Mellóreo engadindo referencias que verifiquen as afirmacións contidas no artigo e engada referencias a pé de páxina. As afirmacións que constitúan unha fonte primaria non verificable deben eliminarse. Por favor, non quite esta mensaxe ata que o problema estea solucionado. (Desde setembro de 2018.)
A súa paixón vital é unha característica central do seu itinerario biográfico, manifestada a través dunha chea de actividades que abranguen diferentes eidos culturais na Galiza das últimas décadas. Foi activo promotor das asociacións de libreiros e membro fundador de moitas das asociacións micolóxicas galegas. O seu sentimento de fondo contacto coa natureza fixo que ese seu amor á terra se expresara case de xeito literal. Xa non como metáfora de virtual identificación coa natureza senón de fonda intimidade e intensa complicidade real. A paisaxe humanizada (da que tanto falou Ramón Otero Pedrayo) e os froitos desa terra tiveron nel un entusiasta defensor.
Traxectoria
Orixe
Ao falar da súa orixe familiar dicía pertencer ao "Clan dos Panforros da Grela e dos Patiños da Fontenova". Nese arrabalde da Coruña hoxe semicuberto polo crecemento industrial da cidade viviu os seus primeiros anos. Compartiu os seus primeiros estudos cos traballos no campo para axudar a súa familia. Foron unha ducia de irmáns. Lataba ás clases a miúdo para sentir no ar libre o espírito da liberdade ao se mergullar en exploracións abertas do contorno rural. Moitos anos despois aínda lembraba a súa primeira descuberta dun niño de paxariños: "Fun criado no campo e, sendo moi neno, e nos brazos dun pintor chamado Isolino Seoane, un día ensinoume o primeiro niño de paxaros e aos poucos días aqueles ovos tiñan uns pías pías".
A treboada da guerra
Tralo Alzamento Nacional, Antón Patiño Regueira participou como correo nos intentos de fuga dos represaliados políticos e persoas dos sectores progresistas da cidade.
Colaborei na Coruña na que ía ser a meirande evacuación de perseguidos do franquismo, pero fallou. Fixen un labor de guía cun meu irmán. Había un contrasinal e un lugar de cita na Coruña, onde os recolliamos para os levar por Agra do Orzán deica O Portiño. Agardaban tres bous para embarcalos pero apareceu a Garda Civil e os soldados da Artillería de Costa (sorprendéronos as 3 da mañá) e, ao berro de ¡Viva España! comezaron disparar. Fuximos por onde puidemos, coa auga ao pescozo. Houbo afogados, feridos, xente esnaquizada contra as pedras. Houbo tamén sobrevivintes. Un deles era Mario Granell. Entre os mortos estivo o deputado Luis Rufilanchas, que botara moitos meses agochado na Coruña, e mesmo saía á rúa a pedir como mendigo esfarrapado.
O contrasinal daquela dramática tentativa de fuxida ía ser "Ánxel da Garda" (o instituto que leva ese nome fora un dos lugares de cita). Moitos morreron e outros foron fusilados días despois no Campo da Rata. Tamén Luís Huici e Francisco Miguel, os artífices da feitura gráfica da cosmopolita revista Alfar (así como de moitas crónicas de arte), foron paseados e asasinados. A pegada daqueles anos vai deixar un pouso permanente, deica á fin dos seus días. Nunha das súas últimas entrevistas, a Xan Carballa, d´A Nosa Terra, contaba a súa detención:
Sabiamos que nos podían vir buscar. Meu pai pensou que eu tería máis serenidade e fun en vez do meu irmán Enrique. Veunos buscar, de madrugada, o policía Lago, da Silva de Abaixo. Cando me viu exclamou 'Coño, moito medraches', porque nos coñecía. 'É a ximnasia que fago no campo!' retruquei. Cando vin que o coche enfiaba cara á Pastoriza pensei que me ían dar o paseo. Pero deron volta e colleron a outro home, que ía tremendo e pensaba que eu era un dos matarifes. Leváronnos para a comisaría, que estaba no Consulado cubano. Pasei un día en comisaría e acórdome que levaba 15 pesetas no peto e compreille a un home que pasaba toda a cesta de churros, que foi co que almorzamos todos os detidos. Alí coñecín a outro rapaz, responsábel da CNT de Tui, do que non lembro o nome, que fora denunciado pola propia moza. Metérase na Falanxe e denunciouno por celos. Non souben máis del.
Antón Patiño Regueira loitou contra a imaxe dos libros acugulados a arder no lume totalitario, intentando reconstruír de xeito virtual as lendarias bibliotecas de El Resplandor en el Abismo e do mítico centro de estudos Xerminal.
Os anos de Melilla
Entre 1940 e 1944 estivo en Melilla facendo o Servizo Militar Obrigatorio, un tempo nos servizos médicos e despois cociñando na intendencia. Aproveitou esa época para visitar Nador e coñecer outras culturas. Consérvanse fotos panorámicas da paisaxe africana, e moitas referencias á vexetación autóctona e as chumbeiras. Nas fotos daquela época aparece sempre fumando en pipa, se ben rematada a estancia en Melilla deixou para sempre de fumar por recomendación médica.
Regreso a Galiza
Ao regresar a Galiza ten diversos traballos eventuais e precarios empregos, como cobrador do médico Jesús Presas Álvarez, na súa consulta no baixo da casa onde estivera El Resplandor del Abismo, no lugar de Fontenova. Noutro traballo, relacionado coa ferralla e a reciclaxe de pneumáticos, estableceu relación co empresario monfortino Manuel Pérez Moreiras, e nunha das viaxes a Monforte de Lemos coñeceu á súa filla, Munda Pérez Sobreira, a que será a súa compañeira. Nesa época a súa maior afección é a fotografía, e cunha cámara de calidade realizou unha chea de instantáneas ambientadas no río Cabe e na capital do Val de Lemos, de gran valor histórico e documental polos cambios na fisionomía urbana.
Viaxe á Arxentina
Debido á oposición dos pais dela a que casasen, Munda marchou cuns tíos seus (Luis Sobreira e a súa muller e filla) a Arxentina, como turista por un ano. Embarcan en Barcelona o 14 de decembro de 1954 no barco italiano Julio César, facendo escala en Copacabana. En Buenos Aires vivía con diferentes parentes: alternativamente na casa dos seus tíos Luis e Manolo Sobreira González. Traballa como secretaria, levándolle os papeis a un comerciante de orixe italiana. Antes de rematar o primeiro ano de estadía marcha a Montevideo, onde traballa como institutriz de dous netos pequenos do escritor Enrique Larreta. Antón Patiño viaxa tempo despois á Arxentina (dende Portugal) para casaren alá. A voda ten lugar o 7 de abril de 1956 na basílica de Santa Rosa de Lima. Despois viviron na casa doutra tía, Pilar Sobreira (enfermeira do Hospital do Centro Galego da capital porteña). Axiña volven da Arxentina, facendo escala en Río de Xaneiro en maio e en Lisboa en xuño. Antón Patiño Regueira trae unha maleta chea de exemplares dos libros fundacionais do galeguismo, entre eles As cruces de pedra na Galiza, Sempre en Galiza, Alba de Groria e o número especial d´A Nosa Terra dedicado á morte de Castelao. Boa parte destes libros déixallos ao seu sobriño Reimundo Patiño Mancebo. Durante máis dunha década non se editou un só libro en galego e foron as editoriais do exilio galego alén mar (esencialmente da Arxentina) as que mantiveron vivo o legado cultural.
O 1 de xaneiro de 1957, ao pouco de regresaren, naceu o primeiro dos seus fillos, Antón Manuel, e o segundo, Xohán Ramón, faríao en setembro de 1958. Residir por tempadas entre Monforte e na casa dunha aldea próxima, Moreda en Vilaoscura (preto de Canabal e Rosende) en terras de Sober. Intenta traballar na empresa do seu sogro en Monforte, de curtidos e reciclaxe de pneumáticos que abastecía á industria local do calzado, pero non se levaban ben, polo que buscou outras posibilidades de traballo.
Época de peregrinación
Viaxou a Sevilla a traballar nun negocio que tiñan Manuel Pérez Moreiras, seu fillo Manuel Pérez Sobreira e máis un socio local, nunha empresa de reciclaxe de pneumáticos e vulcanizado. O 1 de xaneiro de 1962 nace a súa filla Nuncha, entanto a súa muller permanecía na aldea de Moreda (Sober) coidando dos fillos e dunha tía enferma chamada Carolina. Cara a 1963 toda a familia viaxa a Algorta, onde permanecen un ano. Cara a 1964 múdanse a Villafranca de los Barros (Badaxoz), onde Antón dirixe unha fábrica propiedade do seu sogro relacionada co proceso de vulcanizado para a reciclaxe de pneumáticos e gomas vellas para a confección de carpazos, recipientes de goma, envases e colectores de caucho escuro. Ao ano seguinte, un incendio acabou coa fábrica.
Libraría Librouro
A comezos de 1967 a parella funda en Vigo a libraría Librouro. Ao pouco, en febreiro de 1968, nace o seu fillo máis novo, Xurxo. O nome da libraría pretendía ser en si un sinal de identidade. No reverso das tarxetas ía o himno galego, e as bolsas da libraría levaban impresa a banda azul en diagonal da bandeira galega. Tiña unha ampla sección de libros do país, incluídas edicións (vendidas baixo corda) de exemplares aínda prohibidos en España, como Sempre en Galiza, Milicianos, Galicia mártir e máis Atila en Galicia de Castelao, ou Pensamento e sementeira de Antón Villar Ponte e Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda. Moitos deles procedían da Arxentina, das editoriais do exilio galego, moitas creadas polo seu amigo Luís Seoane. Ademais de libros da resistencia galeguista, distribuía libros de temática anarquista e marxista editados por Ruedo Ibérico e libros sobre a guerra civil, como La contrarrevolución falangista ou a biografía dos días da morte de Federico García Lorca. Nesa época un dos seus mellores clientes era, curiosamente, o daquela ministro Pío Cabanillas.
Tiña contacto co Centro Gallego de Buenos Aires, en parte pola pertenza de dous tíos políticos seus na directiva da entidade: os irmáns Manolo e Luis Sobreira. Amais, aínda conservaba amigos da súa estancia na Arxentina na década dos 50.
Como libreiro, promoveu feiras do libro. Na Feira do Libro da Coruña de 1975 levou a Marcelino Camacho a asinar Cartas desde la prisión, acadando un grande éxito de visitas de obreiros que foron saudar o líder sindical, que saíra había pouco do cárcere.
Promoción de escritores galegos
Para promocionar os escritores galegos recorreu a diversas iniciativas e a técnicas innovadoras. Solicitou autógrafos a Xosé Neira Vilas, que enviaba dende Cuba dedicatorias coa súa sinatura nunhas follas que se incorporaban aos seus libros. Nunha carta enviada o 26 de xullo de 1970 por Celso Emilio Ferreiro dende Caracas, coméntalle que coida que coas 500 dedicatorias que ten enviadas xa chega dabondo para acompañar as vendas dos seus libros en Librouro. Álvaro Cunqueiro presentou na librería o libro Un hombre que se parecía a Orestes, co que acadara o premio Nadal. Eduardo Blanco-Amor achegou exemplares de vellos libros seus editados na Arxentina, como La catedral y el niño, Cancioneiro e Las buenas maneras, ademais de folletos a modo de opúsculos de escolmas de artigos dedicados a Ortega y Gasset e a Castelao. Con aquelas cativas vendas o escritor tiña unha axuda económica para ir tirando para adiante despois da súa volta a Galiza.
Na época da aparición de Xente ao lonxe e A esmorga a promoción de Patiño axudou ao autor a ser apreciado entre as novas xeracións, asinando nas casetas de Librouro nas feiras de Madrid, A Coruña e Vigo. Ademais, Antón Patiño Regueira foi o promotor da homenaxe que lle tributan nunha sala de exposicións da Caixa de Aforros de Vigo unha chea de artistas, como Laxeiro, Lodeiro, Antón Patiño (fillo) ou Reimundo Patiño.
Foi editor de libros de homenaxe a Castelao (no seu 25 cabodano) e a Cabanillas. O coñecido Castelao hoxe sempre coa grafía enguedellada de Uxío Novoneyra na portada. A xeito de cartafol literario-artístico con moitas colaboracións de creadores galegos. Escribe no epílogo: “Non tería eu máis de catorce anos cando un día escoitei a Castelao que daba un mitin dende o Palco da música –hoxe desaparecido- d´A Coruña, que estaba fronte do Obelisco, nos Xardíns de Méndez Núñez. [...] Falaban tamén outros que non lembro; mais cando Castelao empezou a súa fala, lémbrome de que ó pouco dese intre, aparecía coma un mundo de fervenzas de augas de cores cambiantes, que aumentaban a súa caída por veces a medida que as súas verbas baixaban ou subían ó son da súa expresión. E ó longo da súa fala, a min e ós moitos que alí escoitabamos, levábanos por mundos que bulían nas súas verbas sinxelas, nas súas palabras claras, palabras de todos coñecidas, tan pretas de nós. Si ben non quedaron gravadas as súas verbas en min, quedoume, iso si, rexistrado o seu xesto, que denantes de falar –como un xeito de saúdo previo-, erguía os seus brazos coas mans abertas, por riba da testa, con serea maxestosidade, de todo o corpo teso, dándolle así a todo o seu ser un sentido de longura e comunicación co pobo que o vía e ía escoitando, un sentido de gravidade e certeza, de persoa identificada cos seus, tal como lle ditaba o seu grandeiro sentir de artista e guieiro do pobo”. Editou tamén unha escolma dedicada a Antón Vilar Ponte e creou mesmo un premio de narrativa. Estivo ao coidado tamén dun fermoso libro sobre Rosalía. Algún día haberá que publicar así mesmo a súa correspondencia. Van ser unhas estupendas “Cartas a/dun libreiro” con interlocutores coma Ramón Otero Pedrayo, Uxío Novoneyra (que lle enviaba tamén sacos de noces e castañas dende o Courel), Antón Avilés de Taramancos, Reimundo Patiño, Isaac Díaz Pardo, Luis Seoane, Xosé Neira Vilas, Xosé Filgueira Valverde, Celso Emilio Ferreiro, Camilo José Cela, Luis Rivaya, Telesforo Fuentes, Vítor Casas (fillo) e outros moitos. Foi asemade importante coleccionista de arte. Era constante a súa presenza nas diversas inauguracións artísticas e tenaz o seu apoio aos artistas. Outra faceta que ocupou moito do seu tempo foi a de enmarcador de obras de amigos artistas no obradoiro que tiña nun andar superior ao da librería no mesmo edificio da rúa Eduardo Iglesias de Vigo. Enmarcou moitas obras de Lodeiro, Laxeiro, Datas, Mercedes Ruibal, Guinovart, Pousa, Antonio Fernández, Pérez Bellas, Sevillano, Lugrís. E obras de Arturo Souto, Colmeiro, Castelao para coleccionistas. Moitas veces con marcos inventados cunha innovadora técnica persoal feita de ensamblaxes. Tamén as obras da homenaxe que se lle fixera a Carlos Oroza na Libraría-Galería Curros Enríquez. Cómpre salientar tamén que o seu carácter afábel e aberto o fixo contertulio cotián da tasca Elixio na ruela da Aurora na cerna de Vigo. Os faladoiros do bar Elixio e máis d´A Viúva (situados no vello corazón da cidade a carón da Porta do Sol) onde se xuntaban escritores e artistas en animados faladoiros arredor das cuncas de ribeiro. Parladoiros e faladoiros nos que participaban José María Castroviejo, Pedro Díez, Alejandro, os Álvarez Blázquez, Urbano Lugrís, Luis Cuyala O Máquinas (o amigo que estivo logo con íl deica o final), Laxeiro, Mario Granell, Ferrín, Coia, Carlos Oroza, A. Guerra, Mantecón, Monroy, Cuco Cerecedo, X. Pousa, Montes, Massó, Adriano Marques de Magallanes, Francisco Pablos, Xohán Rolo, Piñeiro, R.Pereiro, Pérez Bellas, Eduardo Blanco-Amor, Lodeiro, Álvaro Cunqueiro, Mercedes Ruibal, Antonio e Lucrecia Díaz Paz, Barreiro e outros moitos escritores, artistas, xornalistas, profesionais e xente da bohemia local.
Amizade con Urbano Lugrís
Capítulo aparte dentro da súa relación con artistas e a amizade con Urbano Lugrís. Ambos os dous coruñeses transterrados a Vigo. Repartiron a súa vida entre a capital das Rías Altas e a das Rías Baixas. Foron morrer os dous en Vigo. Unha afinidade se cadra que tiña moitos puntos de contacto nunha formación compartida na Coruña da mocidade: o ideario liberal e humanista, dentro das premisas do librepensamento. Iso vai explicar se cadra que cando Lugrís foi perdendo aos amigos do seu contorno vital nos seus anos derradeiros, o amigo mais fiel foi Antón Patiño Regueira. De feito chegou morrer mesmo nos seus brazos. O pintor Urbano Lugrís mantivo co libreiro Antón Patiño Regueira unha amizade de lei. Foi durante os “anos vigueses” o seu marchante. Axudoulle a mesmo a conseguir materiais gráficos para os “collages” (os soados “pegamentos”) que facía na última época. Para o seu establecemento Librouro encargoulle unha pintura mural sobre táboa de grandes dimensións. Outro dos encargos que lle realizou foron unhas etiquetas para unha colleita de viño de Amandi (que mercou durante varios anos consecutivos para consumo propio e agasallo ós amigos). Lugrís bautizou o tinto como “Pé de mouro” e aparecía o pé cortado dun escravo con argola ó lado dunha esquemática “cunca”, resolta en cores planas. Ao branco chamouno “Penedo branco”, alí aparecía sobre un fondo de paisaxe unha representación de Erasmo de Rotterdam, como extraído dun gravado en madeira e que levaba a seguinte sentenza na parte inferior: “Como dixera en tempos Erasmo de Rotterdam, que viaxe o bebedor endexamais o viño”. Existen moitos documentos desta amizade, como a dedicatoria que Lugrís estampou nun libro sobre o amor cortesán na Francia do XVIII titulado Damas de calidad e que un día levou á librería para regalarllo: “Para el padre Patiño, de su devoto Monseñor Urbano”. Noutro texto manuscrito máis historiado escribiu: “Ao señor Don Antonio Patiño do nobre clan dos libreiros, e dos viñateiros da fermosa terra de Amandi, onde papuxas e cregos viven na gloria do Señor e das mozas lagarteiras de boa perna e pé, boas bailadoras namoradeiras, ¡E que a Santa Paz do Pentágono sexa con nós! Amén Xesús”. Noutra última dedicatoria manuscrita datada en 1973 escribiu: “Unha aperta / de hai moitos anos / ao meu vello e fraterno Don Estaban Paluzie, / hoxe Antonio Patiño, do seu amigo e demente atemperado, Lugrís 1973”.
Ecoloxía e revolución micolóxica
En Galiza conseguiu facer unha revolución no eido dos cogomelos. Nunha entrevista en novembro do 1996 lembra que as primeiras actividades micolóxicas van comezar no Centro Forestal de Lourizán. Pronunciou conferencias sobre micoloxía ou arredor da cociña dos fungos. Fundou unha chea de asociacións de afeccionados ós cogomelos por todo o territorio galego, desde Vigo, Vilagarcía, Monforte, A Coruña ou Ferrol. Tamén propiciou unha extensa rede de apoio con conexións no exterior: en Italia, no País Vasco e máis Portugal. “A micoloxía foi derivación da casa dos meus avós n´A Coruña, onde había afección as plantas comestibles, como os berros, que daquela empregábanse para combater a tuberculose. En micoloxía o meu primeiro mestre foi Lino Irigoyen, e despois a familia Álvarez, de Olot, desterrados n´A Coruña. Coido que a miña labor foi longa, porque son presidente, socio de honor ou fundador de dúas ducias de sociedades micolóxicas”, dille a Francisco Pablos nunha conversa en Faro de Vigo contra o 1993.
Interesoulle tamén a gastronomía das rás e dos caracois, dos brotes dos fentos tenros e máis das algas mariñas.
A pintura e a paisaxe
Se ben desde cativo lle interesara o debuxo, dende 1974 comeza a facer exposicións pictóricas, e foina década de 1980 cando a súa faceta de pintor se desenvolveu de xeito intenso. Co gallo dunha mostra feita en agosto de 1980 no Círculo Vitoria de Monforte, sinala a La Voz de Galicia:
Temos que remontarnos aos anos 1934-1937, en que n´A Coruña e na Escola de Artes e Oficios do Instituto Eusebio da Guarda, ás noites, recibía leccións daqueles mestres que foron Rafael Barros, liberal, moi boa persoa, moi bo artista e tamén doutro que se chamaba Seijo Rubio, pero a desfeita do ano 1936, pola súa dureza e longura, trastocou moitas cousas e moitos rumbos e tamén moitas inclinacións.
.
En 1993, nunha entrevista de Francisco Pablos, di:
Pinto pouco e sempre asinei como “Patiño o vello” para non me confundir co meu fillo, Antón Patiño coma min ou con Reimundo Patiño. [...] En Italia onde hai cadros meus, asinei, e fíxome moita ilusión, “Patiño, il vecchio”.
.
As súas son obras de pequeno formato, sobre táboas enteadas, nas que procura reflectir a natureza, con sinxelas composicións que dividen o cadro en diferentes eidos horizontais, case a xeito de varridos paralelos. Un ecoar cromático que relembra nalgunha ocasión aos seus amigos pintores Lugrís e Lodeiro. “Cando collo os pinceis e enriba da miña mesa póñome a mesturar as cores; cores vermellas, amarelos e azuis e, naturalmente, o branco, que é un gris máis. Sírvome del para intensificar ou diminuír a gama destas cores, que son a natureza”, confesa noutra entrevista cun xornalista no ano 1993. Ten saído mesmo a facer apuntamentos plein air. Exploracións na natureza deica a alta montaña luguesa. Nunha foto tirada no Courel contra o 1984 aparece coa fasquía dun explorador naturista facendo traballos de campo: encol da mesa algunhas herbas e os recipientes das cores coas que esta a pintar. Falando da súa técnica di: “Na pintura como arte, cantos menos cores, para meu entender, empregue o artista, mais será o resultado na obra que remate. Pola miña banda, manexo só o vermello, o amarelo e o azul, tendo como complemento de gradación o branco. A miña modesta opinión de cara ós que se inician na pintura é que manchen moitos papeis ensaiando con estes cores e neses intentos e prácticas chegaran a ir deletreando na gama de cores e as posibilidades infinitas que se acadan con eles. Eso sera o principio do cociñar pictórico de cadaquén. Esa será a súa propia riqueza que emerxerá dos seus cadros no mañán e tamén o que sexa riqueza que emerxerá polo público. Ese público que instintivamente recibe a mensaxe cando se atopa cunha obra de clase”, declaracións que fai na mostra monfortina do 1980. Con obras que levan fermosos títulos: “Alba de esperanza en DO menor”, “Abrente en día gris”, “Praia lembrada (Coido para un mariñeiro vello)”, “Caramuxo ingrávido e viaxeiro”, “Alba de ledicia para corpos cansos”, “Ribeira, mar e ceo ensoñado”, “Alba para un día de flores e bolboretas”. Outro chámase “Lembrando a Urbano Lugrís” e tamén incorporou unha homenaxe a Celso Emilio (moi recente aínda a súa morte).
Achegas teóricas
Traballou en moitas das “Semanas micolóxicas” que se fixeron en Galiza como promotor ou participante. Estes ciclos foron o máis axeitado medio de promoción da cultura dos cogomelos. Fixo estudos arredor do xamanismo. Escribiu ensaios teimando sempre na relación entre natureza e arte. Pronunciou conferencias en Italia, país no que colaborou en moitas revistas especializadas como Il Micologo, onde apareceu o seu artigo “Piante e funghi degli dei”, no número de xaneiro do 1996.
A revista Microfisuras ía editar un seu artigo arredor de “A maior gargallada da historia da arte”, no que relata a anécdota do soberano do imperio austrohúngaro Rodolfo II cando recibe un iconoclasta retrato que lle fai o seu protexido Giuseppe Arcimboldo. Arredor da obra do pintor Arcimboldo deu varias conferencias, unha delas nos salóns do concello de Boves (Cuneo) en Italia o 10 de setembro de 1991. Participou os días 8 e 9 de novembro do 2002 cun relatorio nas Xornadas sobre Urbano Lugrís na Biblioteca Miguel González Garcés da Coruña. Sobre Lugrís ten participado en moitas conferencias e actos de divulgación do seu traballo, como os que se organizaron en Bueu ou en Malpica de Bergantiños e deu recitais de homenaxe en institutos da Coruña. A súa presenza foi tamén significativa no seminario posterior dedicado ao polifacético creador Luis Seoane. Un longo traballo sobre do millo corvo ía ser publicado en A Nosa Terra. Naceu dunha proposta de investigación que lle fixeran dende o lugar de Meiro, concello de Bueu, onde adoitan utilizalo na alimentación tanto en empanadas, papas, bolos e pan-millo, de grande aprecio.
Nos tempos últimos organizou tódolos veráns uns soados Convivios Galaico-Portugueses dedicados á medicina popular, nos que participaron membros da “Aventura da saúde” do país veciño, aos que se sumaron tamén participantes dende Italia no encontro derradeiro que tivera lugar no ano 2004 en Monforte, e que contou cunha conferencia de Michela Zucca. Cada unha destas xuntanzas apareceu logo reflectida nun coidado libro cos relatorios e traballos dos distintos participantes: en total foron catro os libros dedicados a estas xornadas.
Escritor, poeta, trobador
“A min quixera que me vencera a tenrura”: con ese rechamante titular comeza a entrevista que lle fai M. J. Bruzón para o Atlántico Diario de Vigo no ano 1996. Cando lle pregunta “Aos humanos véncelles o poder ¿a vostede?”. Vai responder: “¡Ai que lonxe estou desa pregunta, porque a min quixera que me vencera a tenrura!”. Tamén aparece xa retratado de xeito nidio como poeta-trobador (aínda que gosta máis da segunda acepción). A de trobador vai ser a meirande vocación deste ciclo derradeiro da súa biografía. Aparece tamén noutra resposta un dos motivos máis recorrentes dos seus prantos aos amigos mortos. “De tódolos consellos que ten recibido ¿cal ten sido o máis útil?” vai dicir: “Ser peregrino a Santo André de Teixido e mirar a figueira chumba que representa aos nosos soldados mortos en África”. Tamén é significativa da súa personalidade a resposta que vai dar a outra das preguntas. “¿A súa biografía cabería nunha enciclopedia?”: -“Si, e nunha soa liña. Humanismo, sería a liña ou palabra.” Tiña unha grande sensibilidade e unha intuitiva forza de expresión.
Cultivou sempre unha xanela aberta a liberdade e a imaxinación creadora. Apoiou sempre as máis diversas manifestacións culturais (ecolóxicas, literarias e máis artísticas) e a reivindicación da súa terra. “Viaxeiro infatigábel” como salienta o escritor X. L. Méndez Ferrín. Fican tamén as pegadas da súa presenza en terras montañosas do norte de Italia, onde viaxou con moita frecuencia, e tamén do norte de Portugal, onde ía a miúdo. As súas teimas derradeiras foron contra á globalización.
A Saiba de Torbeo
Vai reconstruír a vida de Filomena Arias Armesto, coñecida como a Meiga de Torbeo. Foi seguindo os pasos e a pegada da súa vida no recordo da xente. Fixo achegas e minuciosas esculcas coa idea de editar un libriño coa súa vida e o inventario das herbas medicinais que empregaba. Material que tiña arquivado e que lle serviu para dar moitas conferencias en Galiza, Italia e máis Portugal para reivindicar á figura da coñecida menciñeira. O grao persoal de identificación coa personalidade da meiga chegou ser moi intenso. Falaba dela cun recendo cheo de intimidade e sincero agarimo. Coidaba que fora inxustamente tratada (salientado o episodio do desterro: pouco denantes de que acontecera a morte en Rairos). Tirou fotografías da casa onde vivira en Torbeo e no seu desterro en Monforte, no barrio de Os Chaos. Falou cunha chea de veciños. Chegou localizar mesmo a algúns dos que a axudaran no seu dramático final. Localizou partidas de nacemento e os datos do seu compañeiro. O libro non chegou a rematar do xeito que quería pero si recolleu moito material que chegado o caso pode ser un importante documento para o recoñecemento do labor daquela muller que coas súas prácticas naturistas conseguiu acadar unha gran sona en Galiza e Portugal.
Memoria de Ferro
Son estes anos últimos nos que vai recoller tamén as lembranzas da represión e morte do 36. Os “retallos do medo” coma el os chamaba. Con eses farrapos de resistencia e dor fixo a súa entrega persoal de reparación moral fronte a inxustiza. Un auténtico “testamento literario” como di Ferrín, formado por uns pequenos relatos, que levaba gardados na memoria como un tesouro: un segredo que tiña que compartir na defensa da dignidade da condición humana.
Memoria de Ferro foi publicado en formato de libro no ano 2005.
Denantes xa foran saíndo por entregas os diferentes relatos no semanario A Nosa Terra. Logo a mesma editorial vai editar o libro nunha das súas coleccións. Cando comezaron a editar por capítulos aquelas narracións dos seus anos de mozo na Coruña espertaron un grande interese. O escritor Manuel Rivas, que logo faría o limiar de introdución ao libro, vai se desprazar daquela a Vigo para falar de vagar con Antón Patiño Regueira das lembranzas daqueles seus anos coruñeses da mocidade. Xa enfermo o autor de moita gravidade, o libriño ía ser o número un en vendas de libros galegos na provincia de Pontevedra perante os meses de xuño e xullo.
As críticas coincidiron no conmovedor daquel feixe de relatos que tivera agochados durante tantos anos na súa memoria. Son ao tempo un berro contra a inxustiza e o aldraxe duns crimes sen reparación moral. Non tivo acougo deica deixar escritos estes “retallos do medo”, como el os chamaba. A foto de Manuel Seoane, que conservou coma ouro en pano ao longo da súa vida, ía servir de portada para o libro. Un rostro anónimo: a fisionomía luminosa dun rapaz que quixo ser violinista rescatada dende a néboa da historia. Manuel Seoane era o irmán do pintor Isolino Seoane (quen lle amosara de cativo aquel inesquecíbel niño de merlos que ía ficar gravado tamén para sempre na memoria de Antón Patiño Regueira). Un amor ás flores e os paxaros (cun simbolismo nidio de inocencia e soño) que agroma tamén en moitas partes deste libro e de xeito recorrente nos poemas da década derradeira da súa vida.
Vai ir entregando aos poucos trobos e cativos relatos das dramáticas lembranzas da mocidade cando a guerra, a Xosé Enrique Acuña para o semanario A Nosa Terra. Co paso do tempo aquelas narracións, que se foron publicando por entregas, ían acadar unha extraordinaria repercusión. O escritor Manuel Rivas declara no programa de radio “O ollo crítico” dedicado á literatura galega: “A cultura contén unha paisaxe, vai conter un universo: é un cosmos. Antón Patiño Regueira era en si mesmo unha cultura e unha paisaxe. O libro Memoria de Ferro é un peto de ánimas, ten vida, treme nas mans. É a máis emocionante crónica dunha xeración perdida (á que fixeron desaparecer) a dos libertarios galegos dos tempos da República”. Como di Manuel Rivas, se cadra nunca o horror da nosa guerra tivo unha transcrición tan nidia e expresiva. X. L. Méndez Ferrín, nunha descrición póstuma que lle dedica, despois de cualificar ao libro de “fermoso e terríbel” di: “Nos pequenos capítulos que integran as 169 páxinas da obra, Patiño vai evocando as pálidas figuras do pasado republicano e os escenarios crueis da represión franquista na Coruña e Monforte, cidade na que o autor casou, na que viviu e que moi ben coñecía. Unha galería de retratos populares, de rostros e condutas, de traxedias e sucesos situados entre o cotián e o conmovente, ordénanse diante dos ollos da nosa evocación, dura e finamente reaxustados. Memoria de Ferro é así como o testamento literario de Antón Patiño Regueira. Quen queira entrar no interior humano daquela época, quen desexe visualizar aqueles días e poñerlle nomes e apelidos ás vítimas, e tamén aos verdugos, vaia a este libro de pequeno formato que sen dúbida será consultado como fonte de coñecemento histórico cando todos esteamos tan mortos como o seu autor”. Manuel Bragado escribe no artigo “Memoria daqueles días”: “Antón ofrece aos lectores un estremecedor monllo de trinta e oito relatos, outros tantos petos para que revivan as ánimas dos seus amigos fusilados, encarcerados ou sometidos a tortura durante os primeiros días e anos da ditadura, Antón ofrece xenerosamente o seu testemuño duns feitos que viviu en primeira persoa, cando contaba con apenas dezasete anos; e faino empregando unha mirada limpa, sen rancor, mais coa nitidez e a precisión que emana dos seus ollos azuis humedecidos por un longo silencio.” A presentación do libro na Coruña o 1 de abril do 2005 foi un acontecemento extraordinario. Despois de facer unha rota organizada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega co apoio da Comisión pola recuperación da Memoria Histórica da Coruña que comezou no Campo da Rata (onde foran fusilados moitos) coa intervención de Cesáreo Sánchez Iglesias e cunha homenaxe floral a Manuel Seoane Díaz, proseguiu polos lugares onde apareceron os cadáveres de Luís Huici (en Comeanda, Visma) e de Francisco Miguel (no Coto, Pastoriza) e visitar a casa da Fontenova onde estivera o “Resplandor en el Abismo” tivo lugar a presentación do libro no centro da cidade coincidindo cunha mostra dedicada ás Brigadas Internacionais. As palabras de presentación de Xurxo Souto, de Xan Carballa e de Manuel Rivas.
A Viaxe do Tempo
O primeiro libro que recolle os seus poemas leva o título de A Viaxe do Tempo. Ten moito de simbólica devolución e vai testemuñar un intenso e fértil diálogo coa vila de Monforte de Lemos. Coma libreiro, pintor, poeta, conferenciante, editor, animador cultural, artesán e divulgador da micoloxía, foi un incansábel promotor de formas de expresión para mellorar o mundo. Plantou árbores, mesmo bosques enteiros cando tiña xa os oitenta anos cumpridos. O seu foi sempre o itinerario dun home libre. O pasamento aconteceu na madrugada do día 6 de xullo do 2005. Unha grave enfermidade que se lle diagnosticou dous meses denantes estragou a súa saúde de xeito fulminante e irreversíbel. Un tumor cerebral foi minando o seu corpo deixándoo case tolleito e inmóbil. Daquela convocou aos fillos e expresou: “Estou baixo a influencia do tangaraño” (vocalizando as verbas con énfase). Un xeito de definir o mal coa axuda da expresiva riqueza antropolóxica do seu pobo.
El, que chegara a facer preto de douscentos emocionados Prantos polos amigos que ían desaparecendo, tivo tamén daquela o acougo poético: nas súas necrolóxicas e recordatorios e no funeral na Igrexa de A Nosa Señora da Régoa e no enterro íanse escoitar fermosos versos de Lois Pereiro, de Uxío Novoneyra e máis Teixeira de Pascoaes. “Din os sonos e os paxaros:/ a morte non é certo” tiña escrito a xeito de lírico desmentido (coa concisión dun hai-ku) o poeta do Courel. “E estou vivindo un soño repetido/ nas noites dos que me seguen querendo” (de Lois Pereiro) ou os versos coa expresiva síntese visual simbolista de Teixeira de Pascoaes da que gostaba Pessoa: “A folha que tombava/ era alma que subía”. X. E. Acuña en A Nosa Terra vai falar do seu exemplo e da fortaleza moral do seu legado. O escritor X. L. Méndez Ferrín destaca así mesmo a desaparición dun excelente amigo. Xosé Manuel S. Pereiro vai facer un fermoso escrito para unha páxina necrolóxica aparecida no xornal “El País”, cunha síntese biográfica e un perfil do noso home.
Hoxe fica enterrado en Monforte de Lemos xunto a unha bandeira galega e outra republicana, despois dunha fermosa despedida nun funeral coa presenza de catro cregos amigos: César Carnero, Juan Marcial, Miguel de Torbeo e máis Guillermo de Vilaoscura. Choveron as flores e as coroas. Algún daqueles ramos levaba fermosas cores de simbólica complicidade: elaborados con flores vermellas, amarelas e máis moradas. Severino Rodríguez Díaz, alcalde do BNG de Monforte, escribiu a seguinte dedicatoria no libro de honra: “Co cariño e respecto para as persoas que coma tí defenderon o máis digno do ser humano: A LIBERDADE”. Os seus fillos pronunciaron unhas verbas: no funeral na igrexa da Régoa, Xohán Patiño leu un agarimoso texto de saúdo final da familia, o seu fillo máis pequeno Xurxo recitou un poema ateigado de señardade dedicado ao pai, e o fillo máis vello Antón pronunciou unhas palabras no cemiterio de Monforte de Lemos diante do panteón familiar. Como escribiu nunha nota de pésame Ánxel Vázquez de la Cruz: “Tantas cousas deixou que, cando menos simbolicamente, non nos sentimos tan orfos”.