O Trofeo Teresa Herrera de hóckey a patíns foi un torneo amigábel disputado na Coruña nos anos 50 e recuperado na década de 2010.
Historia
Anos 50
A primeira edición, impulsada por Antonio González,[1] disputouse na praza de María Pita entre o 26 e o 28 de xuño de 1952, uns días despois do Trofeo Teresa Herrera de fútbol, e participaron nel os equipos do Deportivo da Coruña (campión galego), Atlético de Madrid (campión de Castela) e FC Barcelona.[2] O primeiro partido enfrontou ao Deportivo co Atlético de Madrid, formando o equipo galego con Lago, Varela, Fernando Bremón, José Fontenla e os irmáns Pepe e Antonio González, mentres que o equipo madrileño aliñou a Galian, Groiza, Martínez, Garrigues, Wences e César. Venceu o Atlético por 6-0 con tres goles de Wences e outros tres de Garrigues.[3][4] Ao día seguinte o Barcelona derrotou ao Deportivo por 11-3, con goles de Bargalló (4), Newton (3), Rovira (3) e Gallén (1), mentres que por parte coruñesa anotaron Brunet, Bremón e González.[5] Na derradeira xornada o Atlético venceu ao Barcelona por 3-2, conquistando deste xeito o trofeo, que lle foi entregado polo alcalde da Coruña, Alfonso Molina.[6]
A segunda edición do torneo disputouse en setembro de 1955, enfrontándose esta vez catro equipos: Campo de Ourique (campión da liga portuguesa), Académico do Porto, Español (campión da Copa do Xeneralísimo) e unha selección coruñesa formada polos porteiros Germán e Suso, os defensas Fontela e Armando, e os medios e dianteiros Escariz, Morán, Dafonte, Iglesias e Bremón.[7]
Os equipos portugueses, con varios xogadores internacionais, venceron aos dous equipos españois na primeira xornada: o Campo de Ourique derrotou á selección coruñesa por 5-0, mentres que o Académico venceu 5-3 ao Español. No segundo día o Español derrotou aos coruñeses por 5-1, mentres que o Campo de Ourique gañou ao equipo do Porto por 3-0.[8] No derradeiro día de competición a selección coruñesa empatou a dous goles contra o Académico, mentres que o Campo de Ourique proclamouse campión ao empatar tamén 2-2 co Español.[9]
En xuño de 1956 disputouse a terceira edición na que participaron o Club Patín Cibeles de Oviedo (campión de Asturias), o Real Alcodiam de Alcoi (campión do Levante), e dous clubs coruñeses: o Deportivo e o Centro Asturiano. Na xornada inaugural o equipo alcoiano goleou por 9-0 ao Centro Deportivo, mentres que o Cibeles derrotou á súa vez ao Deportivo da Coruña por 6 goles a 2.[10] Na segunda xornada o Alcodiam, liderado polos irmáns Jordá, logrou unha nova vitoria, esta vez contra o Deportivo da Coruña por 6-1. No partido entre o Cibeles e o Centro Asturiano rexistrouse un empate a un, con goles anotados por Moreno por parte do equipo ovetense e Morán para os coruñeses.[11] Na última xornada o Deportivo venceu por 2-1 ao Centro Asturiano, mentres que no partido decisivo polo torneo o Cibeles derrotou por 3-0 ao Alcodiam, adxudicándose o trofeo.[12]
Anos 2010
Case 60 anos despois, en 2014, disputouse unha nova edición do torneo, enfrontando no Pazo dos Deportes de Riazor ao HC Liceo co AD Valongo portugués, gañando o equipo coruñés por 6-4, con goles de Jordi Bargalló (2), Toni Pérez, Eduard Lamas, Pau Bargalló e Josep Lamas.[13] O Liceo revalidou o título ano seguinte, derrotando ao Valença HC por 8-4 con goles de Josep Lamas (3), Toni Pérez (3), Dava Torres e Pau Bargalló por parte do equipo verde, mentres que os goleadores do equipo portugués foron Diogo Cunha (2), Nene Magalhães e Jorge Faria.[14]
En 2016 o torneo disputouse a modo de triangular, coa participación do Liceo, o Porto FC e o Valença HC. O Liceo conquistou o seu terceiro título tras empatar 4-4 co Porto[15] e golear por 12-0 ao Valença.[16] En 2017 disputouse a derradeira edición ata a data,[17] na que o novo Liceo de Juan Copa gañou o seu cuarto título derrotando por 6-2 ao Valença HC, con goles de Sergi Miras (2), Eduard Lamas, Dava Torres, Marc Coy e Carlo di Benedetto.[18]
Edicións
Palmarés
Notas
Véxase tamén
Outros artigos
Ligazóns externas
|
---|
|
Equipos | |
---|
Outras competicións | |
---|
Pavillóns | |
---|
Deporte na Coruña |
---|
Equipos | Fútbol | |
---|
Hóckey a patíns | |
---|
Balonmán | |
---|
Rugby | |
---|
Waterpolo | |
---|
Outros deportes | |
---|
|
---|
Instalacións | |
---|
Eventos | |
---|
Sociedades | |
---|