Néstor Rego Candamil, nado no Vicedo o 2 de abril de 1962, é un profesor e político galego do Bloque Nacionalista Galego, actual secretario xeral da Unión do Povo Galego. Nas eleccións xerais do 10 de novembro de 2019 foi elixido deputado do Congreso pola circunscrición da Coruña.
Traxectoria
Licenciouse en Xeografía e Historia na Universidade de Santiago de Compostela. Accedeu ao corpo de Profesores do Ensino Secundario pola especialidade de Lingua e literatura galega. Como profesor desta especialidade foi profesor no IES Antón Losada Diéguez da Estrada e no IES Antón Fraguas Fraguas de Santiago de Compostela, onde ten na actualidade a súa praza[1].
Faceta política
Ingresou en Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA) en 1977. Entrou no BNG como representante de ERGA en 1982. Foi fundador dos Comités Abertos de Faculdade (CAF).
En 1995 foi elixido concelleiro de Santiago de Compostela. En 1999 entrou no goberno municipal, asumindo a Concellaría de Medio Ambiente e Servizos. Nas municipais de 2003 encabezou a lista do BNG ao concello. Grazas a un pacto de goberno co PSdeG-PSOE, foi tenente de alcalde e concelleiro de Cultura. En maio de 2008 dimitiu de todos os seus cargos no concello aducindo razóns estritamente persoais e regresou á docencia[2].
En xuño de 2012 foi elixido secretario xeral da UPG[3], substituíndo no cargo a Francisco Rodríguez. En 2016 foi elixido membro da Executiva do BNG.[4]
Foi escollido para encabezar a candidatura do BNG na provincia da Coruña para as eleccións xerais de abril de 2019, sen conseguir escano. Seis meses despois volveu repetir posto nas eleccións xerais de novembro. Nesas eleccións o BNG logrou case 58.000 votos pola provincia da Coruña, de maneira que Néstor Rego logrou o último escano en disputa nesa circunscrición.
Actividade como deputado
Néstor Rego tomou posesión do seu escano o 3 de decembro, na sesión de Constitución da XIV lexislatura.
A lexislatura comezou marcada polas negociacións para constituír un goberno encabezado por Pedro Sánchez, líder do PSOE. Néstor Rego afirmou desde o primeiro momento a súa disposición a chegar a un acordo que permitise investir ao candidato socialista. O acordo asinouse o 3 de xaneiro de 2020, de xeito que o BNG votou a prol de Pedro Sánchez no debate de investidura que se celebrou entre o 4 e o 7 de xaneiro.
O acordo de investidura entre o BNG e o PSOE recollía, entre outros aspectos, a transferencia da AP-9 á Xunta de Galicia, o saneamento das rías, a mellora da rede ferroviaria galega ou un plan de emprego industrial[5].
Desde o comezo da actividade ordinaria do Congreso, Rego presentou propostas sobre o mantemento do emprego industrial nas Pontes, a defensa do galego ou a situación da liña ferroviaria Ferrol-Betanzos[6].
Notas
Véxase tamén
Outros artigos
Ligazóns externas