A Unión da Mocidade Galega (UMG) é a organización xuvenil da Unión do Povo Galego. Supón a principal corrente interna de Galiza Nova, mocidades do BNG.
Ten como ideoloxía política o marxismo-leninismo, así como o nacionalismo galego, tendo por obxectivo a consecución dunha república galega independente e socialista. Como forma de organización adopta o centralismo democrático.[1]
A UMG terá o seu congreso fundacional os días 14 e 15 de agosto de 1977,[2] nun contexto no que tanto a UPG como a AN-PG se atopaban inda ilegalizadas.[3] Este congreso convocarase baixo o lema “Por unha Galicia ceibe e socialista”. Nel apróbanse uns estatutos nos que se define como marxista-leninista e nacionalista, adoptando tamén o centralismo democrático.[4] A partir deste congreso, pasa a integrar a UMG toda a militancia da UPG menor de 21 anos de idade, constituíndose a UMG como organización autónoma integrada dentro desta.
En decembro de 1977 comeza a publicación do que será o voceiro da UMG, que leva por título Guieiro, recuperando o nome do voceiro da Federación de Mocidades Galeguistas anterior á Ditadura Franquista.[5]
Ao longo das décadas de 1970 e 1980, a UMG vai participar na consolidación da organización estudantil ERGA, ao mesmo tempo que levará a cabo campañas en temas que afectan especificamente á mocidade, como a loita contra a precariedade laboral xuvenil ou contra o servizo militar obrigatorio.[6] Así mesmo, a UMG, fará parte das diversas mobilizacións sociais nas que participa o nacionalismo galego nese período, como a loita contra a instalación da central nuclear en Xove ou da mina a ceo aberto das Encrobas. Ou nas xornadas de loita contra os Pactos da Moncloa que convoca a ING no ano 78.[7]
Dende o ano 1988 coa creación de Galiza Nova (organización xuvenil do BNG), a UMG intégrase nesta actuando como corrente interna no seu seo cedendo parte do seu protagonismo público á nova organización de masas.
A UMG atópase organizada en asembleas de zona, podendo existir tamén asembleas sectoriais. O órgano principal de dirección é o Congreso que se convoca de forma ordinaria cada dous anos. No período intercongresual a dirección recae nun Comité Nacional elixido polo Congreso, así como nun Secretariado Nacional elixido polo Comité. Á fronte da UMG sitúase o Secretario ou Secretaria Xeral da UMG.[1]
Entre as actividades públicas que realiza a UMG atópanse a edición e difusión do seu voceiro, o Guieiro, así como a organización anual das Xornadas de Formación Moncho Reboiras.