Flavius Iulius Valentinianus, naceu en Cibalae, na Panonia Inferior no ano 321. Fillo de militar, tamén el se adicou ás armas, onde chegou a destacar ata chegar a ser comandante en xefe das tropas romanas. En tempos de Xuliano, foi desterrado e afastado dos centros de poder, política exercida por este emperador. Coa subida o poder de Xoviano, este o chama de novo ao seu carón e chega a ser comandante da garda persoal do emperador. Cando este falece, Valentiniano atopábase en Nicea, na Bitinia, e os seus oficiais e tropas noméano augustus.
Axiña nomea ao seu irmán Valente como collega, para o goberno da parte oriental do imperio. A xuntanza dos dous irmáns prodúcese en Naissus, quedando a cargo de Valente os Balcáns, Grecia, Exipto e Asia Menor. Pronto tivo que facer fronte á primeira sublevación, a de Procopio, parente de Xuliano, que foi vencido en Thryatia, na Lidia, no 366, desfacendo o seu exército e matando ao sublevado. Pouco despois, Valente tenta de chegar a un acordo de paz cos persas, cousa que fora un encargo directo de Valentiniano.
A defensa do Imperio
Valentiniano tivo que lle facer fronte a numerosos intentos de invasións e sublevacións de parte dos pobos bárbaros. Por unha banda, nun principio tivo a súa corte en Tréveris, para desprazarse despois a Milán, para estar mais preto do teatro de operacións militares. Despois de pacificar o norte de Italia, fortificar a zona de Basilea, na actual Suíza, centra o seu cuartel en París, xa que os alamáns tentaban a invasión. De xeito inesperado, estes invaden a Galia e asolan a cidade de Mogontiacum, a actual Maguncia. As loitas contra estes lévano a vencelos en Solicinium, pero esta vitoria non foi definitiva, e chegou a un acordo de paz e concordia co rei dos alamáns, Macriano, que dende entón se converte en fiel aliado dos romanos. Entón Valentiniano dedícase a fortalecer a zona do Rhin mediante a construción de acuartelamentos.
Tamén nesa época, os ataques de piratas na zona da Galia foron constantes por parte das tribos saxoas, coincidindo cunha sublevación dos pictos e escotos na Britania, que, atravesando o muro de Hadrián, arrasaran a zona do actual condado de Kent. Valentiniano enviou ao seu xeneral Flavio Teodosio, quen en diferentes incursións venceu a estes e engadiu este condado ás posesións romanas baixo o nome de Valentia, en lembranza do nome do emperador.
Pouco despois prodúcese unha sublevación en África, na provincia da Mauritania, por parte do príncipe Firmo, canso dos abusos do gobernador da provincia en temas de impostos e administración da xustiza. De novo Teodosio desprázase á zona cunha lexión de veteranos, que vence a Firmo, quen remata suicidándose para non acabar en mans romanas.
Mentres tanto Valentiniano trata de evitar a invasión dos cuados e sármatas, que consideraban que a construción de fortes nas súas terras (na actual Eslovaquia) era unha invasión romana. O seu rei Gabino morrera por unha traizón dos romanos e a guerra parecía inevitábel. Pero Valentiniano tentou de se entrevistar cos seus embaixadores, pero, nunha discusión escacháronlle unha ánfora de viño na cabeza, e, de resultas das feridas, morre sete días despois en Brigetium, na Panonia, no ano 375.
A súa política
Valentiniano estivo casado dúas veces. A primeira delas con Marina Severa, coa que tivo un fillo, Graciano, que á idade de sete anos foi nomeado césar e sucesor de Valentiniano. A segunda das súas esposas foi Xustina, coa que tivo un fillo, o futuro Valentiniano II, e a súa terceira filla Gala, casou mais tarde con Teodosio, emperador de Oriente.
Moi preparado para o goberno, foi un defensor do cristianismo, pero preveu ao clero dos abusos que se estaban a cometer, dado o poder económico que estes estaban a alcanzar. Foi o primeiro gobernante en institucionalizar o Defensor de Pobo, para evitar os abusos das clases poderosas sobre os débiles. Así mesmo, en materia de saúde, foi o primeiro gobernante en establecer un médico por barrio nas grandes cidades, como Roma. Fundou escolas en Roma, a pesar de que el era analfabeto. Amosouse durísimo coas persoas acusadas de bruxería ou adiviñación e nunca conmutou unha pena de morte. En materia relixiosa, adoptou unha política de liberdade de culto e total tolerancia.
Á súa morte, sucédeo o seu fillo Graciano, cando só ten unha idade de 20 anos.