Trátase dunha infraestrutura deseñada con vía dobre e trazado apto para 250 km/h, con carril de 60 kg/m. Actualmente é de ancho ibérico[3][4], pero instaláronse travesas polivalentes que permitirán a transformación do corredor en ancho UIC a partir de 2019.
Adiado sen data prevista para retomar un proxecto que, unicamente chegou a acadar a fase de estudo informativo. En 2013, o goberno español, presidido daquela por Mariano Rajoy, admitía que a súa execución era inviábel.[7]
A Coruña - Santiago de Compostela
Esta parte do corredor foi deseñada como un desdobramento e electrificación -mediante a construción de numerosas variantes- do tramo preexistente entre as dúas cidades da liña Zamora - A Coruña. De todas as estacións intermedias orixinais da liña unicamente se conservou a de Uxes, suprimíndose os servizos ferroviarios no resto (que foron ficando progresivamente fóra das novas variantes), e construíronse dúas novas: Ordes e Cerceda-Meirama.
Santiago de Compostela - Bifurcación de Angueira
Esta sección desenvolveuse practicamente na súa totalidade sobre a plataforma da antiga liña de Santiago - Redondela, desdobrando e electrificando a vía e mantendo en servizo a estación de Osebe, reconvertida en apeadoiro.
Bifurcación de Angueira - Vilagarcía de Arousa
Trazado completamente novo. Supuxo a construción dun icónico viaduto sobre o río Ulla entre os concellos de Dodro e Catoira. Neste percorrido foi habilitada a nova estación de Padrón-Barbanza e, aínda que paralelamente se mantivo a circulación ferroviaria de viaxeiros na vella liña para dar servizo a Padrón, Pontecesures e Catoira, a estación da Escravitude quedou exclusivamente operativa para paradas técnicas.
Vilagarcía de Arousa - Pontevedra
Practicamente de novo trazado agás nos accesos ás cidades, mantivo o apeadoiro de Pontevedra-Universidade, como tamén a estación de Portela (á que os trens acceden pola vella liña convencional) e supuxo a reconversión do resto da antiga liña Santiago-Redondela nun ramal exclusivo de mercadorías atá as proximidades da estación de Portas, ficando esta sen servizos para pasaxeiros.
Pontevedra - Bifurcación de Arcade
Rectificación, desdobramento e electrificación do antigo trazado entre Santiago e Redondela. Conservouse a estación de Arcade, reconvertida igual cá Osebe en apeadoiro.
Bifurcación de Arcade - Vigo-Urzáiz
Trazado completamente novo. Construíronse as novas estacións de Redondela AV e Vigo-Urzáiz, restrinxida esta última a trens de tracción eléctrica por motivos de seguridade derivados da lonxitude do túnel das Maceiras. Após a súa apertura mantívose a prestación de servizos de pasaxeiros para os apeadoiros de Cesantes e Redondela-Picota e tamén nas estacións de Redondela e Vigo-Guixar. Unicamente ficou excluído tanto do novo corredor coma do convencional o tramo comprendido entre a Bifurcación de Chapela e a antiga estación de pasaxeiros de Vigo, da liña Monforte de Lemos - Vigo, o que implicou o peche da estación de Chapela[8].
Vigo - Fronteira con Portugal
Adiado. Os plans consisten na construción da saída sur de Vigo-Urzáiz, converténdoa nunha estación pasante, e un novo viaduto sobre o río Miño na altura de Tui como obras máis destacadas.
Características técnicas
O Eixo Atlántico de Alta Velocida conta -entre A Coruña e Vigo-Urzáiz- con sistema de Bloqueo Automático con vía dobre Banalizada (BAB), dotada de balizas ASFA máis tren-terra e catenarias de alta velocidade (entre A Coruña e Santiago) e compensada (entre Santiago e Vigo) de 25 kV e corrente alterna a 50 Hz. A velocidade máxima é de 200 km/h e a lonxitude máxima permitida para trens de viaxeiros, de 400 metros.[3][4]
En 2016 comezaron as obras para a posta en servizo do sistema ERTMS sobre o BAB existente.[9]
Posta en servizo
O 27 de agosto de 2011 pechouse temporalmente a estación de Vigo, procedendo á demolición de todas as instalacións incluíndo as naves de mantemento para proceder á construción dunha estación subterránea a 15 metros por debaixo da cota orixinal. Os servizos ferroviarios desviáronse á ata entón estación de mercancías de Vigo-Guixar ata a reapertura da estación en 2015 en que se producirá unha repartición de servizos, os servizos de alta velocidade faranse dende Vigo-Urzáiz e os servizos convencionais e o enlace internacional con Portugal continuaran en Guixar. Os talleres de mantemento foron trasladados definitivamente á estación de Redondela en xullo de 2012. A nova estación, que será intermodal proxectouse cun total de seis vías, con catro plataformas de 400 m de lonxitude e de entre 10 e 12,7 m de anchura, situados de forma que todas as vías sexan operativas para o tránsito de viaxeiros.[10]
A continuación iniciáronse as obras da infraestrutura ferroviaria que finalizaron en marzo de 2015. Inicialmente íase construír un centro comercial Vialia enriba do caixón ferroviario pero a falta de interese dos promotores privados fixo aprazar a obra, tendo as estruturas preparadas para a súa futura construción. Debido a iso tívose que construír un edificio provisional fóra da parcela para poder dar servizos ferroviarios, preparado para compatibilizar coas futuras obras do Vialia.
Finalmente, o sábado 18 de abril de 2015 entrou en servizo comercial a liña de alta velocidade Vigo-A Coruña e viceversa, cunha oferta de dez frecuencias diarias por sentido que unirán ambas as cidades nun tempo de viaxe de 83 minutos, o que representa unha diminución de 47 minutos respecto á anterior.[6]