Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes.
Foi fillo do maxistrado e pintor Alfredo Souto Cuero, que foi o seu primeiro mestre; e de Pilar Feijoo Freire. Os diferentes destinos do seu pai levárono a vivir en Oviedo, Zaragoza, Lugo e A Coruña, ata establecerse en Sevilla, onde estudou (entre 1916 e 1920) na Escuela Industrial de Artes y Oficios y de Bellas Artes, mais por presión do pai cursou estudos de aparellador. Tódolos anos pasan o verán en Galiza, e os ambientes rurais e mariños influirán decisivamente na inicial visión plástica de Arturo. O artista busca ambientes pechados para as súas acuarelas, como os cafés cantantes e incluso as casas de lenocinio, apaixonado pola figura feminina e en concreto polos corpos espidos.
En 1922 instalouse en Madrid e ingresou na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, onde coincidiu con Salvador Dalí e outros artistas de renome. Afeccionado aos faladoiros, convive con escritores e intelectuais, e traba amizade con Valle Inclán.
A curta pensión paterna amplíaa Arturo Souto decorando porcelanas, e consegue diñeiro para a súa primeira viaxe a París, en 1926, a onde volverá a viaxar en 1931, agora cunha bolsa da Deputación de Pontevedra. Entusiasmado coas novas correntes estéticas da capital francesa, traballa intensamente e interésase por Giorgio de Chirico, que será unha grande influencia.
En España participa en importantes exposicións colectivas e realiza mostras en Madrid (1928 e seguintes), Pontevedra (1928), Santiago (1930), A Coruña (1931), Vigo (1932) etc. Proba con moitas técnicas: pastel, gouache, acuarela, óleo. Un esteticismo dandi e certo decadentismo preside a obra desta época. Por medio do médico e poeta Luís Pimentel, do grupo "Ronsel", o Círculo das Artes de Lugo encárgalle seis paneis para os seus salóns, obras nas que se plasma toda a súa personalidade. Simultaneamente, ilustra diversas novelas e colabora na revista madrileña Blanco y Negro.
En 1931 recibe unha bolsa de viaxe da Deputación de Pontevedra que lle permite visitar diversos museos europeos. Neste mesmo ano asina o "Manifesto dirixido á opinión pública e ós poderes oficiais". Coñece ben a pintores vascos, identificándose temática e tecnicamente con Aurelio Arteta.
Sucédense as súas exposicións, en Madrid, Bilbao, A Coruña ou Vigo. A súa obra salta fronteiras e exponse en Copenhaguen e Berlín. En 1934 obtén nomeamento de Pensionado de Pintura na Academia de Roma, onde permanece ata 1936 (salvo estancias temporais en Florencia e París.
Regresa a España en xuño dese ano, sorprendéndolle o Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 en Madrid. Únese axiña ó bando republicano e ingresa na Alianza de Intelectuales Antifascistas. Participa activamente na propaganda republicana con debuxos e carteis, colaborando con algunhas revistas como ilustrador, como El Mono Azul, El Buque Rojo, Nueva Cultura, Hora de España etc. En 1937 asiste ó II Congreso Internacional de Escritores para la Defensa de la Cultura que se celebra en Valencia, onde reside desde o mes de novembro anterior, e expón na Exposición Internacional de París, no pavillón deseñado por Sert, onde estaba o Guernica de Picasso, a quen coñecera un par de anos antes. En 1938 viaxa a Bélxica e expón en Bruxelas, sendo eloxiado polo pintor James Ensor.
Concluída a guerra partiu cara ó exilio desde Barcelona a Bordeos e á Habana, onde organiza varias exposicións, e despois vai a Nova York, Os Ánxeles e Filadelfia. En xuño de 1942, por mediación do seu amigo o diplomático e poeta Torres Bodet, trasládase a México, onde inmediatamente celebra a súa primeira das moitas exposicións que alí tiveron lugar, identificándose parcialmente con modos autóctonos que parten dos grandes muralistas. Nos anos en que permaneceu un México expuso repetidas veces tanto na capital como noutras cidades suramericanas, á vez de ilustrar obras (como Presencia de Galicia en México, editada polo Padroado da Cultura Galega de México; Teatro del Buscón, de Eduardo Dieste; ou Pranto matricial, de Paz Andrade) ou colaborar en revistas, como Vieiros.
O 7 de maio de 1962 embarca no Guadalupe de regreso a España, e desembarca na Coruña o día 23. A primeira exposición nesta nova época realízaa na desaparecida Sala Velázquez, de Vigo. A mostra foi un fracaso [Cómpre referencia]. Os seus antigos amigos apenas lle fan caso. Profundamente defraudado, recolle a obra, renega desas amizades e expón en Madrid, Bilbao e Compostela.
Permanece en España ata principios de 1964. En marzo regresa a México para liquidar os seus intereses e pensando instalarse definitivamente en España, pero falece o 3 de xullo dun infarto.
Obra
A súa obra figura en museos de España e América. Con motivo da Bienal de Pontevedra de 1984, celebrouse unha grande exposición antolóxica do pintor, repetida en Vigo en 1988.
Souto tivo etapas moi diferenciadas. Iniciouse nun modernismo decadentista, elegante e mundano, etapa sucedida por outra moi francesa, influenciado por autores como Bonnard ou Toulouse-Lautrec. Salta á italiana, que lembra a Chirico, e entusiásmase coa arte xaponesa, da que dá unha visión moi persoal, de gran colorismo. A etapa americana é moito máis neutra na cor, de intención racista, hierática, influída polo muralismo indixenista.
En medio, sempre, un pintor de mancha nerviosa, barroquizante, moi moderno, capaz de captar os máis variados ambientes, desde as festas populares ó mundo do mar e da mitoloxía.