Xosé Ramón Freixeiro Mato, nado en Vilanova (Cances, Carballo)[1] o 13 de outubro de 1951, foi profesor titular, primeiro, despois catedrático (desde 2010) e profesor emérito[2] na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña na área de Filoloxía Galego-Portuguesa ata a súa xubilación en 2021.
Despois dunha infancia como neno labrego, pasou por internados relixiosos en Allariz e Cambados, e examinouse por libre nun instituto da Coruña para obter o título de bacharelato superior. A seguir, estudou Maxisterio nesa mesma cidade e nela traballou como profesor de EXB nun colexio privado durante sete anos. Licenciouse posteriormente en Filoloxía Románica e Filoloxía Galego-Portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela. Doutorouse na Universidade da Coruña cunha tese sobre Antonio Noriega Varela. Foi profesor en institutos de ensino secundario da Coruña e Arteixo e obtivo a praza de catedrático de Lingua e Literatura galegas no ensino medio, cargo desempeñado na cidade herculina. Xa doutorado, accedeu en 1993 á praza docente na UDC.[3][4][5]