A XXXI edición da Xornada Mundial da Xuventude da Igrexa católica realizouse en Cracovia no ano 2016. Foi a segunda que acolleu Polonia tras a realizada no ano 1991 en Częstochowa, co papa Xoán Paulo II.[1]
A sede foi anunciada polo papa Francisco ao finalizar o acto da Xornada Mundial da Xuventude de Río de Xaneiro o 28 de xullo de 2013. Posteriormente anunciouse que se realizaría do 26 ao 31 de xullo de 2016.[2]
Karol Wojtyła (papa san Xoán Paulo II) naceu na localidade polaca de Wadowice o 18 de maio de 1920, pero identificou a Cracovia como a súa terra natal: ”Aquí, nesta terra nacín. Aquí, en Cracovia, pasei gran parte da miña vida (...) Aquí tamén sentín a vocación ao sacerdocio (...) Aquí, na Catedral de Wawel, fun consagrado bispo”.[3]
A Xornada Mundial da Xuventude iniciouse como unha invitación do papa san Xoán Paulo II aos mozos a reunirse en Roma para o Domingo de Ramos de 1984.[4] Máis de 300 milleiros de persoas asistiron á celebración. En 1985 coincidiu co Ano Internacional da Xuventude das Nacións Unidas. O 20 de decembro dese mesmo ano, o Papa anunciou a primeira Xornada Mundial da Mocidade, de 1986. A Xornada Mundial da Xuventude 2016, en Cracovia, foi a trixésima primeira celebrada.[5][4]
As Xornadas Mundiais da Xuventude desempeñaron un papel especial no papado de Xoán Paulo II, e tanto o papa Bieito XVI como o papa Francisco levaron a cabo as Xornadas Mundiais da Xuventude instituídas por san Xoán Paulo II, como un símbolo de esperanza para os mozos.[6][5]
A arquidiocese de Cracovia puxo en marcha unha páxina web oficial da Xornada Mundial da Xuventude 2016: www.krakow2016.com
Ademais, o evento contou cunha forte presenza nos medios sociais, coas páxinas lanzadas en Facebook, Twitter, Tumblr, Instagram, Google+, Ask, Weebly, Flickr e YouTube.[7]