuxida no libro Schillers Flucht von Stuttgart und Aufenthalt in Mannheim von 1782 bis 1785, ("A fuxida de Schiller e a súa estancia en Mannheim de 1782 a 1785"). A finais de 1782 aparece a Anthologie auf das Jahr 1782 con 83 poemas, máis deles de Schiller.

Os anos inseguros (1783–1789)

En 1782, grazas á axuda do seu amigo dos tempos da universidade Wilhelm von Wolzogen, Schiller atopa abeiro na casa da mai deste, Henriette, en Bauerbach. Alí coñece ó bibliotecario Reinwald de Meiningen, que casaría máis tarde con Christophine, a irmá de Schiller. En Bauerbach acabou Luise Millerin e empezou a escribir Don Karlos.

Invitado por Dalberg regresa en 1783 a Mannheim, para ocupar un posto no teatro. Alí enferma de febres nerviosas (malaria), enfermidade naquela época endémica do val do Rin. En Mannheim coñece a Charlotte von Kalb. En xaneiro de 1784 estréase o Fiesco, en abril Luise Millerin, que foi renomeada die Kabale und Liebe por August Wilhelm Iffland. En xuño le o discurso "Die Schaubühne als eine moralische Anstalt betrachtet", ("O teatro como institución moral")[1]. En decembro recibe do duque Carl August von Sachsen-Weimar o título de conselleiro de Weimar; Carl August estivera presente na primeira representación de Don Karlos. Despois dun ano, Dalberg non renovou o contrato de Schiller no teatro de Mannheim, o que case provocou que o escritor acabara na cadea por débedas.

En abril de 1785 Schiller marchou a Leipzig cabo de Christian Gottfried Körner, que lle axudou a superar as dificultades económicas. A amizade con Körner, que editou entre 1812 e 1816 as obras completas do autor de Marrbach, era resultado dunha carta sen firmar que este dirixira ó autor xunta co seu amigo Ludwig Ferdinand Huber e as irmás Anna Maria (Minna) e Johanna Dorothea (Dora) Stock, na que amosaba na súa admiración polos dramas de Schiller. Os autores da carta eran dous matrimonios que se enfrontaban á resistencia das familias (as irmás Stock eran fillas dun traballador manual de Leipzig) e que se sentían identificados co drama Kabale und Liebe. Medio ano despois, Schiller respondeu sinalando que as súas cartas […] atópanme nun dos momentos máis tristes do meu corazón. O 7 de agosto de 1785 Christian Gottfried casou con Minna.

No verán de 1785 Schiller escribiu a petición de Körner, que era membro da masonería, a Ode an die Freude (comunmente traducida por "Oda á alegría"). Esta peza estaba destinada a loxa masónica Zu den drei Schwertern de Dresden. Durante a estadía en Loschwitz o escritor coñeceu, na vila de Blasewitz, fronte ó río Elba, a Johanne Justine Segedin, filla dun fondista, á que inmortalizaría en 1797 en Wallensteins Lager como Gustel von Blasewitz. En 1786 apareceu na segunda entrega da revista Thalia o conto Verbrecher aus Infamie. Eine wahre Geschichte, que foi publicado máis tarde co título de Der Verbrecher aus verlorener Ehre.

O 21 de xullo de 1787 Schiller viaxa a Weimar onde coñece a Herder e Wieland. Durante unha viaxe por Rudolstadt coñece a Charlotte von Lengefeld e a súa irmá Caroline, máis coñecida polo seu nome de casada de Caroline von Wolzogen, despois de que esta publicara anonimamente na revista publicada por Schiller Die Horen a novela Agnes von Lilien, que foi en parte atribuída ó mesmo Schiller.

En 1788, despois de regresar da súa viaxe a Italia, Goethe entrevístase con Schiller o 7 de setembro nos xardíns da familia Lengefeld en Rudolstadt, pero non se desenvolveu unha corrente de interese mutua. Schiller acabou o primeiro e único tomo de Geschichte des Abfalls der Vereinigten Niederlande von der spanischen Regierung e as doce Cartas sobre Don Carlos.

A. Graff (contra 1790): Friedrich Schiller.

Na décima carta da colección, Schiller escribiu que non era nin illuminati nin masón. O bisneto do escritor, Alexander von Gleichen-Rußwurm, afirmaba, porén, que Schiller fora membro da loxa de Rudolstädt, Freimaurerloge, Günther zum stehenden Löwen, da que foi membro tamén Fichte.[2]. En 1829 dous membros desta loxa queixáronse da súa disolución, na que finalmente tería entrado Schiller, malia que non hai probas documentais deste feito.[3]

A consolidación económica 1789-1799

Anuncio da concesión do a Schiller do título de cidadán honorario da República Francesa (1792).

No ano 1789 Schiller obtivo o posto de profesor da universidade de Jena, sen un soldo establecido. Deu clases de historia por ben que era profesor de filosofía. Obtivo a súa cualificación profesoral coa súa Geschichte des Abfalls der Vereinigten Niederlande (Historia da caída da Unión dos Países Baixos). O recordo do éxito de Die Räuber provocou que a noticia da presenza de Schiller en Jena xerara un grande entusiasmo. A lección inaugural Was heißt und zu welchem Ende studiert man Universalgeschichte? ("Para que se estuda a historia universal?") provocou unha expectación enorme e obrigou a habilitar a sala meirande da universidade para poder dar entrada a todo o público asistente.

O 22 de febreiro de 1790 casa con Charlotte von Lengefeld, e ao ano seguinte enferma de gravidade: o 3 de xaneiro prodúcese o primeiro ataque, con tose e desmaios, ó que seguen recaídas posteriores. A doenza, probablemente tuberculose, acompañouno o resto da súa vida. En decembro do mesmo ano Ernst Heinrich conde von Schimmelmann e Friedrich Christian von Augustenburg concédenlle unha pensión anual de 1.000 táleros para aliviar a súa precaria situación económica.

Casa de Schiller na actual Schillerstraße.

En 1792 foille concedido o título de cidadán honorario da República Francesa, ó mesmo tempo que Friedrich Klopstock, Johann Pestalozzi, George Washington e Tadeusz Kościuszko. Neste nomeamento tivo máis que ver a sona de rebelde do escritor que a súa postura real. O apoio inicial de Schiller á revolución francesa mudou bruscamente durante o goberno dos xacobinos e a instauración do Terror.

Nese ano completou a redacción da Geschichte des Dreißigjährigen Krieges e as obras Neue Thalia e Über die tragische Kunst. En 1793 aparece Über Anmut und Würde ("Sobre a pobreza e a honra") e Schiller fai unha visita a seus pais en Ludwigsburg. O 14 de setembro naceu o seu primeiro fillo, Karl Friedrich Ludwig, En 1794 Schiller entrou en contacto co editor Friedrich Cotta, que se mostrou disposto a editar a revista mensual Die Horen e o Almanaque das musas.

A relación con Goethe

A relación de amizade con Johann Wolfgang von Goethe deu lugar a unha intensa relación epistolar. En setembro de 1794 Schiller pasou dúas semanas na casa de Goethe, tempo no que este tentou agachar a súa relación libre con Christiane Vulpius. Christiane e o seu fillo de cinco anos permaneceron fóra da vista do visitante, que describiu a relación como o único punto feble de Goethe e criticouno nunha carta polo seu “concepto equivocado da felicidade doméstica“, que Goethe definía coma “relación de parella sen cerimonias“. Pola súa parte a Goethe amolábano a paixón polas cartas e o hábito de fumar de Schiller. A anécdota de que Schiller só podía escribir se cheiraba a mazás podres procede de Goethe.

En 1795 aparece o primeiro número da revista Die Horen na que colaboran os escritores e filósofos máis coñecidos da época, coma Johann Herder, Johann Gottlieb Fichte, August Schlegel, Wilhelm von Humboldt, Alexander von Humboldt, Johann Heinrich Voß e Friedrich Hölderlin. Nese mesmo ano Schiller completa Über naive und sentimentalische Dichtung.

En 1796 morren a irmá do escritor, Nanette, e o seu pai e nace o seu segundo fillo, Ernst Friedrich Wilhelm. Entre 1796 e 1800 dirixe tamén a revista literaria O almanaque das musas na que escriben Goethe, Johann Herder, Ludwig Tieck, Friedrich Hölderlin e August Schlegel.

1797 foi para Schiller o ano das baladas. Neste ano acabou as baladas Der Taucher, Der Handschuh, Der Ring des Polykrates, Der Gang nach dem Eisenhammer e Die Kraniche des Ibykus fertigstellte. En 1798 apareceron Die Bürgschaft e Der Kampf mit dem Drachen..

F. G. Weitsch Schiller (1804)

Os anos de Weimar

En outubro de 1799 naceu a súa filla Caroline Henriette Luise e o 3 de decembro a familia trasladouse a Weimar. Ese mesmo ano deu por acabado Wallenstein. En 1800 rematou o drama Maria Stuart, en 1801, Die Jungfrau von Orleans ("A doncela de Orleáns") e o poema Der Antritt des neuen Jahrhunderts ("A chegada do novo século") (Nobre amigo. ¿onde se atopa a paz?', | ¿Onde atopara asilo a liberdade? | O século di adeus nunha tormenta | e o novo comeza con asasinato | ...).

O 16 de novembro de 1802 recibiría o título nobiliario, que lle permitiría presentarse no futuro como Friedrich von Schiller. O mesmo ano morreu a súa mai.

En 1803 acaba Die Braut von Messina, en 1804 Wilhelm Tell e comeza o Demetrius, que deixaría inacabado. En xullo de 1804 nace a súa filla Emilie Friederike Henriette. Nesta época as recaídas da súa enfermidade son cada vez máis frecuentes.

A morte, 1805

Poucos anos antes morrer Schiller, un xornal publicara xa a noticia falsa da súa morte. De feito en febreiro de 1805 o seu estado agravárase moito e o seu derradeiro encontro con Goethe foi o 1 de maio. Schiller tivo tempo aínda de acabar a tradución da traxedia de Jean Racine Phèdre.

O 9 de maio morreu dunha pulmonía causada probablemente por unha afección tuberculosa. Segundo o informe forense, o seu pulmón esquerdo estaba completamente destruído, o mesmo que os riles. Os seus restos foron depositados no cemiterio de Jacobsfriedhof de Weimar. O seu cranio foi retirado en segredo por Goethe da biblioteca Herzogin Anna Amalia. Finalmente os restos foron trasladados en decembro de 1827 ó Panteón dos Príncipes do novo cemiterio de Weimart. Posteriormente Goethe foi enterrado, por desexo seu, ó seu carón.

Significado literario

Schiller foi contemporáneo do paso do absolutismo ás sociedades burguesas. E da revolución francesa. A división política e o absolutismo da Alemaña da época, que non permitiron a articulación política da burguesía, converteron a literatura na segunda metade do século 18 nun medio central de crecemento da conciencia burguesa. As obras de Schiller ata 1785 son a expresión do desenvolvemento de principios que se opoñen o poder da aristocracia. Son os anos da traxedia burguesa.

Despois do período entre 1785 e 1795 con obras como Don Carlos e ensaios de teoría literaria como Über die ästhetische Erziehung des Menschen e Über naive und sentimentalische Dichtung, Schiller escribe, entre 1795 e 1805 sobre todo dramas, dentro da corrento do chamado clasicismo de Weimar. Neles establece o programa da educación estética da persoa, buscando a unión de entendemento e sentimento. Schiller intentaba coa formación estética, po-los fundamentos dun cambio sen violencia cara á un estado gobernado pola razón, como oposición os cambios pola forza, semellantes ós postos en marcha pola revolución francesa.

Schiller colaborou a achegar ós lectores en lingua alemá ós ideais da razón, a humanidade e a liberdade. Nas súas propias palabras A construción dunha verdadeira liberdade política é a máis completa de tódalas obras artísticas (Sobre a educación estetica da persoa, carta segunda).

Recepción

As obras de Schiller provocaron grande entusiasmo en Alemaña e fóra dela, coma na Italia aínda desunida e na Rusia dos tsares. Schiller era para uns o poeta da liberdade, para outros o representante da moral burguesa. A forza dos seus versos e dos seus diálogos escénicos, fixeron frecuentes ás citas de frases do dramaturgo alemán. En 1859 o seu centenario foi celebrado en toda Europa e nos Estados Unidos. O editor Johann Friedrich Cotta vendeu ata 1867 2,4 millóns de exemplares das súas obras.

Monumento a Goethe e Schiller en Weimar

A burguesía alemá dos séculos XIX e comezos do XX sentiuse identificada coas obras de Schiller. Os seus escritos, que foron levados ós libros escolares polos reformadores da educación do século XIX, eran aprendidos de memoria e constituían un dos fundamentos do capital cultural da burguesía na súa loita polo ascenso social, Schiller foi tamén moi valorado como porta da liberdade no movemento obreiro alemán. Mesmo durante o Terceiro Reich e na República Democrática Alemá se tentou a integración ideolóxica da súa obra. Na DDR era considerado coma un burgués avanzado, que preparou a chegada do comunismo e organizáronse festividades coincidindo co seu 200 aniversario.. Non tódalas súas obras eran, porén, igualmente consideradas, e, por exemplo, a frase de Don Carlos (Sire, dádeme a liberdade de pensamento era, coma durante o período nacionalsocialista, censurada.. O discurso de Thomas Mann Versuch über Schiller de maio de 1955, lido en ámbalas dúas Alemañas, era unha "declaración de amor" a Schiller e unha chamada ós alemáns, que parecían non ter aprendido ren das dúas guerras mundiais Porén, os actos do Ano Schiller de 2005, amosaron que as obras de Schiller non atraían xa grande atención. Por ben que os estudos sobre o escritor se revitalizaron, a súa presenza nos medios de comunicación foi exclusivamente biográfica. As obras orixinais non eran xa coñecidas dabondo e os intentos de actualización tiveron pouco eco. O modelo de burgués culto que representa o escritor é dificilmente aceptado polo espectador ou o lector actuais.

Obras

Teatro

  • Die Räuber (1781), que inclúe a Canción de Héctor (Hektorlied) .
  • Kabale und Liebe (1783)
  • Die Verschwörung des Fiesco zu Genua (1784)
  • Don Karlos (coñecida hoxe máis por Don Carlos (1787/88')
  • Wallenstein -Triloxía (1799)
  • Maria Stuart (1800)
  • Die Jungfrau von Orléans (1801)
  • Turandot (baseado na obra de Carlo Gozzi) (1801)
  • Die Braut von Messina (1803)
  • Der Neffe als Onkel (Divertimento baseado na obra de Louis Benoit Picard) (1803)
  • Der Parasit oder Die Kunst, sein Glück zu machen] (Divertimento, baseado tamén sobre Picard) (1803)
  • Wilhelm Tell (1803/04)
  • Demetrius (inacabada, 1805)

Obras menores

  • Hektors Abschied
  • Die Schaubühne als eine moralische Anstalt betrachtet (1784)
  • Der Verbrecher aus verlorener Ehre (1786)
  • Der Geisterseher (Fragmento)

Poemas e baladas

  • Ode an die Freude (1786)
  • Resignation (1786)
  • Die Teilung der Erde (1795)
  • Der Handschuh (1797)
  • Der Taucher (1797)
  • Das verschleierte Bild zu Sais
  • Die Kraniche des Ibykus (1797)
  • Ritter Toggenburg (1797)
  • Der Ring des Polykrates (1798)
  • Der Kampf mit dem Drachen (1798)
  • Die Bürgschaft (1798)
  • Das Lied von der Glocke (1799)
  • Nänie (1800)
  • Der Antritt des neuen Jahrhunderts (1800)
  • Das Siegesfest (1803)
  • Die Huldigung der Künste (1804)

Obras filosóficas

  • Über den Grund des Vergnügens an tragischen Gegenständen (1792)
  • Augustenburger Briefe (1793)
  • Über Anmut und Würde (1793)
  • Kallias-Briefe (1793)
  • Kallias oder Über die Schönheit
  • Die Horen (1795)
  • Über die ästhetische Erziehung des Menschen (1795)
  • Über naive und sentimentalische Dichtung (1795)
  • Kleinere prosaische Schriften (1801)

Obras históricas

  • Geschichte des Abfalls der Vereinigten Niederlande von der spanischen Regierung (1788)
  • Was heißt und zu welchem Ende studiert man Universalgeschichte? (Discurso do 26 de maio de 1789)
  • Geschichte des Dreißigjährigeren Krieges]] (1790)

Traducións

Versións musicais das obras de Schiller

Os dramas e poemas de Schiller foron musicados, na súa forma orixinal ou en diversas versións, por moitos compositores. Algunhas das máis destacadas son:

Notas

  1. Máis coñecido polo título da edición impresa Die Schaubühne als eine moralische Anstalt betrachtet
  2. http://www.internetloge.de/arst/schiller.htm
  3. Eugen Lennhoff, Oskar Posner, Dieter A. Binder: Internationales Freimaurer Lexikon. Herbig Verlag, 5. Auflage 2006, ISBN 978-3-7766-2478-6

Véxase tamén

Strategi Solo vs Squad di Free Fire: Cara Menang Mudah!