O Consello de Estado é un órgano consultivo do reino de España, creado en 1526 e aínda existente hoxe en día.
Presente xa durante o reinado dos Reis Católicos baixo os nomes de Consello de Aragón e Consello de Castela, constituíu un instrumento do rei das Españas co fin de debater sobre a política exterior da monarquía. O rei Carlos I de España decidiu crear un consello propio para os asuntos externos da monarquía debido ao grande peso da política exterior durante o seu reinado. O Consello de Estado de España empezou a funcionar en 1526, cando Solimán o Magnífico ameazaba Austria. Foi o único Consello que non tiña presidente, pois era o propio Rei quen asumía esa función.
Os seus conselleiros non eran especialistas en leis senón expertos en relacións internacionais, como o Duque de Alba ou Nicolás Perrenot. Os conselleiros eran, por tanto, membros da alta nobreza e do alto clero. En tempos de Filipe II en ocasións o monarca non presidía os consellos e, no seu lugar, enviaba o seu secretario Antonio Pérez. A súa misión era asesorar o rei sobre a política exterior e tiña o control das embaixadas de Viena (dinastía familiar dos Austrias), Roma, Venecia, Xénova, e das principais potencias de Europa: Francia, Inglaterra e Portugal. A diferenza do Consello de Castela, onde o rei escoitaba os conselleiros e executaba as conclusións que lle presentaban, no Consello de Estado era o propio rei quen expuña os puntos a debater, escoitaba os seus conselleiros e, posteriormente, tomaba as decisións.
Coa Constitución de 1812 recuperouse o Consello de Estado como órgano de control do poder do monarca, e fixaba que o monarca precisaba a aprobación do Consello para algunhas tomas de decisións. Despois de 1904 converteuse en órgano consultivo do poder executivo, función que segue mantendo na actualidade, logo da definición xurídica operada durante a democracia.
A estrutura e funcións do Consello de Estado recóllense no artigo 107 da Constitución Española de 1978. É o supremo órgano consultivo do Goberno de España e está formado na súa maior parte por políticos retirados dos dous principais partidos de España.
Está formado polo Presidente, o pleno, a comisión Permanente, a comisión de Estudos e as Seccións.
A función do Consello de Estado é exclusivamente consultiva, e limítase a dar a súa opinión fundada sobre o obxecto da consulta ou a propor outra solución máis adecuada. No exercicio desta función, debe velar pola observancia da Constitución e do resto do ordenamento xurídico (ver Lei Orgánica 3/1980, de 22 de abril). Ademais, debe procurar a harmonía do sistema, o rigor da técnica normativa e o bo facer da Administración, para reducir ao mínimo a conflitividade cos cidadáns. Tres dos seus conselleiros permanentes son designados cada ano para formar parte do Tribunal de Conflitos de Xurisdición.
A composición actual do Consello de Estado do Reino de España en decembro de 2018 é:[1]
Presidencia: María Teresa Fernández de la Vega, exvicepresidenta do Goberno de España, exministra da Presidencia, exportavoz do Goberno, exsecretaria de Estado de Xustiza e exdeputada por varias provincias.
Secretaría xeral: Guadalupe Hernández-Gil y Álvarez-Cienfuegos, letrada do Consello de Estado.
Conselleiros permanentes:
Conselleiros natos:
Conselleiros electivos:
Todos teñen tratamento de Excelentísimo/a Señor/a, excepto o Xefe do Gabinete, que recibe tratamento de Ilustrísimo/a Señor/a