Amedeo Maiuri naceu en 1886 en Veroli —naquel momento parte da provincia de Roma, mais que posteriormente pasou á de Frosinone—, fillo de Elvira Parsi e de Giuseppe Maiuri, que exercía como fiscal nesa cidade. Iniciou o seu ensino secundario no colexioescolapio Conti-Gentili, de Alatri, e logo formouse durante un breve período de xeito autodidacta na cidade de orixe do seu pai, Ceprano. Finalmente superou un exame para acudir á escola secundaria Visconti, en Roma, onde concluíu o ensino secundario.[2][3]
Logo trasladouse a Nápoles para ocupar un posto como inspector do Museo Arqueolóxico Nacional de Nápoles. No período abranguido entre 1913 e 1924 estivo en Grecia a cargo duna misión arqueolóxica no Exeo, e asumiu os papeis de director do Museo Arqueolóxico de Rodas e de superintendente de escavacións no Dodecaneso. Durante eses anos escavou sinaladamente en Kálimnos, e tamén en Halicarnaso.[2][3]
En 1924 regresou a Italia, ao ser nomeado superintendente de Antigüidades de Nápoles e do sur de Italia, así como director do Museo Arqueolóxico de Nápoles.[2]
Durante a segunda guerra mundial fixo todo o posible para salvar as coleccións dos bombardeos aliados, e tratou de salvagardar as escavacións de Pompeia das actividades militares, aínda que non logrou evitar que os bombardeos aliados de Nápoles causasen graves danos. Malia a súa vinculación co réxime fascista por mor da súa condición de alto funcionario, de membro da Regia Accademia d'Italia e de colaborador na organización da Mostra Augustea della Romanità de 1937, Maiuri non se viu afectado polas purgas que tiveron lugar na posguerra; de feito o Goberno de Pietro Badoglio mantívoo no seu cargo como director do museo, que continuou exercendo ata os 75 anos.[2]
Entre outras academias e entidades asociativas italianas, Maiuri foi membro correspondente da Accademia dei Lincei desde 1928 e membro nacional a partir de 1936. Tamén foi membro da Academia Real de Letras e Belas Artes de Nápoles, da Pontificia Academia Romana de Arqueoloxía, da Unión Académica e do Instituto de Estudos Romanos,[2] e entre 1936 e 1939 foi o primeiro presidente do Instituto Italiano de Numismática.[4] No estranxeiro, en 1942 ingresou como membro correspondente na Academia Prusiana de Ciencias,[5] e tamén foi elixido membro da Academia Real de Ciencias, Letras e Belas Artes de Bélxica, o 4 de decembro de 1961.[6]
En 1951 concedéuselle o premio literario Valdagno, na súa primeira edición. Entre outras honras, Maiuri foi nomeado comendador da Coroa de Italia e cabaleiro da Orde dos Santos Mauricio e Lázaro (1925).[2]
Amedeo Maiuri finou en Nápoles o 7 de abril de 1963.[2][3] En 1965, un grupo de arqueólogos italianos publicaron un libro homenaxe na honra de Amedeo Maiuri, titulado Gli archeologi italiani in onore di Amedeo Maiuri.[7]
Nos Campos Flégreos, cómpre salientar as escavacións de Maiuri en Cumas, onde baixo a acrópole identificou a cova da Sibila de Cumas (1932), inicio da escavación sistemática da vasta zona que posteriormente constituíu o Centro Arqueolóxico de Baia. Novamente en Baia, é relevante o inicio en 1959 das exploracións submarinas dos edificios mergullados polo bradisismo xa na antigüidade,[2] así como as escavacións en Liternum para intentar achar a residencia e a tumba de Escipión o Africano.[9]
Maiuri realizou tamén escavacións en Herculano a partir de 1927, abandonando, como en Pompeia, o método de túneles do século XVIII: a partir da investigación comezou a xurdir toda a cidade, e os resultados publicáronse en 1958.[2]
Ao longo dos anos, Maiuri foi dedicando a Pompeia unha actividade moi intensa e constante, encamiñada a explorar as súas fronteiras, a conectar as escavacións xa realizadas, a limpar a terra de recheo que se acumulara nos bordos, a restaurar estruturas, e a crear equipamentos como os xardíns ou o alumamento. Ao final do seu traballo, só quedou sen escavar un terzo da cidade.[2]
Maiuri dirixiu tamén novas exploracións en Capri, lugar ao que lle tiña moito apego persoal, en particular a Villa Jovis e ao Palazzo a Mare,[2] e en Sessa Aurunca, onde dirixiu as escavacións do teatro romano.[10]
Publicacións
Esta é unha escolma dos numerosos traballos monográficos publicados por Amedeo Maiuri ao longo da súa traxectoria:[11][12]
(1925). Nuova silloge epigrafica di Rodi e Cos. Le Monnier, Florencia.
(1929). Pompei. Istituto geografico de Agostini, Novara.
(1931). Pompei, i nuovi scavi e la villa dei misteri. Libreria dello stato, Roma.
(1931). Monumenti di scultura del Museo archeologico di Rodi. Istituto geografico de Agostini, Rodi.
(1932). Ercolano. Istituto Geografico de Agostini, Novara.
(1937). Breviario di Capri. Rispoli, Nápoles.
(1938). Passeggiate campane. Sessanta tavole fuori testo. U. Hoepli, Milán.
(1945). La cena di Trimalchione. R. Pironti, Nápoles.
(1947). La casa di Loreio Tiburtino e la villa di Diomede in Pompei. Libreria dello Stato, Roma.
↑"Istituto Italiano di Numismatica". En Anuario. Nº 49. Unione Internazionale degli Istituti di Archeologia, Storia e Storia dell'Arte in Roma. Roma. 2007. Páxina 327.
↑"Amedeo Maiuri". Berlin-Brandenburgische Akademie der Wissenschaften (BBAW.de).
↑"Amedeo Maiuri". Académie royale des Sciences, des Lettres et des Beaux-Arts de Belgique (Academieroyale.be).
↑Centro Studi Ciociaria (1965). Gli archeologi italiani in onore di Amedeo Maiuri. Di Mauro.