Xosé Ramón Gómez Besteiro, nado en Lugo o 15 de novembro de 1967, é un avogado e político do Partido dos Socialistas de Galicia. Foi o presidente da Deputación de Lugo dende 2007 ata 2015. En 2024 foi proclamado candidato do PSdeG-PSOE á Presidencia da Xunta de Galicia para as eleccións ao Parlamento de Galicia.
Xosé Ramón Gómez Besteiro é o menor de tres irmáns. Licenciouse en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e exerceu como avogado ata o comezo da súa carreira política. Ten dous fillos.
Desenvolveu toda a súa carreira política no PSdeG-PSOE, partido ao que se afiliou tras rematar os estudos universitarios. Con 31 anos, cando estaba a exercer a súa profesión de avogado, entrou a formar parte do 1.º Goberno do PSdeG-PSOE na historia democrática da cidade luguesa, con Xosé López Orozco á fronte.
Entre 1999 e 2007 foi o voceiro do equipo de goberno no Concello de Lugo, concelleiro de Urbanismo e tamén deputado provincial. En 2000 asumiu a Secretaría Xeral da Agrupación Local do PSdeG en Lugo.
Tras as eleccións municipais de 2007, o 14 de xullo[1], Gómez Besteiro convertíase no primeiro militante do Partido Socialista en Galicia que presidía a Deputación de Lugo, sendo o número 102[2] da historia da institución provincial. Algúns dos aspectos máis significativos durante o seu primeiro mandato son o pagamento do canon hidroeléctico, a creación da UNED na capital,[3] a posta en marcha da rede provincial dos parques de bombeiros[4] ou a elaboración dun plan estratéxico provincial. Tamén puxo en marcha a rede provincial de residencias da terceira idade e centros de día e o primeiro centro público de recría de gando para o noroeste de España.[5]
Nas eleccións municipais de España de 2011, Gómez Besteiro revalidou o apoio da cidadanía. Converteuse entón no único presidente do PSdeG-PSOE en presidir unha deputación en Galicia,[6] e o único caso en toda España en que este partido gañou tanto o goberno provincial como o da capital.[7] Presidiu, ademais, un dos oito gobernos provinciais liderados polo Partido Socialista en España.
En febreiro de 2012, Gómez Besteiro entrou a formar parte do Comité Federal do Partido Socialista. Ese mesmo ano, tras pechar a súa etapa á fronte da Secretaría Xeral da Agrupación Local do PSdeG-PSOE, foi nomeado Secretario Xeral do PSOE na provincia de Lugo,[8] cargo que ocupou ata o 26 de outubro de 2013 cando foi relevado por Juan Carlos González Santín.[9]
O 13 de marzo de 2013 anunciou a súa intención de optar á Secretaría Xeral do PSdeG[10] . Presentouse ás eleccións primarias consultivas do 7 de setembro fronte ao alcalde da Illa de Arousa, Manel Vázquez, e obtivo o 77% dos votos,[11] sendo ratificado o seu nomeamento no Congreso extraordinario do 29 de setembro de 2013.[12] Co 95 % dos votos, foi proclamado novo secretario xeral do PSdeG-PSOE.
O 12 de marzo de 2016 anunciou a súa renuncia a ser o candidato do PSdeG-PSOE á Xunta de Galicia, logo de ser imputado pola xuíza Pilar de Lara como presunto autor de 6 delitos.[13] Os delitos que se lle imputaban eran suborno, prevaricación, tráfico de influencias, fraude ás Administracións públicas, fraude de subvencións e delito continuado de malversación de fondos públicos.[14] O 18 de marzo dimitiu da secretaría xeral do PSdeG-PSOE pola mesma causa. Finalmente, a causa que o levou a dimitir (coñecida como o "Garañón"), sería arquivada en febreiro de 2021.
Logo de arquivada a causa, comezou o seu regreso á vida política, e en marzo de 2023 foi designado polo goberno de Pedro Sánchez como máximo responsable da Delegación do Goberno en Galicia. Os xornais especulaban[15] daquela con que o posto sería un primeiro paso para a súa candidatura á presidencia da Xunta de Galicia.
En xuño do 2023 deixou o cargo de Delegado do Goberno en Galicia para encabezar a lista do PSdeG-PSOE pola provincia de Lugo ao Congreso dos Deputados, nas Eleccións Xerais do 23 de xullo. O 17 de agosto do 2023, tomou posesión como deputado no Congreso. O 19 de setembro, Gómez Besteiro xunto con Marta Lois de Sumar e Néstor Rego do BNG convertéronse oficialmente[16] nos primeiros parlamentarios en falar en galego no Congreso en Madrid.[17]
O 9 de outubro de 2023 anunciou que concorrería ao proceso de primarias do PSdeG para a elección do candidato á Presidencia da Xunta de Galicia. Finalmente, o 18 de outubro, foi proclamado candidato tras ser o único aspirante que logrou reunir os avais necesarios[18].
O campo de fútbol da Fonsagrada leva o seu nome.[19]