O ADP é o produto da desfosforilación do ATP por acción das ATPases. O ADP pode converterse de novo en ATP pola acción das ATP sintases. O ATP é unha molécula importante na transferencia de enerxía na célula.[1] A conversión destas dúas moléculas xoga un papel fundamental para fornecer enerxía a todos os procesos da vida.[1] A rotura dun enlace anhidro entre os fosfatos do ATP xera aproximadamente 7,3 kcal por mol de ATP.[2] Coa enerxía liberada pola respiración aerobia mitocondrial dos nutrientes o ADP pode ser cargado con outro fosfato e transformado en ATP.[1] Durante a fase luminosa da fotosíntese a enerxía da luz convértese en enrxía do enlace fosfato (fotofosforilación) convertendo ADP en ATP.[2]
Nas plaquetas o ADP almacénase en corpos densos e libérase cando as plaquetas se activan. O ADP interacciona cunha familia de receptores do ADP que se encontran nas plaquetas, chamados P2Y1, P2Y12 e P2X1, que interveñen na activación das plaquetas.[3] No sangue o ADP convértese en adenosina pola acción de ecto-ADPases, o que inhibe unha posterior activación das plaquetas por medio dos receptores de adenosina.
Sábese que nucleótidos illados (ADP) teñen a capacidade de catalizar reaccións orgánicas. Isto ten importancia en estudos de estados prebióticos sobre a hipótese do mundo de ARN sobre a orixe da vida na Terra.[4]