A primeira tempada de True Detective, unha serie de televisión estadounidense creada por Nic Pizzolatto, estreouse o 12 de xaneiro de 2014 na canle de televisión por cable HBO. Os actores protagonistas desta tempada foron Matthew McConaughey, Woody Harrelson, Michelle Monaghan, Michael Potts e Tory Kittles. Cunha duración de oito episodios, a súa primeira emisión finalizou o 9 de marzo de 2014. Seguindo un formato de serie de antoloxía, cada unha das tempadas de True Detective posúen unha historia propia con diferentes personaxes e ambientacións.
Construída como unha narrativa non lineal, a primeira tempada céntrase nos detectives de homicidios da policía de Luisiana Rustin "Rust" Cohle (McConaughey) e Martin "Marty" Hart (Harrelson), que investigan o asasinato da prostituta Dora Lange en 1995. Dezasete anos despois retoman a investigación xunto ás doutros crimes sen resolver. Durante ese tempo as infidelidades de Hart ameazan a estabilidade do seu matrimonio con Maggie (Monaghan), mentres que Cohle ten problemas para enfrontarse ós problemas do seu pasado. Esta primeira tempada de True Detective explora as temáticas do pesimismo filosófico, da masculinidade e do cristianismo. A crítica analizou a súa representación das mulleres, a súa sensibilidade de obra de autor e as influencias dos cómics e da ficción estraña de terror na súa narrativa.
Pizzolatto concibiu True Detective nun primeiro momento como unha novela, mais finalmente considerou que era máis axeitada para unha serie de televisión. Os episodios, dirixidos por Cary Joji Fukunaga, rodáronse en Luisiana nun período de tres meses. A serie recibiu críticas positivas e estivo considerada unha das mellores series dramáticas da tempada televisiva estadounidense de 2014. Foi candidata a numerosos premios televisivos, incluíndo o nomeamento a un premio Emmy á mellor serie dramática e un Globo de Ouro á mellor miniserie ou telefilme, gañando varios deles polo seu guión, cinematografía, dirección e actuación.
Parroquia de Vermilion, Luisiana, 3 de xaneiro de 1995. Os detectives de homicidios Martin "Marty" Hart (Woody Harrelson) e Rustin "Rust" Cohle (Matthew McConaughey) investigan o asasinato dunha prostituta, Dora Lange, de 28 anos. O seu cadáver aparece disposto como se estivese rezando, a súa cabeza coroada con hastas de cervo, e o seu corpo arrodeado de celosías feitas con ramallos que se asemellan a trampas cajúns para paxaros. Hart e Cohle centran a súa atención nun caso dunha nena de cinco anos desaparecida chamada Marie Fontenot. Coincidindo no tempo outra nena afirma que un "monstro spaghetti de orellas verdes" a perseguira polo bosque. Trala insistencia de Maggie (Michelle Monaghan), Hart invita a Cohle a súa casa para cear, pero enfurécese cando Cohle chega bébedo. Na súa investigación sobre a desaparición Fontenot descobren outra celosía de ramallos semellante.
1995. A animosidade entre Cohle e Hart estala cando Cohle sospeita que Hart está séndolle infiel a Maggie. O reverendo Billy Lee Tuttle (Jay O. Sanders), un notable evanxelista e primo do gobernador, avoga por unha forza especial da policía que se centre nos "crimes anticristiáns", incluíndo o asasinato de Lange. A investigación de Hart e Cohle lévaos ata un afastado rancho que aloxa rapazas escapadas que traballan alí como prostitutas. Alí atopan o diario de Lange, que contén repetidas referencias a "Carcosa" e ó "Rei Amarelo". Nos restos dunha igrexa incendiada atopan un mural que representa unha figura humana levando unhas hastas de cervo na cabeza.
1995. Hart e Cohle, tras conversar co sacerdote Joel Theriot, descobren que Lange ía en ocasións pola igrexa na compañía dun home alto cunhas cicatrices distintivas na cara. A súa investigación continúa baixo a presión de que a nova forza especial creada por Tuttle se faga cargo do caso. A Hart dálle un ataque de ira por celos cando descobre a súa amante Lisa (Alexandra Daddario) con outro home. Mentres investiga casos pasados, Cohle identifica símbolos semellantes ós do caso Lange na morte de Rianne Olivier, clasificada como accidental. Hart e Cohle visitan a escola relixiosa Light of the Way Academy dirixida por Tuttle, á que asistía Olivier, pero ó chegar descobren que está abandonada e só atopan alí un encargado. Descobren que o mozo de Olivier, Reggie Ledoux (Charles Halford) é un exconvicto que fora compañeiro de cela do exmarido de Dora Lange, Charlie, e dende entón saltouse a súa condicional. Os detectives dan un aviso xeral a tódalas axencias para a busca e captura de Ledoux.
En 1995 Charlie Lange (Brad Carter) afirma que lle amosou fotografías de Dora a Ledoux. Hart atopa un socio de Ledoux e obrígao a revelarlle a localización da operación de metanfetamina de Ledoux cos Iron Crusaders, unha banda de moteiros procedente do leste de Texas. Cohle, que fora membro da banda cando estaba infiltrado, toma unha ausencia por motivos propios para infiltrarse de novo na banda, poñendo como escusa que ten que visitar o seu pai que está a piques de morrer. Lisa informa a Maggie da súa relación con Hart, e Maggie marcha da súa casa xunto coas súas fillas. Hart ten unha discusión con Maggie no traballo dela, e Cohle sácao de alí evitando unha liorta co persoal de seguridade. O contacto de Cohle nos Iron Crusaders, Ginger (Joseph Sikora), promételle o acceso ás subministracións de metanfetamina da banda a cambio da súa axuda nun roubo a unha banda rival. O roubo acaba mal, con baixas en ámbolos dous bandos, e provoca un caos na veciñanza da banda rival. Cohle vese obrigado a apresar a Ginger e escapa no coche de Hart.
En 1995 Ginger presenta a Cohle a DeWall Ledoux, o primo de Reggie e compañeiro na cociña de metanfetamina. DeWall rexeita facer negocios con Cohle, mais lévao a el e a Hart a un laboratorio agochado no pantano. Hart prende a Reggie, que solta varias afirmacións crípticas sobre Carcosa. Hart mata a Reggie nun ataque de ira tras descubrir dúas nenas raptadas e abusadas no complexo. DeWall escapa pero morre tras activar unha bomba lapa caseira. Hart e Cohle simulan probas para que pareza que tivo lugar un tiroteo e informan disto na investigación policial. Os dous quedan como heroes na súa estación de policía e diante da prensa, recibindo condecoracións e un ascenso.
En 2002 Hart e Maggie reconcílianse e Cohle ten parella de novo. Durante un interrogatorio policial, o prisioneiro pídelle a Cohle un acordo a cambio de información sobre o asasino de Dora Lange, quen afirma que aínda está en liberdade e continua asasinando. Menciona o "Rei Amarelo", o que chama a atención de Cohle. O prisioneiro suicídase na súa cela antes de que Cohle poida investigar as súas afirmacións. Cohle volve á escola Light of the Way Academy, atopando ducias de celosías de ramallos e imaxinaría escura pintada nas paredes.
En 2002, Cohle atopa conexións entre unha serie de persoas desaparecidas e as escolas pagadas por Tuttle. Un antigo sacerdote dos ministerios de Tuttle afirma que este ocultou casos de abusos a menores. A vítima sobrevivente de Ledoux, internada con catatonía regresiva, fálalle a Cohle cun terceiro atacante, un home xigante con cicatrices, e comeza a berrar cando Cohle lle pregunta sobre a súa cara. Tuttle realiza unha queixa no departamento de policía tras unha tensa reunión con Cohle, que queda advertido de cesar a súa investigación e suspendido do traballo. Hart comeza unha relación con Beth (Lili Simmons), unha exprostituta na súa adolescencia que el entrevistara en 1995 mentres traballaba no caso Lange. Tras descubrir esta nova aventura, Maggie manipula a un Cohle bébedo e mantén relacións sexuais con el, sabendo que Hart nunca a perdoaría por iso e conseguindo desa forma o divorcio. Tras dicirllo a Hart, este e Cohle pelexan no aparcadoiro da estación de policía. Cohle dimite inmediatamente trala pelexa.
Inspirado polas series da HBO The Wire, The Sopranos e Deadwood,[9] Nic Pizzolatto comezou a traballar nunha colección de relatos curtos que publicou posteriormente co título de Between Here and the Yellow Sea en 2006.[10] En 2010 publicou a novela Galveston, e comezou a escribir guións para a televisión, sen éxito nuns primeiros momentos por falta de presuposto.[9] O seu primeiro traballo notable na televisión foi en 2011, como guionista para a serie da AMC The Killing. Pizzolatto afirmou que o seu traballo nesta serie serviulle para ver o funcionamento interno da industria televisiva. Porén, co tempo aumentou a súa insatisfacción coa dirección creativa da serie e marchou ás dúas semanas de comezar o traballo no guión para a segunda tempada.[10]
A súa intención inicial era que True Detective fose unha novela, pero en canto o proxecto tomou unha forma definida, Pizzolatto considerou que os cambios narrativos no tempo e perspectiva a facían máis axeitada para a televisión.[10][11] Intentou propoñer unha adaptación da súa novela Galveston, e dende maio ata xullo de 2010 escribiu seis guións, incluíndo un bosquexo de 90 páxinas do episodio piloto de True Detective.[9][10] Pizzolatto conseguiu un acordo coa HBO para unha serie piloto potencial ó pouco tempo.[10] Escribiu un segundo guión para a serie ó pouco de marchar do seu traballo en The Killing co apoio da produtora Anonymous Content,[10] que finalmente produciu e desenvolveu o proxecto internamente.[12] En abril de 2012, tras un axitado período de poxas, a HBO encargou oito episodios de True Detective.[12] Pizzolatto non contratou un equipo de guionistas por considerar que un enfoque colaborativo non funcionaría ben co seu proceso novelístico illado, e porque un grupo non conseguiría o resultado que desexaba.[13] Tras traballar en solitario durante uns tres meses, rematou a copia final do guión proxectado, cunha extensión de 500 páxinas.[13][14]
Debido a que a serie está concibida como unha antoloxía, cada unha das tempadas posúe unha narrativa propia, seguindo a un conxunto de personaxes distinto en diferentes escenarios cada tempada.[10] Pizzolatto comezou a considerar os papeis protagonistas cando estaba propoñendo a serie ás diversas cadeas a comezos de 2012.[10] O formato de antoloxía só requiría que os actores se comprometesen a unha única tempada, polo que Pizzolatto puido atraer estrelas de cine que normalmente evitarían as series de televisión por mor dos seus frecuentes compromisos cinematográficos.[13] Woody Harrelson e Matthew McConaughey estaban entre os actores que Pizzolatto considerou para os papeis protagonistas. McConaughey, que rematara había pouco a rodaxe de Killer Joe, xa fora contratado tempo antes de que a HBO encargase a tempada.[11] Impresionado coa súa actuación en The Lincoln Lawyer, Pizzolatto asignoulle nun primeiro momento o papel de Hart, mais o propio McConaughey convenceuno para que lle dese o papel de Cohle.[15] Cando lle preguntaron sobre a súa decisión de cambiar papeis nunha entrevista para a revista Variety, o actor respondeu: "Quería meterme na cabeza dese tipo. A obsesión, a illa dun só home—Sempre estou buscando a un tío que fai monólogos. É algo realmente importante cando sinto que estou adentrándome no meu mellor traballo".[16] Na súa preparación para o papel, McConaughey creou unha análise de 450 páxinas, "Four Stages of Rustin Cohle", para estudar a evolución da personaxe durante a tempada.[17]
Harrelson foi a seguinte elección de protagonista para representar a Hart, contratado a petición de McConaughey.[18][19] Harrelson afirmou que se uniu á serie en parte porque desexaba traballar con algunhas das persoas involucradas no proxecto, coas que colaborara previamente no filme de 2012 da HBO Game Change.[20] Michelle Monaghan aceptou representar o papel feminino protagonista da serie afirmando que se sentía atraída pola dirección do argumento da serie e o arco argumental da súa personaxe.[21] Michael Potts e Tory Kittles completaron o elenco de actores protagonistas, representando os detectives Maynard Gilbough e Thomas Papania respectivamente.[22][23] Os principais actores secundarios da primeira tempada de True Detective foron Kevin Dunn no papel do maior Ken Quesada, Alexandra Daddario no papel de Lisa Tragnetti e Brad Carter no papel de Charlie Lange.[22]
Pizzolatto reduciu a súa procura dun director a dous candidatos, Cary Joji Fukunaga, ó que coñecía de Anonymous Content, e Alejandro González Iñárritu. Fukunaga foi nomeado formalmente como director despois de que Iñárritu non aceptase o proxecto por mor de compromisos noutros filmes.[24][25] Como preparación para o seu traballo na serie, Fukunaga pasou tempo cun detective de homicidios da división de investigacións criminais da policía estatal de Luisiana para desenvolver unha representación rigorosa do traballo dun detective de homicidios nos anos 1990.[26] Fukunaga recrutou a Adam Arkapaw, director de fotografía de Top of the Lake, como o cinematógrafo do proxecto. Arkapaw chamou a atención de Fukunaga polo seu traballo en Animal Kingdom e Snowtown, e foi contratado tras unha reunión que mantiveron en San Francisco.[27] Alex DiGerlando, con quen Fukunaga xa traballara en Glory at Sea de Benh Zeitlin en 2008, foi contratado como deseñador de produción. Fukunaga afirmou nunha entrevista: "Sabía o que Alex conseguira nos pantanos de Luisiana, e con algo de orzamento o máis incrible que podería ser na construción de escenarios a usar durante un ou dous días e quedar abandonados despois".[28]
Inicialmente a primeira tempada de True Detective ía rodarse en Arcansas, pero Pizzolatto finalmente escolleu rodar en Luisiana para aproveitar os incentivos fiscais do estado e a paisaxe distintiva da zona.[13][29] A rodaxe principal levou entre uns 100 e uns 110 días[28] dende xaneiro ata xuño de 2013,[27] rodando aproximadamente uns cinco minutos de serie por día.[27] O equipo de produción construíu varias pezas de decorado, entre elas unha capela incendiada, a tenda da congregación relixiosa de Joel Theriot e as oficinas da división de investigación criminal de Luisiana, estas últimas construídas dentro dun almacén de lámpadas abandonado preto de Elmwood.[30] Para a escena do crime de Dora Lange o persoal rodou tomas exteriores nun campo de canas de azucre en Erath, que ó estar parcialmente queimado inspirou o que DiGerlando denominou un fondo "deprimido e atmosférico" para as escenas interiores correspondentes.[30] A escena na que Cohle escapa dun tiroteo tomando a Ginger como refén rodouse en Bridge City nunha toma continua de seis minutos, unha técnica que Fukunaga xa utilizara anteriormente en Sin Nombre en 2009 e en Jane Eyre en 2011.[31][32] Rodada en sete tomas, a preparación para esta escena foi extensa e esixente. McConaughey adestrouse con Mark Norby para dominar un estilo de loita para a súa personaxe,[31] e a natureza da toma precisou un equipo de coordinadores de dobres, artistas de maquillaxe e persoal de efectos especiais durante toda a súa rodaxe.[32] Outra das localizacións para a serie foi nos arredores do instituto Kenner High School,[30] e nas ruínas do Forte Macomb do século XIX, localizado nos arredores de Nova Orleáns, para as escenas do último capítulo.[33]
O horario de rodaxe non se organizou seguindo a mesma secuencia que os episodios, o que supuxo unha dificultade engadida para o manexo da loxística.[34] Toda a tempada rodouse en película de 35 mm,[35] escollida polo equipo de produción para conseguir unha textura determinada e unha calidade de "nostalxia".[27] Para a rodaxe utilizouse unha cámara Panavision Millennium XL2, correspondendo a elección da lente segundo o período no que tiña lugar a escena. As escenas ambientadas en 1995 e 2002 rodáronse con lentes Panavision PVintage, producindo unha imaxe máis suave ó estar feitas de vidro reciclado de baixo contraste, e utilizaron lentes máis anchas para esaxerar a composición e darlle un efecto máis "cinemático".[27] Por outra banda, as escenas ambientadas en 2012 rodáronse con lentes Panavision Primo, cunha paleta visual máis aguda e un contraste moito maior, dándolle unha aparencia máis "moderna e nítida" ás imaxes segundo Arkapaw.[27]
Joshua Walsh foi o responsable da creación do material gráfico de True Detective. Entre outros elementos artísticos, o seu traballo consistiu na creación de máis de 100 esculturas de ramallos individuais de "niños do diaño" creadas polo asasino na serie, xunto cos murais e esculturas en miniatura de persoas feitas con latas de cervexa.[30] Segundo DiGerlando, o interese de Walsh na caza e na taxidermia facían del "o tipo perfecto para o traballo".[30] No guión non se establecía ben a definición de como debían ser estes "niños do diaño", contendo só unha indicación de que terían que manterse por si sós e incluír un deseño espiral. DiGerlando e Walsh decidíronse por un deseño de trípode que deixaba ver unha espiral na súa base, e contiña elementos cruzados en forma de escada que simbolizaban o desexo do asasino de ascender a un plano espiritual escuro. Cada deseño presentaba sutís diferenzas do outro, facéndoos únicos.[30] DiGerlando citou a obra de Henry Darger e James Charles Castle como influencias estilísticas e procurou unha aparencia primitiva para as esculturas, unha que revelase o traballo dun home "cun profundo desexo interno de expresarse".[30] Para reflectir isto, Walsh construíu os niños con barro, roupa usada de nenos, xuncos, raíces e outros materiais.[30]
A secuencia de título foi produto dunha colaboración entre o director Patrick Clair, o seu estudio Elastic en Santa Monica, o seu estudio Antibody con base en Sydney e a compañía Breeder de Brisbane.[36][37] O equipo de deseño resaltou a paisaxe industrial do sur de Luisiana porque segundo Clair reflectía as características e loitas internas persoais dos personaxes da serie.[36] Usando o libro de fotografías Petrochemical America de Richard Misrach publicado en 2012 como modelo, o equipo de produción fotografou primeiro os escenarios locais, entrelazando as imaxes resultantes para formar o núcleo da secuencia.[37] En canto o equipo comezou a animación tivo que facer fronte a varios problemas: As imaxes fotográficas eran demasiado granuladas e as gravacións demasiado ásperas. Como resultado, alteraron moitas das tomas a unha décima parte da súa velocidade orixinal, o que segundo Clair "evocaba un ambiente surrealista e onírico que capturaba perfectamente o que estabamos a buscar".[36]
A creación dun efecto 3D precisou que o equipo de deseño utilizase unha variedade de mallas poligonais e modelos xeométricos.[36] Usando diversas técnicas de animación e efectos especiais, superpuxeron estas imaxes para evitar unha aparencia dixital e estéril.[37] Clair afirmou: "O máis crucial para min foi que isto non semellase dixital, polo que nos esforzamos en incorporar tanta imaxinería orgánica como foi posible".[37] Para algunhas imaxes o equipo de deseño creou dobres dixitais para xerar unha maior textura. A edición final da secuencia puliuse utilizando técnicas de glitching óptico e motion blur.[36] O xornal The Sydney Morning Herald incluíu esta secuencia de título na súa lista de 2014 das dez mellores secuencias de título da televisión.[38]
O tema de apertura da primeira tempada é "Far from Any Road", unha canción de country alternativo composta orixinalmente por The Handsome Family para o seu álbum de 2003 titulado Singing Bones.[37] A banda sonora de True Detective inclúe unha recompilación de música gospel e blues, seleccionada por Pizzolatto e T Bone Burnett, que se opuxeron ó uso de música cajún e swamp blues para a música da serie por consideralo algo excesivo.[39] Burnett afirmou que a música tiña a intención de estar baseada nos personaxes, en lugar de estar inspirada por outros dramas de ficción sobre crimes.[39] Na primeira tempada incluíronse temas de Bo Diddley, The Melvins, The Staple Singers, Grinderman, Vashti Bunyan, Townes Van Zandt,[40] e Captain Beefheart entre outros.[41] Burnett compuxo tamén pezas orixinais xunto a Rhiannon Giddens, quen usou un sintetizador Swarmatron, e xunto a Cassandra Wilson.[39] HBO publicou o 14 de agosto de 2015 un álbum resumido da banda sonora, incluíndo 14 temas das dúas primeiras tempadas da serie, tanto en formato físico como a través de iTunes.[42]
Dentro do contexto da masculinidade como tématica en True Detective, Christopher Lirette de Southern Spaces comentou que a serie era sobre "homes vivindo nun mundo brutalmente masculino", e polo tanto as mulleres representábanse como "cousas a ser salvadas e obstáculos eróticos" seguindo o estilo de filmes como Double Indemnity e Chinatown.[43] Willa Paskin de Slate afirmou que a representación das personaxes femininas da serie (as traballadoras sexuais, as falecidas e unha "esposa irritante") semellaban revelar unha intención de reflectir a "miope cosmovisión dos protagonistas e a cultura policial sureña moi masculina na que habitan"[44] Algúns críticos consideraron a caracterización de Hart como unha manifestación desta idea, evidente pola súa visión exclusiva das mulleres como virxes ou pécoras, así como pola súa forma de tratar a Maggie e a Audrey.[43][45][46]
Nun artigo para a revista Salon, Janet Turley afirmou que na seire as mulleres "convértense en reflexos dos homes" xa que o universo de True Detective vese a través dos protagonistas masculinos.[47] Sam Adams de Indiewire argumentou que a historia principal da tempada centrábase nas "cousas horribles que os homes lle fan ás mulleres", das que moitas nunca se denuncian ou investigan.[48] A maiores afirmou que o papel das mulleres é máis profundo xa que Cohle sofre pola súa exmuller e a súa filla falecida, e Hart é incapaz de "tratar de forma axeitada ás mulleres".[48] Segundo Scott Wilson, orador de estudos culturais na Universidade Kingston, na serie as mulleres distínguense en tres grupos que denomina "as superegoicas, as obscenas e as sagradas".[49] Segundo a interpretación de Wilson, Maggie represéntase como a muller superegóica que "lle esixe constantemente ó seu marido ou compañeiro avergoñado, atándoo en curto e desviándoo do seu papel simbólico como policía".[49]
A filósofa Erin K. Stapleton subscribe a teoría de que o cadáver de Dora Lange serve para "definir o territorio ou orientación inicial polo que se forman as comunidades de True Detective".[50] Stapleton indica que é a través do cadáver de Dora como se articula claramente por primeira vez a relación entre Cohle e Hart,[50] e a maiores da súa propia uinión, "o coñecemento íntimo" do corpo dela é a base de tódalas outras relacións nas súas respectivas vidas.[51] A súa narrativa polo tanto influencia o desenvolvemento do carácter de ámbolos dous homes segundo se adentran máis profundamente na súa investigación.[52]
Nado no seo dunha familia católica, Pizzolatto afirmou que de neno vía a relixión como unha narración que actúa "como un escape da verdade".[53] Segundo Andrew Romano de The Daily Beast, a tempada alude á infancia de Pizzolatto e crea un paralelo entre a cristiandade e a teoloxía sobrenatural de Carcosa, afirmando que "ámbalas dúas son historias que a xente se conta a si mesma para escapar da realidade e que 'violan toda lei do universo'".[53] Romano considerou que esta mensaxe non é crítica da relixión per se, senón que amosa como o "poder da narración" e o fervor relixioso "poden levarte a algúns lugares bastante nauseabundos".[53] Jeff Jensen de Entertainment Weekly opinou que a serie tórnase máis consciente de si mesma por medio das duras críticas de Cohle á relixión, considerando isto como un vehículo para o comentario sobre o escapismo da cultura popular.[54] Stapleton indicou que os crimes en True Detective, por mediko das propias vítimas e das implicacións de sacrificio e violencia sexual, "son unha contestación ó cristianismo conservador do que se orixinan, e procuran explotar as oportunidades para o pracer da transgresión que ofrece unha estrutura como esa".[55]
Edia Connole indicou que observara conexións a Philip Marlowe e ó Lanzarote do Lago de Le Morte d'Arthur na presentación de Cohle na serie.[56] Tamén indicou que outros aspectos de True Detective evocan imaxinería cristiá, incluíndo a escena de título que segundo ela é un reflexo da crucifixión de Xesús.[57] O filósofo Finn Janning argumentou que a evolución de Cohle na serie serve para ilustrar unha afinidade entre o budismo e o pesimismo filosófico.[58] Pesimista autoproclamado, Cohle acaba cambiado por unha experiencia próxima á morte no capítulo final da tempada, e ten unha epifanía na que ve á morte como "amor puro", algo que evoca o concepto budista do rigpa.[58]
A crítica indicou a influencia da ficción de terror e da ficción estraña na narrativa de True Detective, examinando a influencia nesta de Thomas Ligotti e da colección de historias curtas The King in Yellow de 1895 escritas por Robert W. Chambers.[59] As alusións a The King in Yellow obsérvanse na filosofía escura da serie,[60] utilizando recorrentemente "Carcosa" e "The Yellow King" como ideas centrais durante toda a tempada, e usando simbolicamente o amarelo como sinatura temática coa significación temática da loucura e da decadencia.[61] Pizzolatto foi acusado de plaxiar a Ligotti por mor das semellanzas entre algunhas liñas de diálogo de True Detective e o texto do libro de Ligotti The Conspiracy Against the Human Race de 2010, acusacións que Pizzolatto negou aínda que recoñeceu a influencia de Ligotti no seu desenvolvemento da serie.[62]
Outros filósofos e autores identificaron como influencias para a serie a Arthur Schopenhauer,[60] Friedrich Nietzsche,[62] Gilles Deleuze,[58] Ray Brassier, Emil Cioran e Eugene Thacker.[63] Mathijs Peters, nun artigo para Film International, argumentou que True Detective indaga na filosofía de Schopenhauer a través do seu tratamento da individualidade, autonegación ou a batalla entre a luz e a escuridade.[64] Ben Woodard indicou que a filosofía en evolución da serie, que examina un contexto no que a cultura, relixión e sociedade están dirixidas por produtos da debilidade biolóxica: "A programación biolóxica recupérase e as visións redistribuídas socialmente, as fes e as personalidades acerbadas toman as rendas de fins incertos que crean un mundo onde a xente desaparece".[65] Fintan Neylan argumentou que incluso a ambientación realza un mundo "onde non é posible agochar a decrepitude do ordeamento humano".[66] Neylan afirmou: "Este non é lugar do que marchara a esperanza; é un lugar onde a esperanza nunca puido botar raíces. É nesta xente e ambientes onde o terror real ten a súa fonte".[66] Porén Neylan observou que as accións de Cohle non están motivadas pola misantropía, senón por un motivo de facerlle fronte "a aqueles que tentan ben disfrazar ou ben manipular esta fraxilidade dos humanos para o seu propio beneficio".[67] Christopher Orr do xornal The Atlantic afirmou que True Detective era "Fincheriana no mellor sentido", unha fusión de Seven e Zodiac debido a súa temática, brillante cinematografía e "aura vívida e perturbadora".[68]
Sam Adams de Indiewire comparou a Cohle co protagonista de Alan Moore's The Courtyard e debuxou paralelos entre The Invisibles de Grant Morrison e a breve exploración da serie da teoría M nun dos monólogos de Cohle.[69] Pola súa banda, o columnista de ComicsAlliance e da revista New York Abraham Riesman citou Top 10 como a inspiración do final da tempada baseándose no diálogo da escena de peche do último capítulo.[70][71]
Outro dos temas debatidos entre a crítica foi a sensibilidade de obra de autor da serie como unha reflexión da visión persoal dos seus autores.[72] Pizzolatto e Fukunaga son ós únicos creadores de cada episodio, ó que lle dá á serie un lugar único nun medio tradicionalmente colaborativo onde é habitual que haxa amplos grupos de escritores e directores que traballan en conxunto.[72][73] Colin Robertson da revista The List indicou que Twin Peaks era o antecedente artístico máis notable da primeira tempada de True Detective, afirmando que ámbalas dúas series desafían os tópicos das series dramáticas de crimes e "usan as convencións de xénero dun estilo de misterio como un sublime trampolín subversivo, saltando dende este para contar unha historia máis ampla".[73]
True Detective estreouse cunha audiencia de 2,3 millóns de espectadores nos Estados Unidos, converténdose na estrea de mellor valoración da HBO dende o episodio piloto de Boardwalk Empire.[74] O número de telespectadores mantívose estable e chegou ó seu máximo no episodio final con 3,5 millóns de espectadores.[75] No seu conxunto a primeira tempada da serie acadou unha media duns 2,33 millóns de espectadores por episodio,[76] e a súa audiencia media bruta (incluíndo gravacións en DVR, reposicións e streaming en HBO Go) acadou un total de 11,9 millóns de espectadores por episodio, converténdose na serie de estrea máis vista da HBO dende a primeira tempada de Six Feet Under 13 anos antes.[77][78]
A prensa estadounidense situou a True Detective entre os mellores programas de televisión do ano 2014.[79] Moitos críticos eloxiaron o traballo dos dous actores protagonistas,[80][81][82] destacando frecuentemente a McConaughey entre os dous.[83][84][85][86][87] Varios críticos destacaron as escenas de conversacións entre eles, habitualmente en interiores claustrofóbicos, como algunhas das mellores actuacións da serie.[82][88][89] A caracterización tivo críticas mixtas. Os discursos de Cohle, descritos polo HuffPost como "monólogos cativadores",[89] e por Vanity Fair como material denso e interesante,[84] foron criticados polo New York Post como "psico-balbucidos dos anos 70" que fan que a historia sexa máis lenta.[90] Varios críticos consideraron que a serie realiza unha representación estereotipada das mulleres, "ou ben enfadadas ou ben excitadas",[91][92] aínda que Michele Monaghan recibiu eloxios pola súa actuación nun "papel ingrato".[91]
Pizzolatto e Fukunaga, como único guionista e director da serie respectivamente, puideron exercer un maior control sobre esta do que se considera habitual nunha serie de televisión, polo que a crítica destacou que lles permitiu tomar riscos, afastándose das expectacións habituais para o ritmo, os diálogos e a cinematografía.[86][93] Os guións de Pizzolatto recibiron críticas puntuais por ser "literariamente cohibidos" e recargados,,[90][94] e varios xornalistas atribuíron fallos no guión á súa falta de experiencia á hora de escribir dramas para a televisión.[82][85] Malia estas críticas, o Daily Telegraph e Uproxx describiron a tempada como "ambiciosa"[95] e "densa en sucesos e significado".[86] A estrutura en flashback tamén dividiu á crítica. Mentres que algúns críticos describírona como "sorprendentemente sen interrupcións"[85] e como "un recurso destacado",[96] outros consideraron que a disposición fragmentada da narración era un fallo da serie.[84][86] Uproxx eloxiou a cinematografía de Fukunaga,[86] mentres que The Boston Globe cualificou a banda sonora de "sobria, baleira e percusora",[97]
Varios críticos describiron a historia de dous detectives incompatibles traballando xuntos como un clixé,[92][98] aínda que The Daily Beast describiu a narrativa como "potencialmente revolucionaria"[98] e o crítico de Grantland indicou que "a forma é realmente radical e progresista", malia engadir que "o contido é todo o contrario".[91] Emily Nussbaum de The New Yorker considerou que a historia real era "un conto máis simple sobre descricións heroicas masculinas e primeiros planos de nádegas femininas". Nussbaum describiu os monólogos como "charla profunda de residencia de estudantes" e argumentou que a serie "caeu na súa propia charla comercial".[92] Outros críticos foron máis positivos, describindo a serie como "terriblemente nerviosa e furiosa na súa entrega e intención"[99] ou como "unha das series máis fascinantes e cativadoras".[98]
Segundo se aproximaba o anuncio dos nomeamentos para a 66ª edición dos premios Emmy os medios de comunicación incluíron a True Detective entre varias miniseries potencialmente candidatas debido á revisión da Academia de Artes e Ciencias da Televisión estadounidense que recoñeceu ós filmes e ás miniseries como categorías distintas.[100] En marzo de 2014 HBO incluíu True Detective como aspirante ó premio de serie dramática,[101][102][103] algo considerado pouco convencional por mor do formato de antoloxía da serie e da gran competitividade da categoría con series como Breaking Bad e House of Cards.[104] John Landgraf, presidente de FX, reprobou esta decisión declarando nun evento de prensa: "O meu propio punto de vista é que unha miniserie é unha historia que finaliza, unha serie é unha historia que continúa. Para ser sincero, creo que é inxusto que HBO inclúa True Detective na categoría de series dramáticas porque esencialmente podes conseguir a certos actores para facer unha serie con final pechado que non poden asinar un contrato de sete anos".[105] Porén, True Detective emerxeu como principal candidato ós premios Emmy, e en xullo de 2014 a serie foi nomeada para 12 premios, seguindo a Breaking Bad con 16 nomeamentos.[106] Finalmente obtivo cinco premios Emmy: mellor director, mellor elenco, mellor deseño de escena de título, mellor maquillaxe e mellor cinematografía.[107]
True Detective foi candidata tamén a outros premios, a maioría destes pola súa dirección, cinematografía, guión e actuación. Estivo nomeada para catro Globos de Ouro, entre eles ó Globo de Ouro á Mellor Miniserie ou Filme de Televisión, e para un premio TCA ó Programa do Ano..[108][109] Entre os premios recibidos, a serie gañou un BAFTA ó Mellor Programa Internacional, un Premio do Sindicato de Guionistas de América na categoría de series dramáticas, e un Critics' Choice Television Award ó Mellor Actor de Serie Dramática (McConaughey).[110][111][112]
O 10 de xuño de 2014 HBO Home Entertainment publicou a primeira tempada de True Detective nos formatos de DVD e Blu-ray. A maiores dos oito episodios da tempada, ámbolos dous formatos incluían contido adicional con entrevistas con McConaughey e Harrelson, Pizzolatto e Burnett sobre o desenvolvemento da serie, reportaxes, dúas pistas de son con comentarios, e varias escenas eliminadas.[118] Durante a súa primeira semana á venda nos Estados Unidos, True Detective foi a segunda serie de televisión máis vendida en DVD e Blu-ray, cunhas 65 208 copias vendidas.[119]
Todas as referencias en inglés agás cando se indique o contrario.