Antonio María Rouco Varela, nado en Vilalba o 24 de agosto de 1936, é un cardeal da Igrexa católica, arcebispo emérito de Madrid, e expresidente da Conferencia Episcopal Española. É tamén membro da Real Academia de Doutores de España dende 2008.[1][2]
O seu pai, Vicente Rouco, era da parroquia do Burgo (Lugo), e a súa nai, María Eugenia Varela, era de Bahía Blanca (Arxentina). Rouco Varela quedou orfo de pai aos sete anos, e a súa nai faleceu de ELA quince anos despois.[3] Rouco Varela ten cinco irmáns: Manuel, Eugenia, Vicente, José e Visitación.[4]
Estudou teoloxía na Universidade Pontificia de Salamanca entre 1954 e 1958. Foi ordenado sacerdote en 1959, e nese ano empezou a estudar leis e teoloxía na Universidade de Múnic, onde se doutorou en 1964 cunha tese sobre as relacións entre a Igrexa e o Estado no século XVI.
En 1976 foi designado bispo titular de Gergi e bispo auxiliar de Santiago de Compostela. Cando o arcebispo Suquía foi nomeado arcebispo de Madrid, ascendeu Rouco Varela á mitra arcebispal en 1984. Foi unha peza chave en diversos eventos organizados na cidade, entre elas a segunda visita dun papa a Galiza, que tivo lugar o 19 de agosto de 1989. En 1994, logo dunha década á cabeza da igrexa galega, foi nomeado arcebispo de Madrid. Foi presidente da Conferencia Episcopal Española entre 1999 e 2005, e logo dun mandato de Ricardo Blázquez volveu ocupar esa posición.
Está considerado un membro do sector conservador da Igrexa católica.[5]
O papa Xoán Paulo II nomeouno cardeal no consistorio do 21 de febreiro de 1998. Á morte deste papa, Rouco Varela foi un dos cardeais electores que participaron no conclave de 2005, onde foi designado Bieito XVI como novo máximo pontífice.
En agosto de 2011, no transcurso da Xornada Mundial da Xuventude celebrada en Madrid, o arcebispo presentou a súa renuncia ao papa, seguindo as normas canónicas que mandan que os bispos presenten a súa renuncia á Santa Sé ao chegar aos 75 anos. O 28 de agosto de 2014 o papa Francisco aceptou a renuncia do cardeal Rouco Varela á arquidiocese metropolitana de Madrid, nomeando como sucesor ao entón arcebispo de Valencia Carlos Osoro.[6]
En 2007, o arcebispado de Madrid que el dirixía foi condenado como responsable civil subsidiario por un caso de abusos continuados a un menor perpetrados por un sacerdote desa diocese. A condena consideraba probado que tanto a persoa de Rouco Varela como o arcebispado coñecían os feitos e os ocultaron.[7][8].