A fraga de Catasós, a carballeira ou souto de Quiroga, é unha fraga (ou souto mixto) declarada árbore senlleira e monumento natural no ano 2000 e que se sitúa no lugar de Quintela, Catasós, no concello pontevedrés de Lalín. Tamén se coñece co nome de "carballeira" xa que a maior parte dos exemplares dominantes son carballos. Como tamén salienta polos seus senlleiros castiñeiros tamén se lle emprega "souto". Algunhas destas árbores teñen varios centos de anos, até 5 metros de circunferencia e máis de 30 metros de altura (os máis altos de Europa).[1][2]
Descrición
É un reduto de fraga (bosque caducifolio mixto atlántico) que ocupa unha superficie total 4.5185 hectáreas. Aséntase sobre micacitas metamórficas prehercinianas básicas, que dan lugar a solos pardos acedos, de alta produtividade forestal. A área pertence á rexión eurosiberiana, provincia atlántica-europea e subprovincia cántabro-atlántica, e adscríbese ao sector galaico-portugués. Encóntrase nunha zona de transición entre o dominio climático oceánico de montaña e oceánico húmido con tendencia á aridez estival, cunha precipitación media anual de 1.290 mm, unha temperatura media de 12,7 °C e unha media de 293 días libres de xeadas. Sitúase a unha altitude aproximada de 550 m sobre o nivel do mar.
Especies de importancia
Destacan no espazo a presenza de:
- o carballo común, Quercus robur.
- o castiñeiro, Castanea sativa, algún senlleiros e dos maiores do continente. Foron aproveitados coma soutos para produción de castañas e madeira (fabricación de moblaxe, trabes e leña).
- a Narcissus cyclamineus, un amarelle, herbácea endémica de Galicia e norte de Portugal, recollida no anexo II da Directiva Hábitats, considérase vulnerable en Galicia.
- e a vacaloura (Lucanus cervus), recollida no anexo II da Directiva Hábitats, considérase vulnerable en Galicia.
Situación
A fraga atópase a uns 4 km da vila de Lalín, preto da estrada N-525 entre Santiago de Compostela e Ourense. Posúe unha curta e sinxela ruta para practicar sendeirismo, un paseo fluvial a través da fraga moi ben sinalizada.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía