Carlos Paulo Martínez Pereiro, nado en Mera (Oleiros) o 1 de xullo de 1955, é un escritor e crítico literario galego.
Licenciado en Filoloxía Hispánica, e Filoloxía Galego-Portuguesa, é Doutor, nesta última filoloxía, tamén pola Universidade de Santiago de Compostela, cunha tese sobre as relacións entre a pintura e a literatura na obra vangardista do escritor e artista plástico portugués Almada Negreiros. Tras varios anos de exercicio da docencia como Profesor Agregado e Catedrático de Lingua e Literatura Galega no Bacharelato, é, na actualidade, Catedrático da Área de Coñecemento de Filoloxía Galega e Portuguesa na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña. Desde 1997, é Director da Serie Branca (Outras Literaturas Teatrais) e da Serie Gris (Pensamento e Estética) e mais Coordinador Editorial das Publicacións da Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Maior do Departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística da Universidade da Coruña.
É irmán de Xosé Luís Martínez Pereiro.