Sentinel é unha serie de misións espaciais da Axencia Espacial Europea que son parte do programa Copérnico para a observación da Terra co fin de estudar o cambio climático, a extensión do xeo polar, problemas de urbanismo e agricultura e dar apoio en situacións de catástrofe natural, entre outros.[1]
As misións Sentinel están formadas por satélites ou por instrumentos científicos a bordo de satélites de terceiros co fin de facer determinadas observacións. Cada misión está centrada na observación de determinadas características usando certos instrumentos.[2][3]
A misión Sentinel 1 está formada por catro satélites, dous deles (Sentinel 1A e 1B) lanzados o 3 de abril de 2014 e o 25 de abril de 2016, cos outros dos (Sentinel 1C e 1D) a ser lanzados no futuro. Son satélites de observación mediante radar de apertura sintética en banda C construídos sobre o bus Prima e cunha masa de máis de 2000 kg. Os satélites poden observar cunha resolución de entre 5 e 25 m segundo o modo operativo. A misión está pensada para ter continuidade cos datos dos satélites ERS e Envisat. Sentinel-B finalizou a súa misión en 2022.[4][2][3]
Os Sentinel 2 están adicados a obter imaxes multiespectrais de alta resolución para monitorizar a cobertura vexetal e hidrolóxica, o solo e as áreas costeiras, entre outros. Tamén poden enviar información a servizos de emerxencia. Lanzáronse o Sentinel 2A o 23 de xuño de 2015, o Sentinel 2B o 7 de marzo de 2017 e o Sentinel 2C o 5 de setembro de 2024, con previsión de lanzar no futuro o Sentinel 2D. Os instrumentos dos Sentinel 2 poden producir imaxes cubrindo 290 km de ancho cunha resolución espacial de entre 10 e 20 m en trece canais, desde o visible ao infravermello. Están pensados para dar continuidade ás misións Landsat e SPOT e usan o bus AstroBus-L, cunha masa duns 1130 kg.[5][2][3]
Os Sentinel 3 son satélites con varios instrumentos para medir a topografía da superficie oceánica, a temperatura e a cor da terra e do mar e servir de apoio para os sistemas de predición meteorolóxica e observación climática. Os seus datos dan continuidade a misións como Envisat e CryoSat. Están construídos co bus Prima, contando cunha masa duns 1200 kg. O Sentinel 3A lanzouse o 16 de febreiro de 2016, mentres que Sentinel 3B foi lanzado o 25 de abril de 2018, cos Sentinel 3C e 3D a ser lanzados no futuro.[6][2][3]
Sentinel 4 consiste nun sondeador no visible, no ultravioleta e no infravermello próximo que viaxará a bordo dun satélite meteorolóxico Meteosat Third Generation no futuro. O instrumento está pensado para obter datos da calidade do aire e medir os niveis de ozono, dióxido de nitróxeno, dióxido de xofre, formaldehido e outras especies, así como medir o espesor óptico de aerosoles e a dispersión destes coa altura.[7][2][3]
Sentinel 5P (P de Precursor) é un satélite de baixo custo lanzado como adianto de Sentinel 5. Foi lanzado o 13 de outubro de 2017 e está adicado a estudar a química atmosférica mediante a medición de gases traza e aerosoles que afectan á calidade do aire. O satélite da continuidade aos datos de Envisat e Aura. Usa o bus AstroBus-L 250M e ten unha masa de 900 kg.[8][2][3]
Sentinel 5 é un instrumento que viaxará a bordo dos satélites METOP-SG para estudar a atmosfera, continuando as observacións de Sentinel 5P.[9][2][3]
Sentinel 6, tamén coñecidos como Jason-CS, son satélites para facer medicións altimétricas mediante radar da altura da superficie mariña para estudos oceanográficos e climáticos. Os Sentinel 6 usan unha plataforma derivada de CryoSat. O primeiro foi lanzado o 21 de novembro de 2020 e están deseñados para dar continuidade aos datos dos satélites Jason.[10][2][3]
Ademais das misións en curso, hai planificadas seis misións de expansión para seguir dando servizo no futuro:[11]